Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 8 de agosto de 2016 Páx. 35215

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 21 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos galegos, destinadas á mellora da accesibilidade nos edificios e espazos de uso público, cofinanciadas polo programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017.

BDNS (Identif.): 314345.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/es/index):

Primeiro. Beneficiarios

Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. Deberán ter a titularidade ou ter a dispoñibilidade xurídica e material para realizar as obras ou intervencións subvencionables. En ningún caso poderán adquirir a condición de beneficiarios os concellos propietarios dun edificio en que presten servizos outras entidades públicas ou privadas cando, por disposición legal ou acordo entre as partes, quedase establecida a obriga de realizar reformas, obras ou intervencións de adaptación pola entidade xestora.

Segundo. Obxecto

Subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de obras de mellora para garantir a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas e de obras e intervencións para eliminar as barreiras de comunicación en edificios destinados á prestación de servizos públicos, así como tamén nos espazos públicos, e a adquisición e instalación de equipamento para garantir a accesibilidade nos ditos edificios e espazos. No artigo 5 da orde consta relación para o efecto.

Terceiro. Bases reguladoras

Contidas na Orde do 21 de xullo de 2016, que abrangue tanto as bases reguladoras como a convocatoria 2016-2017.

Cuarto. Contía

Destínase crédito por importe de 900.000 euros, distribuído nas anualidades 2016 (212.500 euros) e 2017 (687.500 euros) cofinanciado con fondos Feder nun 80 %, Programa operativo de Galicia 2014-2020, obxectivo específico 9.7.1.

A contía máxima que se pode conceder por entidade beneficiaria será de 70.000 euros, que en ningún caso poderá exceder o 75 % do orzamento total subvencionable.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

Coa solicitude, sen prexuízo da demais documentación relacionada na orde, deberase achegar o plan de accesibilidade en vigor ou, na súa falta, o programa de accesibilidade.

Serán subvencionables os gastos necesarios para a realización dos investimentos sinalados no anterior punto segundo que se correspondan de forma inequívoca coa operación cofinanciada. Isto, agás os reflectidos no artigo 7 da orde, puntos 2, 3 e 4.

O período de referencia para a imputación de gastos abranguerá desde a data de presentación da solicitude de subvención ata o 31 de outubro de 2017. Isto, agás determinados gastos relacionados no artigo 7.5, que serán tamén subvencionables de terse realizado desde a data de publicación desta convocatoria.

A xustificación realizarase a través de conta xustificativa, con obriga de identificar e xustificar de xeito independente os gastos que se deben imputar a cada exercicio en función do previsto no artigo 7.5 e segundo o establecido no artigo 18.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social