Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Mércores, 17 de agosto de 2016 Páx. 36442

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 2 de agosto de 2016 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a bonificación dos custos do financiamento das pequenas e medianas empresas de Galicia, titulares de préstamos superiores a 25.000 euros, instrumentadas mediante convenio de colaboración coas entidades financeiras e coas sociedades de garantía recíproca, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (Programa de apoio financeiro ás pemes).

BDNS (Identif.): 314686.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Os autónomos e aquelas empresas que teñan a consideración de microempresa ou pequenas e medianas empresas (pemes) segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño) da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da UE, calquera que sexa a súa forma xurídica.

Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou estean na situación que motiva a concesión da axuda. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos dos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terán que ter formalizada unha operación de préstamo cunha entidade financeira adherida ao convenio de colaboración asinado para o efecto, previamente ou con posterioridade á entrada en vigor das bases reguladoras, con fondos do ICO das liñas ICO-Empresas e Emprendedores 2016, ICO-Garantía SGR/SAECA 2016, ou ben con fondos da propia entidade financeira, sempre que estean avalados por unha SGR ou polo Igape.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto a bonificación dos custos do financiamento superior a 25.000 €, para acometer investimentos en Galicia e dotarse da liquidez necesaria para o desenvolvemento da actividade.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 2 de agosto de 2016 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a bonificación dos custos do financiamento das pequenas e medianas empresas de Galicia, titulares de préstamos superiores a 25.000 €, instrumentadas mediante convenio de colaboración coas entidades financeiras e coas sociedades de garantía recíproca, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (Programa de apoio financeiro ás pemes).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7700 e por un importe de 400.000 € con cargo ao exercicio 2016 e de 1.100.000 € con cargo ao exercicio 2017.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes por parte do interesado no Igape iniciarase o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 31 de outubro de 2016. No caso de esgotamento do crédito, o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape (www.igape.es) co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2016

Pablo Casal Espido
Secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica