Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 1 de agosto de 2016 Páx. 33827

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 18 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de Lanzadeiras de emprego de Galicia durante os anos 2016-2017.

BDNS (Identif.): 313609.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento das Lanzadeiras de emprego reguladas nesta orde as entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.

Todas elas deberán acreditar experiencia na realización de accións dirixidas ao acompañamento ás persoas en situación de desemprego en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia.

Non poderán ser entidades beneficiarias aquelas en que concorra algunha das causas expresadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

As subvencións reguladas na presente orde terán por obxecto o financiamento de programas de emprego dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de Lanzadeiras de emprego de Galicia no ámbito da Comunidade Autónoma e durante un período de 12 meses, facilitándolles ás ditas persoas os recursos e ferramentas que melloren a súa empregabilidade, as activen laboralmente e lles proporcionen competencias transversais que incrementen as súas posibilidades de inserción laboral.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras están establecidas na Orde do 18 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de Lanzadeiras de emprego de Galicia durante os anos 2016-2017.

Cuarto. Importe

Importe total da convocatoria: 4.000.000,00 €.

As Lanzadeiras de emprego están destinadas a atender un mínimo de 60 persoas desempregadas e un máximo de 120. A contía máxima da subvención que se concederá será de 2.400 euros por cada persoa desempregada participante.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria