Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 8 de agosto de 2016 Páx. 35156

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 18 de xullo de 2016 pola que se modifica a Orde do 24 de novembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, se establecen as bases reguladoras para a prórroga das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2016.

A Orde do 24 de novembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016 (Diario Oficial de Galicia núm. 236, do 10 de decembro), establece no seu artigo 9.3 que as subvencións se concederán por un prazo de doce meses, prorrogables por sucesivos períodos de doce meses, ata a finalización do citado plan estatal. Así mesmo, sinala que tanto o procedemento de concesión como a prórroga estarán sometidos a concorrencia competitiva.

Ao abeiro da Resolución do 7 de xaneiro de 2015 (Diario Oficial de Galicia núm. 11, do 19 de xaneiro) convocáronse as subvencións do citado Programa de axuda ao alugamento de vivendas.

Unha vez resolto este procedemento de concesión inicial e tendo en conta tanto o número de unidades de convivencia que resultaron beneficiarias como que o orzamento previsto é suficiente para cubrir todas as solicitudes de prórroga que se poidan presentar, considérase necesario modificar o artigo 9.3 da citada Orde do 24 de novembro de 2014, de conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para posibilitar a convocatoria das prórrogas destas subvencións polo procedemento de concorrencia non competitiva.

Polo demais, o citado plan estatal, regulado polo Real decreto 233/2013, do 5 de abril, establece no seu artigo 12.3 que a data límite para percibir esta axuda será o 31 de decembro de 2016, independentemente de que non se alcanzase o prazo máximo de duración da subvención inicial ou da súa prórroga.

A convocatoria axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

En consecuencia e segundo o disposto nos artigos 4 do Decreto 165/2015, do 13 de novembro, polo que ese establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, e o 34 da Lei 1/1993, do 12 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Un. Modificación da Orde do 24 de novembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión de subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016

Modifícase o número 3 do artigo 9 da Orde 24 de novembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión de subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016 (en diante, Plan estatal 2013-2016), que queda coa seguinte redacción:

«3. As subvencións concederanse por un prazo de doce meses, prorrogables por solicitude da persoa interesada. A concesión inicial, así como a prórroga, estarán sometidas ao réxime de concorrencia competitiva. Non obstante, a prórroga da concesión inicial poderá someterse a un procedemento de concorrencia non competitiva, no caso de que a asignación orzamentaria prevista para o efecto sexa suficiente para atender todas as solicitudes. As solicitudes deberán realizarse ao abeiro das correspondentes convocatorias, que poderán ser conxuntas ou aprobarse de forma diferenciada para as concesións e para as prórrogas.»

Dous. Aprobación das bases reguladoras aplicables á concesión da prórroga das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal 2013-2016 e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2016

CAPÍTULO I
Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión das prórrogas das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal 2013-2016.

2. O dereito a percibir as axudas derivadas da concesión da prórroga remata o 31 de decembro de 2016, de acordo co artigo 12.3 do Plan estatal 2013-2016.

3. Así mesmo, por medio desta orde procédese á convocatoria da prórroga para a anualidade 2016.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán beneficiarse das prórrogas destas axudas aquelas persoas que, tendo obtido unha subvención ao abeiro da Resolución do 7 de xaneiro de 2015 pola que se convocaron as subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal 2013-2016 (Diario Oficial de Galicia núm. 11, do 19 de xaneiro), cumpran os seguintes requisitos:

a) Que sexan titulares, en condición de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda e, pola súa vez, que esta constitúa a súa residencia habitual e permanente.

b) Que o límite de ingresos da súa unidade de convivencia non exceda 3 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM). Para estes efectos, o cómputo de ingresos da unidade de convivencia suxeitarase ao establecido nos artigos 4 e 5 da Orde do 24 de novembro de 2014.

c) Que as persoas membros da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, do Estado e da Seguridade Social.

d) Que non estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Que a renda mensual da vivenda que teñen alugada non supere os seguintes límites:

1) 600 euros, se a vivenda está situada nalgún dos seguintes concellos: A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Pontevedra.

2) 500 euros, se a vivenda está situada nalgún dos seguintes concellos: Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo; Burela, Cervo, Chantada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro; Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia; A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

3) 400 euros, se a vivenda está situada no resto de concellos de Galicia.

Artigo 3. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes de prórroga deberán achegar os documentos e os datos exixidos nesta orde, agás que xa estivesen en poder da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou do seu sector público; neste caso, as persoas solicitantes poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, de ser o caso, emitidos, e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade de obter algún documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa achega.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para obter as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT), a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o devandito consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións exixidas para a obtención da subvención.

Artigo 4. Solicitudes de prórroga

1. A solicitude de prórroga realizarase mediante a presentación do formulario que se incorpora como anexo I a esta orde, á cal se deberá xuntar a documentación que nel se indica. Deberá dirixirse á Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) onde estea situada a vivenda.

2. A solicitude presentarase preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para a presentación da solicitude poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. A solicitude tamén se poderá presentar en soporte papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, utilizando para iso o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A documentación complementaria poderase presentar por vía electrónica, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal, baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel, en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que estean debidamente compulsadas.

6. No modelo de solicitude poderán asinarse as seguintes autorizacións a favor do IGVS:

a) Para acreditar a identidade da persoa solicitante poderase asinar a autorización para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. Para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, deberase xuntar a copia do seu DNI ou NIE.

b) Para acreditar a identidade, no caso de actuar por medio de representante, poderase asinar a autorización para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. Para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, deberase xuntar a copia do seu DNI ou NIE.

7. No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración de que nin a persoa solicitante nin ningunha persoa integrante da unidade de convivencia solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida ao solicitante ou a calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

c) Declaración de que se manteñen as mesmas condicións que as que concorrían para a concesión da subvención do programa de alugamento de vivendas.

d) Declaración de que a vivenda alugada constitúe o seu domicilio habitual e permanente.

e) Declaración de non estar incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Declaración de non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

h) Declaración de que todos os datos da solicitude son correctos.

Artigo 5. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Copia do DNI ou do NIE da persoa solicitante e, de ser o caso, do seu representante, para o suposto de non ter autorizado a súa consulta.

b) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante.

c) Anexo II de declaración responsable da composición da unidade de convivencia da persoa solicitante e autorización dos seus membros para solicitar por vía telemática as acreditacións relativas a identidade, ingresos e débedas. Para o suposto de non ter autorizado a devandita consulta, deberase presentar a copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF) correspondente ao exercicio vencido, inmediatamente anterior á data de solicitude, o certificado das rendas expedido pola AEAT, relativo ao conxunto dos membros da unidade familiar, e os correspondentes certificados acreditativos de non ter débedas coas citadas administracións. Igualmente, no caso de non ter autorizado a consulta, presentarase copia do DNI ou NIE, de ser o caso.

No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberá cubrir un modelo de anexo II por cada unha delas.

No mesmo anexo II asinarase a autorización das persoas membros da unidade de convivencia para os efectos de comprobar se son perceptoras doutra subvención para a mesma finalidade.

d) Copia da declaración do IRPF da persoa solicitante correspondente ao exercicio inmediatamente anterior á data da solicitude e certificado das rendas expedidos pola AEAT, para o suposto de denegar expresamente a súa consulta. No caso de que a persoa solicitante ou algunha das persoas da unidade de convivencia non estivese obrigada a presentar a declaración do IRPF deberase presentar o modelo de devolución e copia da notificación-liquidación emitido pola AEAT. No suposto de que non se achegase o citado modelo, deberase xuntar unha declaración responsable de todos os ingresos obtidos, á cal deberá anexar, de ser o caso, o certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no devandito exercicio, certificado de pensións, prestacións periódicas, certificado do INEM e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.

f) Certificados acreditativos non ter débedas coa AEAT, coa Seguridade Social ou coa Comunidade Autónoma de Galicia, para o suposto de denegar expresamente a súa consulta.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes deben presentarse antes dos 30 días naturais anteriores á data de remate da axuda concedida inicialmente.

2. No caso de que no momento da publicación da convocatoria xa estivese vencido o prazo anterior, a solicitude deberá presentarse dentro dos 30 días naturais contados desde o seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución da tramitación da solicitude de prórroga é competencia da área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das prórrogas das axudas.

Artigo 8. Procedemento de concesión

1. O procedemento iníciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a correspondente resolución de convocatoria.

2. De conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, os requirimentos de emenda e as notificacións das resolucións de concesión e denegación das prórrogas das axudas poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

Artigo 9. Resolución e recursos

1. O prazo para resolver e notificar a concesión da prórroga será de tres meses contados desde a data de presentación da solicitude. Finalizado o citado prazo sen que se dite e notifique a resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. Contra a resolución da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. O prazo de interposición deste recurso será dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 10. Causas de denegación

Será causa de denegación da solicitude de prórroga da subvención o incumprimento dalgúns dos requisitos exixidos nas súas bases reguladoras ou na normativa que rexe este programa. Tamén serán denegadas aquelas solicitudes presentadas fóra do prazo sinalado no artigo 6.

Artigo 11. Xustificación da subvención

1. A persoa beneficiaria deberá xustificar o pagamento mensual da renda para poder cobrar o importe mensual da subvención.

2. O prazo de xustificación correspondente ao pagamento de cada unha das mensualidades en que se divide a prórroga da subvención realizarase nos dez primeiros días hábiles do correspondente mes natural.

No caso de contratos de alugamento prorrogados no momento de publicación da convocatoria, as mensualidades anteriores á data da resolución de concesión da prórroga deberanse xustificar nos dez primeiros días hábiles contados desde a notificación da citada resolución.

3. A xustificación do pagamento mensual realizarase mediante a presentación na área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda dun extracto ou certificado bancario que acredite o pagamento, de acordo co establecido nos artigos 60 e 42 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, sen prexuízo do disposto no artigo seguinte.

4. No caso de non terse xustificado o pagamento mensual da renda no prazo establecido perderase o dereito ao cobramento da prórroga da subvención correspondente ao citado mes.

5. A xustificación final realizarase no momento da xustificación da derradeira mensualidade.

Artigo 12. Pagamentos anticipados

1. Poderanse realizar pagamentos anticipados da renda mensual de ata o 25 % da prórroga da subvención concedida e sen que se supere a anualidade prevista no exercicio orzamentario, de acordo co establecido no artigo 63 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Para realizar o citado pagamento anticipado é necesario o adianto da presentación da xustificación do pagamento referida no artigo 11, mediante correo electrónico dirixido á correspondente unidade tramitadora da subvención da correspondente área provincial do IGVS.

Artigo 13. Pagamento da subvención

O pagamento das prórrogas da subvención ás persoas beneficiarias realizarase, unha vez concedida e xustificada a prórroga, mediante transferencia bancaria na conta titularidade da persoa beneficiaria que para os efectos esta sinale.

Artigo 14. Cambio de domicilio

1. Se durante a vixencia da prórroga a persoa beneficiaria da axuda cambia o seu domicilio a outro da Comunidade Autónoma de Galicia, sobre o que subscriba un novo contrato de alugamento de vivenda, quedará obrigada a comunicar o dito cambio á correspondente área provincial do IGVS no prazo máximo de cinco días contados desde a sinatura do novo contrato de arrendamento.

2. A persoa beneficiaria non perderá o dereito á subvención polo cambio de domicilio, sempre que co novo arrendamento se cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, na correspondente convocatoria e no Plan estatal 2013-2016 e, ademais, o novo contrato de arrendamento se formalice sen interrupción temporal co anterior. Neste caso, axustarase a contía da subvención á contía do novo contrato de alugamento, que en ningún caso poderá ser superior á que se viña percibindo.

Artigo 15. Publicidade das subvencións concedidas

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da prórroga da subvención consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e ás subvencións recibidas no devandito rexistro e das posibles sancións que se lle poidan impoñer.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das prórrogas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación.

3. De conformidade co artigo 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido das convocatorias que se realicen ao abeiro desta orde será publicado na Base de datos nacional de subvencións.

Artigo 16. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación estean autorizados polas persoas solicitantes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades». O obxecto deste ficheiro é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a aluga.igvs@xunta.gal.

CAPÍTULO II
Convocatoria con financiamento no ano 2016

Artigo 17. Obxecto

1. A convocatoria para solicitar as prórrogas das subvencións do Programa de axuda ao alugamento concedidas ao abeiro da Resolución do 7 de xaneiro de 2015 rexerase polo establecido nesta orde.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes deben presentarse antes dos 30 días naturais anteriores á data de remate da axuda concedida inicialmente.

3. No caso de que no momento da publicación da convocatoria xa estivese vencido o prazo anterior, a solicitude deberá presentarse dentro dos 30 días naturais contados desde o seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 18. Orzamento

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451B.480.5, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016, por importe de 3.200.000 euros.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición adicional primeira. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no Real decreto 233/2013, do 5 de abril; na Orde do 24 de novembro de 2014 e na Resolución do 7 de xaneiro de 2015.

Disposición adicional segunda. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados por vía electrónica accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa de axudas.

Disposición derradeira segunda. Eficacia

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2016

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file