Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 10 de agosto de 2016 Páx. 35704

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza e se aproba o proxecto de execución do punto de entrega de gas natural a Gas Galicia SDG, S.A., de 2.500 Nm3/h para subministración en MOP 4 bar a Outeiro de Rei, promovido pola empresa Gas Natural Redes Distribución Gas SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/28-0).

Logo de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Natural Redes Distribución Gas SDG, S.A, con CIF A66560152 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes,

Antecedentes de feito.

Primeiro. A Consellería de Industria e Comercio, mediante Orde do 12 de marzo de 1993, outorgou a Enagás, S.A. a concesión administrativa para a prestación do servizo público de condución e subministración de gas natural para usos industriais na provincia de Lugo, afectando os termos municipais de Vilalba, Begonte, Rábade, Outeiro de Rei, Lugo e Cospeito, que se publicou no Diario Oficial de Galicia o 5 de abril de 1993.

Segundo. Como consecuencia da escisión de activos realizada por Enagás, S.A. a favor de Gas Natural SDG, S.A., levada a cabo en 1999, esta última empresa pasou a ser titular das correspondentes concesións administrativas, así como das infraestruturas gasistas aprobadas e executadas ao abeiro delas. A este respecto, a Dirección Xeral de Industria ditou resolución, con data 20 de xaneiro de 2000, pola que se autorizou a transmisión de instalacións situadas nesta comunidade autónoma, de acordo coa operación de escisión da rama de distribución de gas levada a cabo por Enagás, S.A. a favor de Gas Natural SDG, S.A.

Terceiro. Así mesmo, os activos de distribución de gas natural que ata o 30.9.2005 pertencían a Gas Natural SDG, S.A. foron adquiridos por Gas Natural Distribución SDG, S.A., sucedendo esta nova empresa a Gas Natural SDG, S.A. na actividade de distribución de gas natural.

Cuarto. O 25.9.2015 esta dirección xeral ditou resolución pola que se autoriza a transmisión de varios activos de transporte secundario e de distribución de gas natural de alta presión, pertencentes a Gas Natural Transporte SDG, S.L e Gas Natural Distribución SDG, S.A., respectivamente, a favor de Gas Natural Infraestruturas Distribución Gas SDG, S.A. coa consecuente subrogación dos dereitos e obrigas asociados.

Quinto. Posteriormente, a sociedade Gas Natural Infraestruturas Distribución Gas SDG, S.A. cambiou de denominación pasando a ser Gas Natural Redes Distribución Gas SDG, S.A.

Sexto. O 21.12.2015 Gas Natural Redes Distribución Gas SDG, S.A. solicitou a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución do punto de entrega de gas natural a Gas Galicia SDG, S.A. de 2.500 Nm3/h para subministración en MOP 4 bar a Outeiro de Rei (Lugo).

Sétimo. O 10.2.2016 esta dirección xeral ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista consistente no punto de entrega de gas natural a Gas Galicia SDG, S.A., de 2.500 Nm3/h para subministración en MOP 4 bar a Outeiro de Rei, promovido pola empresa Gas Natural Redes Distribución Gas SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/28-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 13.4.2016, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 5.4.2016 e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 11.4.2016, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Outeiro de Rei durante un mes.

Oitavo.- Esta dirección trasladou as separatas técnicas presentadas polo promotor ao Concello de Outeiro de Rei, a Repsol Butano, S.A, a ONO Infraestructuras & Operaciones, a Telefónica de España e a Begasa para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

O Concello de Outeiro de Rei, Telefónica de España e Begasa emitiron informes condicionados, e deuse traslado deles ao promotor. Gas Galicia SDG, S.A. mostrou conformidade cos devanditos informes.

As restantes administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral non emitiron informe logo de reiterarse a petición, entendéndose favorables por non recibirse contestación no prazo establecido, de acordo co artigo 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural.

Noveno. O 30.6.2016 os servizos técnicos desta dirección xeral emitiron informe favorable sobre o citado proxecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio e no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral,

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a instalación «punto de entrega de gas natural a Gas Galicia SDG, S.A., de 2.500 Nm3/h para subministración en MOP 4 bar a Outeiro de Rei (Lugo)» que promove a empresa Gas Natural Redes Distribución Gas SDG, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da citada instalación.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Gas Natural Redes Distribución Gas SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contado desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 726,08 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

A devandita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os cumprimentan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Cuarta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura gasista e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Quinta. A empresa promotora deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data na que a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria formalice a acta de posta en marcha.

Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Sétima. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas