Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 12 de agosto de 2016 Páx. 36313

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á antena de aproximación en MOP 4 bar para subministración de gas natural ao termo municipal de Sada (A Coruña), promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2016/4-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionaria: Gas Galicia SDG, S.A., con CIF número A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes:

O 3.12.2004 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa previa da rede de distribución para a subministración de gas natural no termo municipal de Sada (A Coruña), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 31.12.2004.

O 15.1.2008 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se aprobou o proxecto de execución correspondente ás instalacións de distribución de gas natural en Sada.

O 9.9.2014 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. presentou ante esta dirección xeral, para os efectos da súa aprobación, un novo proxecto de execución da rede de distribución de gas natural en Sada que substituíu o aprobado en 2008, o cal non chegou a realizarse. Non obstante, este novo proxecto non chegou a tramitarse porque o Concello de Sada exixía a aprobación, con carácter previo ao outorgamento da súa autorización, dun plan especial de infraestruturas e dotacións que incorporase a rede de gas natural canalizado.

O 13.11.2015 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. comunicoulle a esta dirección xeral a subscrición dun contrato marco con Repsol Butano, S.A. no que se acordou que o Grupo Gas Natural procederá á compravenda dunha serie de instalacións de GLP de Repsol Butano, S.A. en Galicia, entre as cales se encontra a rede de gas canalizado (GLP) de Sada.

Ante esta nova situación, o 1.2.2016 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. presentou ante esta dirección xeral, para os efectos da súa aprobación, o proxecto de execución correspondente á antena de aproximación en MOP 4 bar para subministración de gas natural á rede de gas canalizado de Sada (rede de GLP que se transformará para gas natural).

Obxecto da petición:

De acordo co disposto nos antecedentes, o proxecto de execución denominado Antena de aproximación en MOP 4 bar para subministración de gas natural ao termo municipal de Sada (A Coruña), que se tramitará baixo o número de expediente IN627A 2016/4-0, someterase non só ao procedemento de aprobación do proxecto de execución, senón tamén ao procedemento de autorización administrativa porque a infraestrutura gasista difire da recollida no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa a Gas Galicia SDG, S.A. para a distribución de gas natural no termo municipal de Sada.

En consecuencia, o obxecto da petición é a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á antena para subministración de gas natural a Sada.

Descrición das instalacións:

As instalacións obxecto do proxecto resúmense nun total de 3.041 m de tubo de polietileno PE100 e SDR 17,6/SDR 17, de 110 e 90 mm de diámetro, co seguinte alcance:

• Execución dunha antena de aproximación en MOP 4 bar para o abastecemento a futuros clientes e a conexión á rede de distribución de GLP existente.

• Instalación de válvulas de corte para a regulación e control do fluxo de gas na antena de aproximación.

A antena de aproximación ten o seu inicio na válvula de saída da ERM, que se instalará no lugar de Aldea Seixeda en Sada (obxecto doutro proxecto: expediente IN627A 2006/11-1). Desde este punto discorre pola rúa Aldea O Castro ata o cruzamento coa estrada da Deputación DP-0812 e, desde aquí, continúa por esta estrada ata o cruzamento coa rúa Lagoa, onde se realizará a conexión á rede de distribución de GLP, actualmente existente en Sada.

Termo municipal: a solicitude afecta o termo municipal de Sada, na provincia da Coruña.

Orzamento: cento corenta e sete mil seiscentos noventa e tres euros con dez céntimos (147.693,10 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan presentar as súas alegacións, no prazo de 20 días a partir da data de publicación deste anuncio. Poderán examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, andar 4º, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria, r/ Vicente Ferrer, 2, 15071 A Coruña.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas