Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Venres, 2 de setembro de 2016 Páx. 38892

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 3 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020, ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), e se convocan as correspondentes ao ano 2016.

O Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo e Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello, establece nos artigos 32, 34 e 35 a cooperación no marco do Desenvolvemento local participativo (DLP).

O Regulamento (UE) 508/2014 (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, establece nos artigos 62 e 64 a cooperación no marco do desenvolvemento sustentable das zonas pesqueiras.

O FEMP incorpora de maneira efectiva as estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) concibidas e postas en práctica polos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), como principal instrumento para o logro da Prioridade cuarta da UE relativa a aumentar o emprego e a cohesión territorial mediante o obxectivo específico de fomento do crecemento económico, a inclusión social, a creación de emprego e o apoio á empregabilidade e á mobilidade laboral nas comunidades pesqueiras e acuícolas, incluíndo a diversificación das actividades realizadas no marco da pesca e respecto doutros sectores da economía marítima.

A cooperación é un mecanismo que pode contribuír a definir fórmulas integradas para o desenvolvemento común en diferentes territorios co fin de promover o crecemento azul, o patrimonio natural e cultural local, promocionar os produtos pesqueiros locais e o turismo, así como investir na súa valoración. A cooperación abre tamén a posibilidade de combinar os obxectivos de mellora da competitividade das zonas, protección do ambiente e mellora da calidade de vida.

O Programa operativo para España do FEMP, aprobado por decisión de execución da Comisión do 13.11.2015 C(2015) 8118 final, mellora no punto 5.1 a información específica sobre a aplicación de estratexias de desenvolvemento local participativo. O punto 5.1.3 establece que os organismos intermedios de xestión poderán fomentar proxectos interterritoriais e/ou transnacionais nos que participen os GALP de cada territorio.

Para a posta en marcha do desenvolvemento sustentable das zonas de pesca na Comunidade Autónoma de Galicia, e segundo o establecido no programa operativo, a Consellería do Mar seleccionou os seguintes grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) e aprobou as estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) para o período de programación do FEMP 2014-2020:

• GALP A Mariña Ortegal: Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño.

• GALP Golfo Ártabro Norte: Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne, Pontedeume.

• GALP Costa da Morte: A Laracha, Carballo, Malpica, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Camariñas, Vimianzo, Muxía.

• GALP Seo de Fisterra Ría de Muros Noia. Costa Sustentable: Fisterra, Corcubión, Cee, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia, Porto do Son.

• GALP Ría de Arousa: Boiro, Cambados, Catoira, O Grove, Illa de Arousa, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribadumia, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa.

• GALP Ría de Pontevedra: Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Meaño.

• GALP Ría de Vigo-A Guarda: Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, O Rosal, Oia, Baiona, A Guarda.

Os GALP asinaron convenios de colaboración coa Consellería do Mar para a aplicación das súas estratexias de desenvolvemento local participativo.

O papel fundamental dos grupos como dinamizadores destas zonas, pode ser canalizado a través da cooperación tanto nacional como transnacional. O intercambio de experiencias e coñecementos e a suma de esforzos contribúe ao desenvolvemento sustentable das zonas costeiras. A cooperación é un paso adiante como instrumento de desenvolvemento, sendo preciso consolidar o proceso de colaboración das zonas costeiras.

Por todo o exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Normas xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de axudas para proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dentro da Unión Europea (UE) dos grupos de acción local do sector pesqueiro (en diante GALP) para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do FEMP 2014-2020, ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (en diante EDLP).

2. Para efectos do presente artigo, defínense:

a) Cooperación interterritorial: a realizada dentro do Estado, entre os GALP dunha mesma zona ou de diferentes zonas do territorio nacional, ou entre os GALP e asociacións público-privadas locais dunha mesma zona ou de diferentes zonas do territorio nacional que apliquen unha EDLP.

b) Cooperación transnacional dentro da UE: a realizada entre grupos de distintos Estados membros da UE, ou con asociacións público-privadas locais doutros Estados membro que apliquen unha EDLP dentro da Unión.

3. Tamén é obxecto desta orde, convocar as axudas para el año 2016 de acordo coas bases reguladoras.

Artigo 2. Réxime xurídico

Para o outorgamento e concesión das axudas reguladas nesta orde observarase o disposto nas seguintes normas, sen prexuízo das demais normas aplicables tanto estatais como autonómicas na materia:

a) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

b) Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014.

c) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, de aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

d) Programa operativo para España do FEMP aprobado por decisión de execución da Comisión do 13.11.2015 C(2015) 8118 final.

e) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

f) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

g) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 3. Proxectos subvencionables

1. Enténdense como proxectos de cooperación ao abeiro desta orde os proxectos que en desenvolvemento da EDLP se formulen no marco deste réxime de axudas. Os proxectos de cooperación terán as seguintes características:

a) Os proxectos serán coherentes coas estratexias de desenvolvemento local participativo dos GALP participantes e contribuirán a que os socios acaden os obxectivos estratéxicos fixados na súas zonas de pesca.

b) Implicarán a posta en común de ideas, coñecementos, recursos humanos e/ou materiais, para a consecución dun obxectivo de interese compartido e mediante a execución das accións que se consideren necesarias.

c) Os proxectos poderán ter carácter social ou económico, e terán en consideración os principios de desenvolvemento sustentable, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e a non discriminación.

d) Implicarán a execución dunha acción en común, no sentido que se executa de forma conxunta. Os gastos preparatorios terán a consideración de fase previa de preparación dun proxecto, pero non de proxecto de cooperación como tal. A cooperación ten que ir máis alá do intercambio de experiencias e ten que supoñer a realización dunha acción común concreta con resultados claramente definidos e beneficios para os territorios correspondentes.

e) Os proxectos poderanse limitar a elaborar e compartir un deseño de accións beneficiosas para os territorios participantes, pero terase que levar a cabo a execución para cada un destes territorios, prolongando a colaboración nas tarefas de seguimento, avaliación e aproveitamento das sinerxías.

f) Poderán implicar a realización e/ou a comercialización de produtos e/ou servizos en calquera ámbito de desenvolvemento local, realizadas entre os territorios ou participantes de forma conxunta.

g) Promoverán a participación dos sectores socioeconómicos do territorio, afectados polos fins e obxectivos do proxecto.

h) Os proxectos axustaranse á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os GALP que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter sido seleccionados pola Consellería do Mar no marco do desenvolvemento sustentable das zonas de pesca do FEMP 2014-2020.

b) Ter asinado un convenio de colaboración coa Consellería do Mar para o desenvolvemento dunha estratexia de desenvolvemento local participativo (EDLP).

c) Participar nun proxecto de cooperación interterritorial e/ou transnacional.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario dunha axuda FEMP os GALP:

a) Que se atopen nalgún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, durante todo o período de tempo previsto en aplicación deste.

b) Nos que concorran algunha das circunstancias sinaladas no artigo 10, parágrafos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Que non estean ao corrente das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Beneficiarios conxuntos

1. As entidades sinaladas no artigo 4 poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades. Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumpriren as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.

2. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente, cando non for posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

3. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8 desta lei.

Artigo 6. Acordo de cooperación

1. Enténdese por acordo de cooperación o documento asinado polos socios cooperantes no que se establezan os obxectivos do proxecto, as accións que se levarán a cabo para conseguilos, as actuacións de cada un dos participantes, a participación económica, así como o cronograma.

2. O contido mínimo do acordo de cooperación é o seguinte:

a) Datos de cada grupo ou entidade participante: nome, dirección, teléfono e dirección de correo electrónico; así como das persoas e/ou entidades colaboradoras do proxecto, se procede.

b) Descrición detallada do proxecto, na que se indique:

1º. Obxectivos.

2º. Accións que se emprenderán para conseguilos.

3º. Resultados previstos.

4º. Beneficiarios potenciais.

5º. Papel de cada participante na organización e a implementación do proxecto.

6º. Papel das persoas ou entidades colaboradoras, se é o caso.

7º. Acordos para a organización e o seguimento do proxecto.

8º. Resultados esperados.

9º. Orzamento xeral global e a participación de cada socio. Indicaranse claramente os gastos preparatorios.

10º. Cronograma de execución previsto por accións e tipo de gasto.

c) Cláusula que permita novas adhesións (opcional).

d) Duración do acordo.

e) Modificación do acordo.

3. Cada socio é responsable dos compromisos que asumiu ante os outros conforme o acordo de cooperación. Así mesmo, cada socio ten a responsabilidade administrativa e financeira das operacións que dirixa.

4. No acordo de cooperación poderá designarse un GALP coordinador, que será o socio cuxo papel e responsabilidades inclúen a dirección e coordinación da preparación e implementación do proxecto, así como do seguimento e comunicación dos obxectivos conseguidos. Será a canle de comunicación coa Administración para proporcionar a información sobre o seguimento do proxecto e logros acadados.

5. No caso de que un ou máis GALP galegos cooperen nun proxecto fóra do ámbito territorial da Comunidade Autónoma, un destes GALP terá que realizar as funcións de coordinador a nivel galego.

6. Cada un dos GALP galegos participantes no acordo terá a condición de beneficiario, asumindo as obrigas establecidas no artigo 7.

Artigo 7. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. Os beneficiarios deberán:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, na orde de convocatoria ou demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a comprobación documental e material deste.

b) O beneficiario manterá os investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos durante un período mínimo de 5 anos desde o último pagamento efectuado pola Consellería do Mar.

c) Xustificar o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención, conforme o establecido nesta orde.

d) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Comunicar á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foi concedida a axuda de que se trate.

g) No caso de axudas concedidas a bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura e no rexistro público correspondente o importe de subvención concedida e o período durante o cal os bens subvencionados quedan adscritos ao fin concreto recollido na subvención.

h) Dispoñer dos libros contables e dun sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas coa axuda, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, durante un mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, de acordo co establecido no artigo 136 do Regulamento (UE; EURATOM) Nº 966/2012.

j) Independentemente do sistema establecido para a xustificación da subvención, deberán manterse á disposición da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo os documentos xustificativos relativos aos gastos subvencionados ata o 31 de decembro de 2023, salvo que o prazo que resulte do establecido no artigo 140 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 sexa distinto, neste caso comunicarse coa antelación suficiente.

k) Os documentos conservaranse ou ben en forma de orixinais ou de copias compulsadas de orixinais, ou ben en soporte de datos comunmente aceptados, en especial versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes unicamente en versión electrónica.

l) Darlle a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), nos termos establecidos no artigo 115 e anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e do capítulo II do Regulamento (UE) nº 821/2014.

m) No caso de proxectos conxuntos, os beneficiarios deberán ratificar ante a Consellería do Mar o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.

n) Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 10.1 do Regulamento (UE) nº 508/2014, durante todo período de execución da operación e durante un período de cinco anos despois da realización do pagamento final ao beneficiario. Así, no caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, e de conformidade co artigo 135 do Regulamento nº 966/2012, poderase proceder á recuperación da axuda aboada indebidamente.

Artigo 8. Persoas e/ou entidades colaboradoras dun proxecto de cooperación

Nun proxecto de cooperación poden colaborar as entidades locais, fundacións, asociacións, entidades económicas ou empresarios individuais e, en xeral calquera persoa física ou entidade con personalidade xurídica que manifeste o seu interese para contribuír ao desenvolvemento do proxecto.

Artigo 9. Gastos subvencionables

1. As accións e proxectos previstos ao abeiro desta orde débense corresponder con accións subvencionables segundo o disposto no Regulamento (UE) nº 508/2014 e a súa normativa de aplicación e desenvolvemento.

2. Os gastos subvencionables son os custos efectivamente asumidos polo perceptor dunha subvención e que se axustan aos seguintes requisitos xerais:

a) Foron pagados pola persoa beneficiaria con anterioridade á finalización do prazo de xustificación, e responden de maneira indubitada á natureza da operación subvencionada.

b) Consignáronse no orzamento estimado total do proxecto.

c) Son necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención.

d) Son identificables e verificables, en particular constan na contabilidade do beneficiario e inscribíronse de acordo coas normas contables e de conformidade coas prácticas contables habituais do beneficiario en materia de gastos.

e) Cumpren co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.

f) Son razoables e xustificados, e cumpren co principio de boa xestión financeira, en especial no referente á economía e relación custe/eficacia.

3. Os investimentos para os cales se solicita a axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude da axuda.

4. Gastos preparatorios:

a) Entendese por gastos preparatorios, os que se destinan a facilitar a búsqueda de posibles socios e a apoiar a preparación dunha acción común. Son accións que preceden ao proxecto de cooperación e inclúen os gastos ocasionados desde a data de presentación da solicitude de axuda ata a data da aceptación.

Estes gastos terán que identificarse claramente no orzamento dos proxectos e na xustificación de gastos, e non poderán superar o 30 % do custo total do proxecto.

b) Consideraranse gastos preparatorios subvencionables os gastos referidos ás seguintes actividades:

1º. Actuacións organizativas, asistencia a reunións, análises previas, e elaboración de anteproxectos de cooperación.

2º. Procura de socios participantes e creación e mantemento dunha ferramenta ad hoc. Gastos de subscrición do acordo ou convenio de cooperación e/ou de constitución da estrutura xurídica común.

3º. Promoción de colaboracións externas que, como universidades, organizacións non gobernamentais, etc., acheguen coñecementos, experiencia, recursos técnicos, entre outros, á cooperación entre os territorios.

4º. Programas de formación específica en materia de cooperación.

5º. Recompilación e divulgación de boas prácticas en materia de cooperación.

6º. Gastos de viaxes e estadías para reunións e contactos de cara á posta en marcha do proxecto.

7º. Asesoramento contable, xurídico e fiscal.

8º. Gastos de interpretación e tradución.

9º. Material audiovisual e promocional e de asistencia telemática.

10º. Contratación temporal de persoal experto.

11º. Gastos de garantía bancaria.

12º. Estudos de viabilidade, seguimento e control, proxectos técnicos ou profesionais.

c) Os gastos preparatorios dun proxecto de cooperación poderán estimarse elixibles no caso de que, por causas debidamente xustificadas o proxecto de cooperación non chegue a materializarse ou implantarse. Neste caso, o grupo enviará ao órgano instrutor, un informe do proxecto que deberá incluír información completa das causas ou circunstancias que imposibilitaron a súa implantación.

5. Os grupos beneficiarios de proxectos de cooperación poderán subcontratar totalmente a execución destes, segundo o disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Gastos non subvencionables

1. Para os efectos do disposto nesta orde, os seguintes gastos non serán subvencionables:

a) O IVE, excepto cando non sexa recuperable e sexa costeado de forma efectiva e definitiva por beneficiarios que non teñan a condición de suxeito pasivo, de acordo coa definición do artigo 13, punto 1, paragrafo primeiro da Directiva 2006/112/CE do Consello, do 28 de novembro de 2006, relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido.

b) Os gastos xerais e de funcionamento dos GALP participantes.

c) Os regalos e as atencións protocolarias ou de representación.

d) Os xuros debedores e outros gastos financeiros.

e) A adquisición de terreos non edificados e terreos edificados por un custo superior ao 10 % do gasto total subvencionable.

f) As recargas e sancións administrativas e penais, así como os gastos dos procedementos xudiciais.

g) O custo dos elementos de transporte que non estean directamente relacionados coa operación.

h) As compras de materiais e equipamentos usados.

i) Os gastos de reparacións, conservación, funcionamento e mantemento dos bens e equipos. Os gastos orixinados por unha mera reposición de anteriores salvo que a nova adquisición corresponda a investimentos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento.

j) Os gastos de constitución e primeiro establecemento dunha sociedade, agás dunha estrutura común entre os socios do proxecto de cooperación.

k) As obras non vinculadas co proxecto, de investimento en vivendas, comedores, obras de embelecemento, equipos de recreo e similares.

l) A urbanización que non estea relacionada coa actividade do proxecto que se pretende financiar.

m) As contribucións en especie.

n) A transferencia da propiedade dunha empresa.

o) Adquisición de elementos e todo tipo de bens pagados en efectivo.

p) Os custos indirectos.

q) Contratación de servizos de profesionais externos e asesoramento con traballadores dalgunhas das entidades beneficiarias do proxecto.

r) Contratación entre beneficiarios para levar a cabo actividades ou servizos no proxecto, nin autofacturación.

s) Calquera gasto que de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable, que non estea relacionado coa posta en marcha ou execución do proxecto ou coa estratexia do GALP.

Artigo 11. Contía das axudas

O grao de financiamento dos proxectos interrexionais ou transnacionais ao abeiro da correspondente EDLP para operacións que se leven a cabo en virtude do título V, capítulo III do Regulamento (EU) nº 508/2013, será o seguinte:

a) A porcentaxe de axuda máxima para proxectos ascenderá ao 50 % do gasto subvencionable total da operación.

b) A porcentaxe de axuda máxima poderá ascender ao 100 % do gasto subvencionable total da operación cando a operación responda aos seguintes criterios: beneficiario colectivo e ofrecer acceso público aos seus resultados.

c) Os proxectos que se amparen no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 del Tratado ás axudas de minimis (D.O. L352 do 24.12.2013), aplicaranse as porcentaxes anteriores e limitaranse a un máximo de 200.000 € por promotor durante un período de tres exercicios fiscais.

Artigo 12. Compatibilidade das axudas

1. As axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda, subvención ou recurso público e privado, sempre que o mesmo gasto ou investimento non teñan financiamento parcial ou total procedente doutro fondo EIE ou instrumento financeiro comunitario, nin polo mesmo fondo conforme un programa ou medida diferente, e ademais, que o importe acumulado das axudas non exceda o custo da actividade subvencionada.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os devanditos límites, procederase por resolución do órgano concedente á minoración da axuda concedida.

3. Os beneficiarios deberanlle comunicar por escrito a obtención de calquera outra axuda e deberán achegar, de ser o caso, a resolución de concesión.

Artigo 13. Dotación orzamentaria

1. As axudas concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do actual Programa operativo FEMP 2014-2020 sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma.

2. En cada anualidade sucesiva fixaranse por unha orde complementaría o crédito plurianual existente con esa finalidade. Os créditos de cada ano poderán ser incrementados, se é o caso, coas incorporacións dos remanentes de exercicios anteriores que legalmente correspondan.

3. O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2016 e a plurianualidade asociada ás axudas que se poidan conceder neste alcanza o importe de trescentos vinte e un mil catrocentos vinte e sete euros (321.427 euros), repartidos nas seguintes anualidades e partidas orzamentarias:

Partida orzamentaria

Ano 2016

Ano 2017

Totais

14.03.723C.7801

189.075 €

132.352 €

321.427 €

4. Os importes consignados en cada convocatoria poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que isto dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

5. As convocatorias rexeranse polas bases reguladoras establecidas nesta orde e, se é o caso, pola normativa reguladora de tramitación anticipada de expedientes de gasto.

6. As axudas estarán limitadas, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

7. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 85 % con fondos FEMP e do 15 % pola Comunidade Autónoma.

8. Poderán adquirirse compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 de Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 14. Criterios de selección

1. Estas axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva, para o cal os proxectos presentados se valorarán de acordo cos criterios establecidos no punto 2 do presente artigo.

2. Para superar o proceso de selección os candidatos deberán obter un mínimo de 100 puntos, sobre un total de 200 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

a) A implicación dos socios necesarios para a posta en marcha dos proxectos. Máximo 30 puntos.

1º. Proxectos de cooperación entre GALP de Galicia: en función do número de socios. Máximo 30 puntos.

2º. No caso dos proxectos de cooperación con grupos doutras comunidades autónomas e/ou cooperación transnacional, e en función do número de socios:

i. Cooperación interterritorial con grupos doutras comunidades autónomas. Máximo 20 puntos.

ii. Cooperación transnacional. Máximo 20 puntos.

b) A capacidade dos beneficiarios para executar o proxecto. Máximo 20 puntos.

c) O proxecto describe claramente o grupo ao que está destinado e as entidades que van participar/colaborar na súa implementación. Máximo 15 puntos.

d) Articulación do proxecto arredor das as EDLP dos grupos galegos participantes. Obxectivos estratéxicos da estratexia do GALP aos que contribúe o proxecto. Máximo 30 puntos.

e) Orzamento axeitado e coherente co cronograma e as actividades que se van realizar. Máximo 20 puntos.

f) A descrición clara e lóxica das actividades planeadas e do valor engadido da cooperación. Máximo 20 puntos.

g). Incidencia sobre os sectores de mulleres e mozos/as. Máximo 20 puntos:

i. Porcentaxe das actuacións do proxecto dirixidas a mulleres. Máximo 10 puntos.

ii. Porcentaxe das actuacións do proxecto dirixidas a mozos/as. Máximo 10 puntos.

h) Fomentar o crecemento azul, en particular a través do turismo costeiro e marítimo. Máximo 20 puntos.

i) No caso de proxectos transnacionais, por parte do persoal a disposición do proxecto, acreditar o coñecemento de máis dun idioma oficial da UE ou da lingua de orixe do país socio. Máximo 10 puntos.

j) Recursos locais involucrados nos proxectos (patrimonio, infraestruturas, produtos ou servizos locais). Máximo 15 puntos.

CAPÍTULO II
Procedemento de concesión das axudas

Artigo 15. Prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes de axudas poderán ser presentadas ao longo de todo o período do Programa operativo 2014-2020 ata o 1 de marzo de 2020.

2. Coas solicitudes presentadas ata o 31 de xaneiro de cada ano realizarse a adxudicación das axudas.

3. De non esgotarse o crédito orzamentario para a anualidade correspondente, poderá realizarse unha nova fase de adxudicación de axudas, coas solicitudes presentadas ata o 1 de xullo de cada ano, co límite do crédito dispoñible.

4. Para a convocatoria de 2016 o prazo de presentación de solicitudes será de un (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento, non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.

5. Aquelas solicitudes que non puidesen ser atendidas no período correspondente por falta de crédito poderán ser tomadas en consideración no período seguinte, no caso de que o solicitante faga manifestación expresa nese sentido, sen que isto supoña preferencia ningunha como criterio de selección.

6. A derradeira resolución de concesión realizarase con anterioridade ao 1 de xullo de 2020.

Artigo 16. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes irán dirixidas á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e axustaranse ao modelo que figura como anexo I.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

3. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas, ou polo GALP coordinador, de ser o caso.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada, ou presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que contén esta e na que se fan constar os seguintes puntos:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiara, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Que as persoas non se atopan en ningún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, e dicir:

1º. Non ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou o artigo 90.1 do Regulamento (CE) nº 1224/2009.

2º. Non ter estado involucrados na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDR da Unión recollida no artigo 40.3 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou de buques que enarboren o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes segundo se establece no seu artigo 33.

3º. Non ter cometido infraccións graves da política pesqueira común (PPC).

4º. Non ter cometido fraude no marco do Fondo Europeo da Pesca (FEP) ou do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

c) Non ter sido sancionado coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións, ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

d) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administración públicas competentes.

e) Incluiranse a información sobre as axudas de minimis cubertas polo Regulamento (UE) 1407/2013 ou por outros regulamentos de minimis, recibidas durante o exercicio fiscal correspondente e sobre os dous exercicios fiscais anteriores, de ser o caso.

6. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación, xunto cun índice e ordenada segundo se indica:

a) Acreditación da personalidade:

1º. Copia do NIF da persoa xurídica solicitante, só no caso de non denegar expresamente a súa consulta.

2º. Copia do DNI da persoa representante, só no caso de non autorizar a súa consulta.

3º. Certificación do órgano competente na cal se especifique o acordo polo que se lle concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

4º. Certificación do órgano competente na cal se acredite o desempeño actual do cargo.

b) Proxecto para o cal se solicita a subvención, que deberá conter, polo menos:

1º. Memoria e orzamento que conteña unha descrición do proxecto conforme o modelo que figura na páxina web http://mar.xunta.gal.

No caso de que o proxecto se poida desenvolver por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas independentemente.

No orzamento detallado de cada unha das accións propostas, o IVE deberá vir separado e acompañarase da documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma, ...).

2º. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa xustificación ou, de ser o caso, coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. As ofertas presentadas deben coincidir en conceptos para facilitar a comparación entre elas.

c) O acordo de cooperación subscrito con anterioridade á solicitude da axuda por todos os grupos participantes no proxecto de cooperación, que terá o contido mínimo establecido no artigo 6.2.

d) Acreditación do IVE soportado non recuperable polo promotor, se é o caso.

En todo caso, aquelas persoas que estean exentas do IVE, deberán acreditar esta circunstancia mediante a presentación do correspondente certificado emitido pola Administración tributaria.

e) Proxecto técnico de execución, se é necesario. En actuacións sobre inmobles presentarase un proxecto básico ou un anteproxecto valorado que permita unha definición exacta da intervención que se vai realizar e o seu custo, ademais de acreditar a dispoñibilidade sobre o inmoble en cuestión.

f) Outra documentación que sexa necesaria ou adecuada para a correcta valoración do proxecto presentado.

g) Certificacións acreditativas de estar ao corrente no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, no caso de denegar expresamente a súa consulta.

h) No caso de que o proxecto o requira, o promotor deberá acreditar a capacidade legal do uso ou disfrute ou propiedade dos bens relacionados no proxecto.

7. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación das alíneas a), d), f) e g) do punto 6 por cada un dos solicitantes, e ademais engadirase:

a) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

b) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

c) Declaración responsable de cada unha das entidades, de acordo co anexo II.

Artigo 17. Documentación mínima

Sen prexuízo do disposto no punto 7 do artigo anterior, a presentación da seguinte documentación considerarase mínimo imprescindible para a tramitación das solicitudes:

a) Anexo I de solicitude da axuda.

b) Memoria e orzamento.

c) Acordo de cooperación.

Non serán admitidas aquelas solicitudes nas que se aprecie a ausencia desta documentación, nestes casos emitirase resolución de inadmisión da solicitude.

Artigo 18. Tramitación dos procedementos de concesión das axudas

O procedemento de concesión das axudas terá as seguintes fases:

1. Instrución.

2. Selección e propostas.

3. Concesión.

Artigo 19. Fase de instrución

1. O órgano encargado da ordenación e instrución do procedemento de selección de candidatos a grupos de acción local será o Servizo de Desenvolvemento das Zonas de Pesca, que realizará de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

2. Se a solicitude non reúne todos os requisitos das bases reguladoras requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, emende as deficiencias, consonte o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, coa indicación de que se non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Non se aplicará o disposto no parágrafo anterior ás solicitudes que non veñan acompañadas da documentación mínima imprescindible para a tramitación sinalada no artigo 17.

3. O órgano instrutor clasificará as solicitudes de acordo cos criterios fixados nas bases da convocatoria.

Artigo 20. Comisión de avaliación

1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos a unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará. A comisión de avaliación emitirá un informe co resultado da selección e realizará a proposta de concesión ao órgano concedente.

2. A persoa titular da Consellería do Mar designará un comité de selección que estará integrado por:

a) Presidente/a, que será a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Vogais: 2 representantes pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

c) Vogais: 2 representantes en total entre as xefaturas territoriais da Consellería do Mar.

Un dos/das vogais da comisión realizará as funcións da secretaría da comisión.

A comisión poderá actuar asistida polas persoas asesoras que xulgue conveniente.

3. O funcionamento deste comité está sometido ás normas dos órganos colexiados recollidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público de autonómico de Galicia.

En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros da comisión poderán ser substituídos por quen designe o seu presidente/a.

4. A creación do comité de selección de candidatos e EDLP non xerará incremento das consignacións orzamentarias do órgano con competencias en materia de pesca.

Artigo 21. Lista de reserva

1. A comisión de valoración establecerá unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non acaden a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito.

2. De resultar incrementado o crédito dispoñible en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, o órgano instrutor emitirá informe sobre a procedencia de utilizar a lista de reserva.

Artigo 22. Resolución e notificación

1. Á vista da proposta de resolución, o órgano competente emitirá resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.

2. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, quen poderá delegar a dita competencia.

3. A resolución da concesión ditarase e notificaráselles ás persoas interesadas no prazo máximo de catro meses desde a data de presentación da solicitude.

4. Transcorrido este prazo sen resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 23. Aceptación

As persoas interesadas terán un prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución de concesión da axuda, para comunicar a aceptación ou rexeitamento expreso nas condicións expresadas nela. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

Artigo 24. Modificación da resolución e posibilidade de prórrogas

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención relativa á obtención concorrente doutras subvencións e axudas, incumprimento dos prazos de realización das obras, modificacións que afecten o proxecto, variación do orzamento aprobado, ou calquera outro aspecto que afecte un aspecto substancial da resolución de concesión, poderá dar lugar á súa modificación ou á súa revogación.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do interesado, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade ou modificación proposta estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

b) Que a modificación non cause prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención ou a non selección do proxecto na concesión inicial.

d) Que a modificación non supoña un incremento do orzamento ou da porcentaxe de axuda.

Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 50 % do investimento inicialmente aprobado.

3. No caso de axudas para financiar investimentos ou gastos de distinta natureza, a execución deberá axustarse á distribución dos conceptos do investimento acordado na resolución de concesión. No obstante, sen necesidade de instar o procedemento de modificación da subvención e sempre que exista causa xustificada e non se altere o obxecto e finalidade da axuda, na xustificación das partidas poderán ser admitidas compensación dos importes duns conceptos cos de outros, ata un 15 % do investimento.

Estas variacións en ningún caso poderán poderán supoñer un incremento dos límites porcentuais previstos neste réxime de axudas.

4. No suposto de que o beneficiario considere que non pode rematar o proxecto ou cumprir os compromisos dentro do prazo sinalado na resolución de concesión da axuda poderá, ata un mes antes de rematar o prazo de xustificación, solicitar prórroga, expoñendo as razóns polas que non pode cumprir co devandito prazo, e presentando unha memoria onde se especifique o grao de realización da actividade subvencionada e o novo cronograma de actuacións.

O órgano concédente ditará resolución pola que se aprobe ou denegue a prórroga solicitada. No caso de que sexa aprobada, non poderá exceder da metade do tempo inicialmente concedido. O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

5. Cando por algún dos motivos recollidos neste artigo, os cambios no expediente supoñan unha variación da distribución por anualidades recollida na resolución inicial, a modificación quedará supeditada á existencia de dispoñibilidades orzamentarias nas anualidades correspondentes.

CAPÍTULO III
Xestión e xustificación das axudas

Artigo 25. Xustificación

1. O GALP beneficiario deberá acreditar a realización do proxecto, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinaron a concesión da axuda.

2. Para isto, logo da execución do proxecto no prazo sinalado na resolución de concesión da axuda, o GALP beneficiario presentará a seguinte documentación:

a) Escrito no que solicite o pagamento da axuda.

b) Memoria xustificativa da realización do proxecto con especial referencia aos obxectivos acadados.

c) Declaración responsable de axudas recibidas e solicitadas para o mesmo proxecto, segundo o anexo III.

d) Relación de facturas indicando número de factura, nome da empresa emisora e NIF, importe total con desagregación do IVE.

e) Os pagamentos do investimento obxecto da axuda deberán realizarse de forma efectiva dentro do prazo de xustificación e acreditaranse mediante facturas orixinais e fotocopias compulsadas dos gastos realizados, xunto cos xustificantes bancarios do pagamento das ditas facturas.

No caso de que as accións obxecto de subvención correspondan ao último trimestre do exercicio, os gastos poderán xustificarse no primeiro trimestre do exercicio seguinte.

f) Certificacións acreditativas de estar ao corrente no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, no caso de denegar expresamente a súa consulta.

g) Os permisos, inscricións e/ou licenzas requiridas para o tipo de actividade de que se trate deberán presentarse, como máis tarde, xunto coa última solicitude de pagamento.

h) Na xustificación da adquisición de maquinaria e equipamento deberase xuntar unha relación dos equipamentos subvencionados na cal conste marca, modelo e número de serie ou referencia equivalente para a súa identificación.

i) No caso de que o proxecto o requira, o promotor deberá acreditar a capacidade legal do uso e disfrute ou propiedade dos bens relacionados co expediente durante o período mínimo equivalente ao que se vai exixir a permanencia do investimento. A acreditación deberá realizarse mediante escritura pública de compra venta ou certificado do rexistro da propiedade, ou mediante contrato de aluguer ou cesión ou concesión administrativa.

j) No caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá achegarse a documentación acreditativa de que se fai constar a afectación do ben á subvención no rexistro correspondente, á mais tardar, xunto coa última solicitude de pagamento.

3. Os servizos correspondentes da Consellería do Mar emitirán certificado sobre o grao de realización do investimento, así como da súa adecuación tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda como aos xustificantes de gasto presentados.

4. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos librados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

Artigo 26. Pagamento

1. O pagamento das axudas efectuarao a Consellería do Mar unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención e a elixibilidade do gasto.

No caso de que o investimento sexa xustificado por menor contía que o considerado como subvencionable inicialmente, poderase minorar a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración non afecte aspectos fundamentais do proxecto e que non supoña unha realización deficiente deste.

2. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á realización do obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumpra cos requisitos exixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 37 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Pagamentos parciais e anticipados

1. Poderán realizarse pagamentos á conta da subvención concedida que supoñan a realización de pagamentos fraccionados, que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas.

2. Poderanse realizar pagamentos anticipados, con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, nos termos previstos neste artigo. O órgano xestor poderá propor un pagamento anticipado de ata o 100 % da subvención concedida, sempre que así o solicite a entidade beneficiaria.

3. O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados poderá chegar a unha porcentaxe do 100 % da subvención concedida e non excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

4. Unha vez que a entidade beneficiaria presente a documentación exixida para a xustificación da subvención correspondente á anualidade en curso poderá realizarse un segundo pagamento anticipado polo 100 % da subvención concedida con cargo á anualidade do exercicio seguinte, sempre que así o solicite a entidade beneficiaria.

5. De conformidade cos artigos 62 e 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei de subvencións de Galicia, deberá recaer acordo do Consello da Xunta de Galicia autorizatorio da porcentaxe do 100 % destes pagamentos anticipados e á conta, así como para exonerar da obriga de constituír garantía para tal efecto.

Artigo 28. Verificación posterior ao pagamento da axuda

A Consellería do Mar realizará os controis oportunos para verificar que a acción subvencionada non teña unha modificación fundamental das establecidas no artigo 71 do Regulamento (UE) 1303/2013, nos cinco ou tres anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda, segundo o caso.

Artigo 29. Recursos

1. As resolucións, expresas ou presuntas, que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a conselleira do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

2. Contra estas bases reguladoras, cuxa aprobación pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira do Mar no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 30. Reintegro

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda concedida e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos sinalados no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, o importe que se vaia reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación de posibles incumprimentos das condicións impostas co motivo da concesión das subvencións:

a) Procederá a declaración de perda do dereito ao cobramento da subvención concedida cando a persoa beneficiaria modifique a actividade que se vaia desenvolver declarada na solicitude e na memoria do proxecto, sen contar coa previa aprobación establecida no artigo 24.2.desta orde.

b) Procederá o reintegro total da axuda concedida no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 7.2.e) da presente orde, relativa a comunicar a obtención doutras axudas no caso de que sexan incompatibles.

c) O incumprimento da obriga establecida no artigo 7.2.e) desta orde, relativa á necesidade de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento segundo o artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) O incumprimento do mantemento dun sistema de contabilidade separado ou unha codificación contable adecuada, segundo o establecido no artigo 7.2.h) desta orde, dará lugar ao reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

e) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade, establecidas no artigo 7.2.l) da presente orde, dará lugar a un reintegro do 2 % da axuda concedida.

2. Para o devandito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 31. Infraccións e sancións

As actuacións dos beneficiarios en relacións coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 32. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos establecidos nas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deben emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa interesada, ou representante, poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso deberá presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

Se por razóns técnicas ou doutra índole, estes certificados non puideren ser obtidos polo órgano xestor, poderán ser requiridos ao interesado.

3. De conformidade co artigo 17.1.b) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen interpoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 33. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: edificio administrativo de San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través do correo electrónico: sxt.mar@xunta.gal.

Disposición adicional primeira

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS), que dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposicións derradeira primeira

Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposicións derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2016

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file