Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 18 de agosto de 2016 Páx. 36815

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 5 de agosto de 2016 sobre ampliación dos prazos establecidos no artigo 23 da Resolución do 23 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria anticipada de subvencións para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa, para o ano 2016, cofinanciadas polos fondos comunitarios derivados do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (Diario Oficial de Galicia número 248, do 30 de decembro de 2015).

No Diario Oficial de Galicia núm. 192, do 23 de xuño de 2016, publicouse a Resolución do 10 de xuño de 2016 desta dirección pola que se concederon subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de proxectos de equipamentos térmicos de biomasa, presentados polos beneficiarios mencionados no anexo da resolución.

De acordo co disposto no artigo 23 das bases reguladoras das axudas, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2016.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Doutra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, publicada no Boletín Oficial del Estado núm. 285, do 27 de novembro. A ampliación poderase acordar de oficio ou por instancia de parte, antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Neste procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios, motivadas nas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referidas datas límite por cuestións orzamentarias, de procedemento de contratación das obras e a demora nas entregas de materiais polos provedores e, ademais, non existe a posibilidade de causar prexuízos a terceiros.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite que figura no artigo 23.1 das bases reguladoras para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa. Ampliándose o período de execución das actuacións que se subvencionan e o período para presentar a documentación xustificativa dos investimentos ata o 20 de outubro de 2016.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.es) para os efectos previstos no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 49.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia