Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 5 de agosto de 2016 Páx. 34862

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 18 de xullo de 2016 pola que se actualiza a oferta educativa de ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, por ciclo formativo completo e ensinanza modular, e de estudos superiores de deseño en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 45 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que as ensinanzas artísticas teñen como finalidade proporcionar ao alumnado unha formación artística de calidade e garantir a cualificación dos futuros profesionais das artes plásticas e o deseño, entre outros.

Mediante a Orde do 10 de xuño de 2009 actualizouse a oferta educativa de ciclos formativos de artes plásticas e deseño, por ciclo completo e oferta modular, e de estudos superiores de deseño en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Desde a publicación da dita orde aprobáronse os seguintes currículos de especialidades de artes plásticas e deseño: Decreto 131/2013, do 18 de xullo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior de artes plásticas e deseño correspondente ao título de técnico superior de artes plásticas e deseño en Cerámica artística; e os decretos 92/2015, 94/2015 e 95/2015, todos eles do 11 de xuño, polos que se establecen os currículos dos ciclos formativos de grao superior de artes plásticas e deseño correspondentes aos títulos de técnico superior de artes plásticas e deseño en Fotografía, en Gráfica publicitaria e en Ilustración.

Igualmente, publicáronse os reais decretos 218/2015, 219/2015, 220/2015 e 223/1995, todos eles do 27 de marzo, polos que se establecen os currículos básicos dos ciclos formativos de grao superior correspondentes aos títulos de técnico superior de artes plásticas e deseño en, respectivamente, Técnicas escultóricas, Ebanistería artística, Escultura aplicada ao espectáculo e en Dourado, prateado e policromía.

Neste contexto, a necesidade de manter actualizada a oferta educativa das escolas de arte e superiores de deseño na Comunidade Autónoma de Galicia xustifica a súa revisión periódica.

En consecuencia, e de acordo co Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, atendendo as solicitudes achegadas polas escolas de arte e superiores de deseño da Comunidade Autónoma de Galicia, co informe favorable do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores, e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa,

DISPOÑO:

Artigo 1. Actualización da oferta

Actualízase a oferta educativa dos ciclos formativos de artes plásticas e deseño, por ciclo completo e oferta modular, e a dos estudos superiores de deseño, a partir do ano académico 2016/17, nos centros públicos relacionados no anexo.

Artigo 2. Número mínimo de solicitudes

A posta en funcionamento das ensinanzas autorizadas estará condicionada á existencia dun mínimo de 10 alumnos/as e non contará, para estes efectos, o alumnado repetidor. Con esta finalidade, abrirase un período de solicitude de matrícula, que se establecerá nas resolucións anuais que regulen o acceso e a admisión a estes estudos.

A condición do número mínimo de alumnos/as exixido deberá pórse en coñecemento dos aspirantes no momento da solicitude de matrícula.

Un número menor de alumnos/as exixe a autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para pór en funcionamento estas ensinanzas; mentres non se dispoña desta autorización non se poderá formalizar ningunha matrícula.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file