Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Martes, 30 de agosto de 2016 Páx. 38469

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 24 de agosto de 2016, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se reabre o prazo de información pública relativo á solicitude de autorización ambiental integrada das instalacións do vertedoiro de residuos non perigosos, promovido por Reciclaje Ambiental Lesta, S.L., no concello de Ordes, A Coruña (clave 2016-I-IPPC-44).

Mediante anuncio do 2 de xuño de 2016, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, publicado no Diario Oficial de Galicia do 1 de xullo de 2016, someteuse a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada das instalacións do vertedoiro de residuos non perigosos, promovido por Reciclaje Ambiental Lesta, S.L., no concello de Ordes (A Coruña) (clave 2016-I-IPPC-44), por un prazo de trinta días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación, para os efectos previstos na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 157, do 2 de xullo), e na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (BOE núm. 296, do 11 de decembro).

No devandito anuncio indicouse que o proxecto básico, o proxecto construtivo, o estudo de impacto ambiental e a memoria técnica para a xestión de valorización de residuos de construción e demolición no municipio de Ordes, A Coruña, correspondentes a ditas instalacións, estarían á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas dependencias desta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e que, ademais, poderían ser consultados na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (http://www.cmati.xunta.es/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

Tras finalizar o prazo de información pública detectouse que a antedita documentación fora retirada da citada páxina web, por erro, un día antes ao vencemento de tal prazo.

O artigo 16 da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, sinala que o prazo de información pública no marco da tramitación das autorizacións ambientais integradas «non será inferior a trinta días», o que permite que este sexa superior.

Por conseguinte, co fin de emendar o erro que se produciu e outorgar ao público as máximas garantías de transparencia e audiencia, reábrese a información pública por un prazo de sete días hábiles, que se computarán a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio.

Durante este prazo, quedará exposta a seguinte documentación:

– «Proxecto básico para a solicitude da autorización ambiental integrada das instalacións do vertedoiro de residuos non perigosos no municipio de Ordes, A Coruña (maio de 2016)».

– «Estudo de impacto ambiental da execución dun vertedoiro de residuos non perigosos no municipio de Ordes, A Coruña (maio de 2016)».

– «Proxecto construtivo dun vertedoiro de residuos non perigosos no municipio de Ordes, A Coruña (maio de 2016)».

– «Memoria técnica para xestión de valorización de residuos de construción e demolición no municipio de Ordes, A Coruña (maio de 2016)».

Co fin de que calquera interesado poida consultalos e, de ser o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes, os citados documentos estarán á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, en dependencias da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (r/ San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán consultalos na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (http://www.cmati.xunta.es/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2016

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I
Memoria resumo

Clave: 2016-IPPC-I-44.

Razón social: Reciclaje Ambiental Lesta, S.L.

Domicilio fiscal: lugar de Portobrea, 3, Queixas, Cerceda.

Localización das instalacións: o vertedoiro situarase nos lugares de Porto Fieito e Fonte de Trigo da parroquia de San Andrés de Lesta, no concello de Ordes (A Coruña). Folla 1:50.000 do mapa topográfico nacional número 70. Coordenadas UTM ETR89 fuso 29 (x: 544.019, y: 4.775.143).

As características principais do vertedoiro serán as seguintes:

Tipo de vertedoiro: vertedoiro de residuos non perigosos.

Actividade: vertedura de residuos en lugares especialmente deseñados (D5).

Capacidade total: 1.654.169 t.

Cantidade anual para eliminar: 82.708 t/ano.

Vida útil: 20 anos.

Os lixiviados xerados no vertedoiro almacenaranse en 6 tanques de lixiviados e xestionaranse externamente.

En paralelo á actividade de eliminación, a empresa pretende obter a inscrición da empresa como xestora de valorización de residuos de construción e demolición (RCD) mediante a utilización dunha planta móbil de RCD.