Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Mércores, 17 de agosto de 2016 Páx. 36395

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 2016 pola que se convocan as actividades de formación de conformidade co convenio de colaboración asinado coa Central Sindical Independiente y de Funcionarios de Galicia (CSIF-Galicia).

De acordo co convenio de colaboración subscrito o 5 de xaneiro de 2016 entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Central Sindical Independiente y de Funcionarios de Galicia (CSI.F-Galicia) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócanse diversas actividades formativas.

RESOLVO:

Publicar a convocatoria das actividades formativas que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Requisitos dos participantes

Empregados públicos e persoal que reúna os requisitos que para cada caso se indican na epígrafe de destinatario de cada actividade formativa.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

Os cursos realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web http://egap.xunta.es.

Terceira. Solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o día 8 de setembro de 2016.

2. A solicitude de participación nas actividades formativas só poderá realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo http://egap.xunta.es/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Non está permitida a realización de actividades de formación que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais das actividades. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado debe renunciar a un deles. No caso de que se comprobe con posterioridade a realización simultánea de varias actividades, non se expedirá certificación de ningunha delas, e o alumnado pasará ao final das listaxes de todas as actividades formativas que solicite e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

6. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54, 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es.

Cuarta. Criterios de selección

1. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo). Para o ano 2016, segundo a Resolución do 3 de febreiro (DOG do 12 de febreiro), comezarase pola letra O.

2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpra os requisitos do curso, poderá completarse o número de alumnos asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo http://egap.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde a súa publicación.

Ademais, quen facilite os correspondentes datos na solicitude será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica. Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na lista de espera, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo http://egap.xunta.es a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), o enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade.As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

d) Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 75 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar as actividades de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final delas. As probas poderanse desenvolver de xeito descentralizado nas sedes que se determinen no comezo de cada actividade.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, que emitirá un informe en que se declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba.

Non se expedirán certificados de asistencia sen ter superado o curso.

Para a obtención do certificado de asistencia, o alumnado deberá participar con regularidade e dedicación no desenvolvemento da acción formativa. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polo alumnado, a EGAP poderá fixar a realización das probas que considere oportunas.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e a CSIF-Galicia poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a CSIF-Galicia reservan para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e a CSIF-Galicia garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Curso de boas prácticas para a prevención de riscos laborais nas residencias da terceira idade.

Código: CV16029.

Tipo: xeral.

Área formativa: coñecementos transversais.

Cualificación: aproveitamento.

1. Obxectivos.

A finalidade desta acción formativa é a de preparar os/as profesionais que desenvolven a súa actividade en residencias da terceira idade e centros de día para que poidan actuar correctamente ante accidentes ou emerxencias dentro das instalacións e capacitalos/as para a práctica de técnicas mínimas de asistencia e primeiros auxilios. Para isto, propóñense como obxectivos específicos os seguintes:

1º. Coñecer os aspectos legais fundamentais da prevención de riscos.

2º. Aplicar as técnicas de primeiros auxilios axeitadas a cada situación de emerxencia ou accidente.

3º. Desenvolver protocolos de actuación ante situacións de emerxencias e/ou accidentes nas residencias da terceira idade ou centros de día.

4º. Aplicar os protocolos e as medidas dirixidas á atención dos usuarios e usuarias de residencias de terceira idade e centros de día.

2. Destinatarios.

A actividade formativa está prevista para 20 traballadores/as de Galicia que desenvolven a súa actividade en residencias da terceira idade, centros de día e asimilados.

3. Desenvolvemento.

Edicións: 6.

Duración: 15 horas por edición.

Lugares, datas e horarios:

– Boiro: 24 de setembro e 8 de outubro de 9.30-14.30 e 15.45-20.45 h.

– Cerdedo: 24 de setembro, 1 e 8 de outubro das 9.00 ás 14.00 h.

– Lugo: 17 e 24 de setembro de 10.00-14.00 e 15.30-19.00 h.

– Ortigueira: 24 de setembro, 1 e 8 de outubro de 9.00 a 14.00 h.

– Teis: 24 de setembro, 1 e 8 de outubro das 9.00 ás 14.00 h.

– Toén: 8 e 15 de outubro de 10.00-14.00 e 15.30-19.00 h.

Prazas: 20 por edición.

4. Contido.

Unidade didáctica 1. Introdución á prevención de riscos laborais.

– Traballo e saúde.

– Danos derivados do traballo.

– Marco normativo.

– Riscos ligados ás condicións de seguridade e ao ambiente de traballo.

Unidade didáctica 2. Primeiros auxilios.

– Activación do sistema de emerxencia.

– Socorrismo nas residencias e centros de día.

– Avaliación primaria do usuario de centros de residencia e centros de día.

– Principios xerais de emerxencias médicas.

Unidade didáctica 3. Prevención de riscos laborais en residencias da terceira idade e centros de día.

– Lugar de traballo.

– Medidas de prevención de riscos e medidas preventivas.

– Medidas de actuación ante caída de usuarios ao mesmo nivel ou distinto nivel.

– Protocolos de mobilización de usuarios con mobilidade reducida en residencias de terceira idade e centros de día.

Curso práctico para a xestión da prevención de riscos laborais en educación infantil (0-6 anos).

Código: CV16030.

Tipo: xeral.

Área formativa: coñecementos transversais.

Cualificación: aproveitamento.

1. Obxectivos.

A finalidade desta acción formativa é a de preparar os profesionais da educación infantil para que poidan actuar correctamente ante accidentes ou emerxencias dento do centro, capacitalos para a práctica de técnicas mínimas de asistencia e primeiros auxilios e comezar a sensibilizar os nenos e nenas na necesidade de previr riscos. Para isto, propóñense como obxectivos específicos os seguintes:

– Coñecer os aspectos legais fundamentais da prevención de riscos.

– Aplicar as técnicas de primeiros auxilios axeitadas a cada situación de emerxencia ou accidente.

– Desenvolver protocolos de actuación ante situación de emerxencias e/ou accidentes na aula e nos centros de educación infantil.

– Implicar o alumnado e a súa familia na prevención de riscos dentro de centros de educación infantil.

2. Destinatarios.

A actividade formativa está prevista para 20 traballadores/as de Galicia que exercen a súa actividade no ámbito da educación infantil.

3. Desenvolvemento.

Edicións: 6.

Duración: 15 horas por edición.

Lugares, datas e horarios:

– Cambre: 24 de setembro e 8 de outubro de 9.00-14.00 e 15.30-20.30 h.

– Lugo: 1 e 8 de outubro de 10.00-14.00 e 15.30-19.00 h.

– O Milladoiro: 24 de setembro e 8 de outubro de 9.00-14.00 e 15.30-20.30 h.

– Nigrán: 24 de setembro, 1 e 8 de outubro das 9.00 ás 14.00 h.

– Ourense: 24 de setembro e 1 de outubro de 10.00-14.00 e 15.30-19.00 h.

– Pontevedra: 24 de setembro, 1 e 8 de outubro das 9.00 ás 14.00 h.

Prazas: 20 por edición.

4. Contido.

Unidade didáctica 1. Introdución á prevención de riscos laborais.

– Traballo e saúde.

– Danos derivados do traballo.

– Marco normativo.

– Riscos ligados ás condicións de seguridade e ao ambiente de traballo.

Unidade didáctica 2. Primeiros auxilios.

– Activación do sistema de emerxencia.

– Socorrismo no centro educativo.

– Avaliación primaria do alumno accidentado.

– Principios xerais de emerxencias médicas.

Unidade didáctica 3. Prevención de riscos laborais no centro de educación infantil.

– Lugar de traballo.

– Medidas de prevención de riscos e medidas preventivas.

– Medidas de sensibilización en materia de PRL para os alumnos do centro e as súas familias.

Defensa persoal profesional para traballadores/as ante situacións de violencia laboral física.

Código: CV16031.

Tipo: xeral.

Área formativa: coñecementos transversais.

Cualificación: aproveitamento.

1. Obxectivos.

Proponse esta actividade formativa coa finalidade de establecer mecanismos axeitados de actuación ante aqueles riscos derivados dunha situación de violencia laboral de carácter físico, sexan de carácter interno ou externo, que non se poden evitar, pero que é preciso controlar, paliar e/ou atenuar.

Así, a presente actividade formativa enmárcase desde unha perspectiva preventiva de afrontamento dunha agresión física a través dunha adquisición de pautas de actuación ante diversas situacións críticas que posibiliten aos traballadores e traballadoras resolver a dita situación da forma máis favorable posible.

2. Destinatarios.

A actividade formativa está prevista para 20 traballadores/as dos diversos sectores produtivos de Galicia, preferentemente no ámbito público e que desenvolven tarefas ou funcións que impliquen a atención ao público e/ou relacións de carácter interpersoal.

3. Desenvolvemento.

Edicións: 4.

Duración: 20 horas por edición.

Lugares e datas:

A Coruña: 4 e 5 de outubro.

Lugo: 19 e 20 de setembro.

Ourense: 6 e 7 de outubro.

Pontevedra: 21 e 22 de setembro.

Horario: de 9.00-14.00 e de 15.30-20.30 h.

Prazas: 20 por edición.

4. Contido.

– Identificación e previsión das posibles agresións.

– A presenza, a actitude e a autoestima.

– Os reflexos, a postura e os xestos.

– Os diferentes movementos e a súa fluidez. O equilibrio.

– O ton de voz. O grito, a súa modulación. A mirada. A escoita.

– Obxectos de axuda. Soportes de estratexia.

– Exercicios de estrés e autocontrol.

– A percepción grupal. A xeometría do espazo. Autoprotección individual e grupal.

– Prácticas de potencia, de control, de retención e inmobilización. Os golpes, as luxacións. Previsión, improvisación, adaptación e superación.

– A agresión, a submisión, a defensa e o escape.

Práctica preventiva para a actuación en plans de evacuacións, emerxencias e primeiros auxilios.

Código: CV16032.

Tipo: xeral.

Área formativa: coñecementos transversais.

Cualificación: aproveitamento.

1. Obxectivos.

– Identificar o marco normativo para o establecemento dos plans de evacuación e emerxencia na empresa.

– Aprender a deseñar, implantar e establecer as diferentes fases dun plan de evacuación e emerxencia.

– Saber actuar ante un accidente, levando a cabo os primeiros auxilios.

– Desenvolver simulacións de accidentes coa aplicación do protocolo PAS (protexer, actuar e socorrer).

2. Destinatarios.

A actividade formativa está prevista para 20 traballadores/as-edición dos diversos sectores produtivos de Galicia e, principalmente, aqueles/as traballadores/as que poidan ser designados/as nos procesos de organización e coordinación deste tipo de actividades na empresa.

3. Desenvolvemento.

Edicións: 4.

Duración: 15 horas por edición.

Lugares e datas:

A Coruña: 22 e 23 de setembro.

Lugo: 26 e 27 de setembro.

Ourense: 4 e 5 de outubro.

Pontevedra: 17 e 18 de outubro.

Horario: de 9.00-14.00 e de 16.00 a 21.00 h.

Prazas: 20 por edición.

4. Contido

– O marco normativo básico para os plans de evacuación e emerxencias.

– Conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo.

– Riscos xerais e específicos en función da actividade da empresa. A súa identificación e prevención.

– Situacións de emerxencia. A súa clasificación segundo a súa gravidade e en función das dispoñibilidades de medios humanos.

– Actuacións básicas ante unha emerxencia no centro de traballo.

– Protocolo de evacuación.

– Primeiros auxilios; atención sanitaria inicial e especial en situacións de emerxencia.

– O protocolo PAS.

Prevención de riscos laborais derivados das adicións no traballo.

Código: CV16033.

Tipo: xeral.

Área formativa: coñecementos transversais.

Cualificación: aproveitamento.

1. Obxectivos.

– Saber identificar os riscos asociados ao consumo de drogas e ao alcohol no ámbito laboral.

– Aprender a establecer mecanismos de promoción de hábitos saudables no contorno de traballo e os diferentes factores protectores para facer fronte a estes.

– Saber elaborar e poñer en marcha protocolos de prevención e actuación neste eido integrados e formando parte do propio plan xeral de prevención de riscos da empresa.

– Proporcionar aos traballadores e traballadoras as ferramentas, instrumentos e recursos axeitados para facer fronte á súa relación coas drogas.

– Desenvolver estratexias para diminuír as consecuencias negativas do consumo de drogas e facilitar alternativas de vida saudable a través do contorno laboral.

2. Destinatarios.

A actividade formativa está prevista para 20 traballadores e/ou persoal de Galicia que desenvolve tarefas de atención ao público, coordinación de grupos, xestión de persoal ou similares.

3. Desenvolvemento.

Edicións: 4.

Duración: 15 horas por edición.

Lugares e datas:

Lugo: 19, 20 e 21 de setembro.

Ourense: 4, 5 e 6 de outubro.

Santiago de Compostela: 18, 19 e 20 de outubro.

Vigo: 27, 28 e 29 de setembro.

Horario: das 16.00 ás 21.00 h.

Prazas: 20 por edición.

4. Contido.

– A drogo dependencia no ámbito laboral.

– A análise da situación e avaliación das necesidades e riscos derivados de condutas adictivas.

– Fases para o deseño e implantación dun plan de actuación das adiccións na empresa.

– Participación dos diferentes axentes e responsables preventivos da empresa na prevención, control e actuación da drogodependencia.