Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 1 de agosto de 2016 Páx. 33594

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 14/2016, do 27 de xullo, pola que se modifica a Lei 4/2012, do 12 de abril, da Área Metropolitana de Vigo.

Exposición de motivos

I

O 10 de abril do ano 2012, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/2012, do 12 de abril, da Área Metropolitana de Vigo. O dito texto daba cumprimento a unha reivindicación histórica dos concellos da área de influencia da cidade máis poboada de Galicia: a creación dunha entidade local supramunicipal coa capacidade de xestionar aqueles servizos públicos que a propia realidade social, demográfica e económica dos concellos integrantes recomenda planificar e prestar de xeito coordinado en todo o territorio metropolitano.

Porén, a entrada en vigor da Lei 4/2012, do 12 de abril, non se correspondeu cunha posta en marcha inmediata do ente metropolitano, polo que se fixo necesaria a busca dun consenso reforzado entre as institucións involucradas para garantir o seu arranque efectivo.

Coa vontade de chegar a un acordo, a Xunta de Galicia puxo en marcha desde mediados do ano 2015 un proceso de diálogo que a levou a recoller as impresións dos gobernos municipais e dos grupos da oposición dos catorce concellos que integraron de xeito inicial esta área. Ás ditas reunións bilaterais sucedéronlles ata tres reunións multilaterais entre o Goberno autonómico e as catorce persoas titulares das alcaldías dos concellos da Área, ademais de varias reunións desenvolvidas entre os propios concellos. O proceso frutificou finalmente co acordo acadado en Vigo na reunión que tivo lugar o 22 de febreiro de 2016.

II

Esta lei recolle as conclusións acadadas naquel acordo e garante un consenso reforzado sobre os eixes fundamentais do funcionamento da Área. Deste xeito, refórmase a Lei 4/2012, do 12 de abril, principalmente en dous aspectos concretos: o modelo de gobernanza e as atribucións competenciais.

No tocante ao modelo de gobernanza, o cambio fundamental é a adopción dun sistema de voto ponderado na Xunta de Goberno Metropolitana, o que se traduce en que o peso na toma de decisións neste órgano por parte de cada alcalde ou alcaldesa será correlativo ao peso poboacional do concello respectivo. Como mecanismo corrector que evite eventuais abusos de poder por parte dos municipios máis poboados, exíxese de xeito complementario que os acordos da Xunta de Goberno deberán ser adoptados co voto favorable de, cando menos, os alcaldes ou as alcaldesas de catro concellos.

Outro cambio na gobernanza afecta as vicepresidencias da Área, que pasan a ser catro e que deberán garantir a pluralidade territorial e política, así como a paridade entre homes e mulleres.

Tamén se ve afectado pola reforma o artigo regulador da Comisión de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Área Metropolitana de Vigo, órgano de coordinación interadministrativa nestas materias. A persoa titular da presidencia da Área pasa a ocupar a vicepresidencia desta comisión.

Por último, o mecanismo flexible que a Lei 4/2012, do 12 de abril, prevé para a incorporación de novos concellos vese complementado con outro mecanismo flexible para eventuais saídas dos municipios integrantes. Así, introdúcense dúas novas disposicións adicionais que habilitan os concellos membros para suspenderen as súas achegas económicas á Área e, eventualmente, para a abandonaren cando constaten que non se adheriron a ningún dos servizos metropolitanos.

No que respecta ao alcance e financiamento das competencias da Área Metropolitana, a modificación legal inclúe dúas novidades substanciais:

En primeiro lugar, prevese un mecanismo áxil e efectivo para a asunción do exercicio das funcións e dos servizos correspondentes ás competencias oportunas que vén exercendo a Deputación Provincial de Pontevedra, que se une ao xa previsto para as cesións que teñan que facer a Comunidade Autónoma e os propios concellos, garantindo que as achegas económicas que comporte a dita cesión teñan unha base obxectiva.

E, en segundo lugar, modifícase o artigo 21 da Lei 4/2012, do 12 de abril, relativo ás competencias da Área en materia de transporte público de viaxeiros. Facúltase a Área Metropolitana de Vigo para establecer os criterios de coordinación entre o transporte metropolitano xestionado por ela e os transportes urbanos xestionados por concellos integrados nela.

Para isto, créase un comité de coordinación integrado por unha persoa representante da Administración xeral da Comunidade Autónoma, outra persoa representante dos concellos da Área con transporte urbano e outra dos concellos carentes del. Non obstante, poderán participar nas súas reunións, con voz pero sen voto, persoas representantes de cada un dos concellos que integren a Área.

As propostas deste comité deberán ser aprobadas pola Xunta de Goberno Metropolitana e o plan de explotación do transporte metropolitano deberá ser aprobado pola Asemblea Metropolitana.

Tamén se modifican os artigos 2.3, 21.1, letra e), e incorpórase no artigo 33 una nova letra k bis). Engádese una nova sección «Cohesión social e territorial» cun novo artigo 32 bis. E introdúcense dúas novas disposicións transitorias relativas á extinción dos contratos de servizo público de transporte existentes e ao réxime das novas incorporacións de concellos ao ámbito da Área Metropolitana.

Finalmente, engádese unha nova disposición adicional, a décimo primeira, coa finalidade de garantir o exercicio coordinado das competencias previstas en materia de transporte metropolitano desde o inicio, e condiciónase a efectiva posta en funcionamento da Área Metropolitana de Vigo á incorporación do Concello de Vigo ao Plan de transporte metropolitano de Galicia.

III

A lei estrutúrase nun artigo único, cun total de dezanove puntos, a través dos cales se efectúan modificacións no texto da Lei 4/2012, do 12 de abril, da Área Metropolitana de Vigo. E finaliza cunha disposición derradeira única que sinala a súa entrada en vigor.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se modifica a Lei 4/2012, do 12 de abril, da Área Metropolitana de Vigo.

Artigo único. Modificación da Lei 4/2012, do 12 de abril, da Área Metropolitana de Vigo

A Lei 4/2012, do 12 de abril, da Área Metropolitana de Vigo, queda modificada como segue:

Un. O número 3 do artigo 2 queda redactado como segue:

«3. A Área Metropolitana de Vigo terá a súa capitalidade no municipio de Vigo. A cidade de Vigo, como capital da Área Metropolitana, terá un tratamento propio na dotación de servizos públicos da Administración central, autonómica e provincial similar ao dunha capital de provincia.»

Dous. O número 2 do artigo 3 queda redactado como segue:

«2. A organización básica do goberno e da administración da Área Metropolitana de Vigo está determinada pola seguinte estrutura:

a) A Asemblea Metropolitana.

b) A presidenta ou o presidente e catro vicepresidentas ou vicepresidentes.

c) A Xunta de Goberno Metropolitana.

d) O Comité de Cooperación.

e) A Comisión Especial de Contas.»

Tres. A letra t) do número 1 do artigo 8 queda redactada como segue, e engádese nel unha nova letra z) co seguinte contido :

«t) A iniciativa, a elaboración, o impulso e a aprobación inicial do plan de explotación de transporte metropolitano, coordinado coas actuacións nesta materia promovidas pola Xunta de Galicia.»

«z) A concertación na prestación de certos servizos en igualdade de obrigas e dereitos con aqueles concellos que, sen pertenceren á Área Metropolitana de Vigo, formen parte da súa área funcional.»

Catro. O número 4 do artigo 10 queda redactado como segue:

«4. A Xunta de Goberno nomeará de entre os seus membros catro vicepresidencias, que substituirán a presidencia, por orde de nomeamento, en caso de vacante, ausencia ou impedimento para o exercicio do cargo.

A proposta das vicepresidencias corresponderalles aos grupos políticos metropolitanos e deberá recoller a pluralidade política e territorial, así como a paridade entre homes e mulleres.»

Cinco. Os números 3 e 4 do artigo 11 quedan redactados como segue, e engádese unha nova letra l bis) no número 4 do artigo 11 co seguinte contido:

«3. O voto de cada membro da Xunta de Goberno será ponderado, en función do número de persoas representantes que cada concello teña na Asemblea Metropolitana.

Os acordos adoptaranse por maioría absoluta do total do voto ponderado, sempre que ademais exista o voto favorable de, cando menos, os alcaldes e as alcaldesas de catro concellos.

4. Á Xunta de Goberno correspóndenlle as seguintes atribucións:

a) A aprobación dos proxectos do regulamento orgánico, dos proxectos de ordenanzas e do proxecto do plan metropolitano cuadrienal e mais a aprobación da proposta do proxecto do plan de explotación do transporte metropolitano, para efectos da súa elevación á Asemblea Metropolitana co obxecto da súa aprobación inicial.

b) A aprobación do proxecto do orzamento.

c) Coordinar as actuacións dos concellos integrados na Área Metropolitana coas demais administracións públicas que incidan na súa demarcación territorial.

d) A autorización, a disposición de gastos e o recoñecemento das obrigas nas materias da súa competencia, e a disposición dos gastos que autorice a Asemblea.

e) As contratacións de toda clase, como órgano de contratación, independentemente da súa contía e do seu número de anualidades, agás as que lles estean expresamente recoñecidas á presidenta ou ao presidente e á Asemblea Metropolitana nesta lei e na normativa de réxime local.

f) As concesións de toda clase, así como a xestión, a adquisición e o alleamento do patrimonio.

g) O exercicio das accións xudiciais e administrativas en materia da súa competencia.

h) Exercer a potestade sancionadora, salvo que por lei estea atribuída a outro órgano.

i) A aprobación da relación de postos de traballo, das retribucións do persoal de acordo co orzamento aprobado pola Asemblea Metropolitana, da oferta de emprego público, das bases das convocatorias de selección e provisión dos postos de traballo, do nomeamento do persoal directivo e da separación do servizo das funcionarias e dos funcionarios da Área Metropolitana, do despedimento do persoal laboral, do réxime disciplinario e das demais en materia de persoal que non lle estean expresamente atribuídas a outro órgano.

j) Aprobar as propostas elaboradas polo Comité de Coordinación do Transporte Metropolitano.

k) Exercer as competencias que lle sexan delegadas pola Asemblea Metropolitana ou pola presidenta ou o presidente.

l) Nomear de entre os seus membros catro vicepresidentas ou vicepresidentes.

l bis) Realizar control permanente dos servizos públicos que foron obxecto de concesión ou de xestión directa, así como do cumprimento dos seus pregos.

m) As demais que lle correspondan de acordo coas disposicións legais vixentes.»

Seis. Débese engadir no número 1 do artigo 13 o seguinte:

«Garantirase, polo menos, unha persoa representante de cada grupo político, nos termos recollidos na Lei de bases de réxime local.»

Sete. Engádese unha nova letra i) no número 2 do artigo 15 co seguinte contido:

«i) Cohesión social e territorial.»

Oito. O artigo 21 queda redactado como segue:

«Artigo 21. Transporte público de viaxeiros

1. A Área Metropolitana de Vigo, neste ámbito competencial, exercerá as seguintes funcións:

a) Ordenar, xestionar, planificar, inspeccionar e sancionar os servizos de transporte público regular de viaxeiros e viaxeiras de carácter interurbano que atendan exclusivamente tráficos no ámbito da Área Metropolitana de Vigo. Estas facultades exerceranse de conformidade coa lexislación sectorial que resulte aplicable e sen prexuízo das facultades que corresponden á Administración autonómica e a outras administracións respecto do sistema xeral de transportes.

b) Ordenar e intervir administrativamente os servizos de transporte marítimo de persoas con orixe e destino nos municipios da Área Metropolitana, de conformidade co disposto na lexislación vixente.

c) Ordenar e intervir administrativamente o servizo de taxi no ámbito territorial da Área Metropolitana no marco establecido pola regulación do transporte público de persoas en vehículos turismo.

d) Establecer os criterios de coordinación entre os servizos de transporte público de viaxeiros e viaxeiras de carácter interurbano da súa competencia e os servizos de transporte urbano que operen en territorio metropolitano.

e) Intervir, como tal Área Metropolitana, na coordinación, no territorio da Área, dos transportes ferroviario e aéreo, nos termos e co alcance previstos na normativa xeral que resulte aplicable e nas disposicións que emanen das administracións titulares destas liñas de transporte.

2. Con independencia da asunción progresiva das liñas de transporte terrestre, de acordo co sinalado na disposición transitoria cuarta, a Área Metropolitana de Vigo procederá á elaboración dun plan de explotación do transporte metropolitano, que será tramitado e aprobado segundo o previsto na Lei 6/1996, do 9 de xullo, de coordinación dos servizos de transporte urbanos e interurbanos por estrada de Galicia, e que integrará as previsións do Plan de transporte metropolitano de Galicia.

Para estes efectos, a Administración xeral da Comunidade Autónoma dotará o plan das axudas económicas necesarias consonte os criterios seguidos con todas as áreas de transporte integradas no Plan de transporte metropolitano de Galicia.

3. A coordinación dos servizos de transporte público de viaxeiros e viaxeiras que operen en territorio metropolitano, e sobre os cales teñan competencias a Área e os concellos integrados nela, exercerase nos seguintes termos:

a) Constituirase o Comité de Coordinación do Transporte Metropolitano como órgano colexiado adscrito á Área Metropolitana, que formulará propostas de coordinación dos servizos de transporte metropolitano de viaxeiros e viaxeiras por estrada e de ría, transferidos á Área Metropolitana, e do transporte urbano dos concellos integrantes da Área Metropolitana.

b) O Comité de Coordinación do Transporte Metropolitano estará constituído por unha persoa representante da Administración xeral da Comunidade Autónoma, unha persoa representante dos concellos integrantes da Área Metropolitana que non presten servizos de transporte urbano e unha persoa representante dos concellos metropolitanos que presten servizos de transporte urbano.

Poderanse incorporar ao Comité de Coordinación do Transporte Metropolitano, con voz e sen voto, as persoas representantes de organismos con competencia sobre transportes públicos que operen no territorio metropolitano e sexan susceptibles de coordinación co transporte metropolitano, e nomeadamente unha persoa representante da cada concello metropolitano.

4. O Comité de Coordinación do Transporte Metropolitano exercerá as seguintes funcións:

a) Elaborar a proposta de coordinación das rutas, as frecuencias, os horarios e as paradas entre autobuses urbanos, interurbanos e transporte de ría metropolitano, así como a súa interconexión con outros medios de transporte.

b) Elaborar a proposta de determinación das condicións de penetrabilidade do transporte interurbano nos sistemas de transporte urbano, que se deberán incorporar nos pregos de condicións para a contratación de transporte urbano de concellos membros da Área Metropolitana de Vigo.

c) Elaborar a proposta de determinación das condicións de penetrabilidade do transporte urbano nos sistemas de transporte interurbano, que se deberán incorporar nos pregos de condicións para a contratación de transporte interurbano da Área Metropolitana de Vigo.

d) Deseñar e elaborar a proposta do plan de coordinación dos sistemas tarifarios e de billete de viaxe integrado do transporte público de viaxeiros e viaxeiras que se desenvolva na Área Metropolitana de Vigo.

Os títulos de viaxes das liñas interurbanas de carácter xeral serán accesibles a todas as persoas usuarias, sen discriminación por empadroamento, agás bonificacións sociais dirixidas a colectivos específicos.

e) Elaborar a proposta de calendario e as accións encamiñadas ao establecemento do billete integrado no transporte público de viaxeiros e viaxeiras que se desenvolva na Área Metropolitana de Vigo.

f) Elaborar a proposta de coordinación e garantía de compatibilidade do medio de pagamento co do resto de áreas de transporte metropolitano de Galicia.

g) Realizar o control permanente dos servizos públicos concesionados ou de xestión directa, así como do cumprimento dos seus pregos, cando a competencia en transporte metropolitano estea completamente transferida á Área Metropolitana de Vigo.

5. Este comité reunirase cada seis meses ou en calquera momento por solicitude de calquera dos seus membros.

6. As propostas do Comité de Coordinación do Transporte Metropolitano serán elevadas, para a súa aprobación, aos órganos de goberno metropolitano competentes.»

Nove. O número 2 do artigo 31 queda redactado como segue:

«2. A presidencia da Comisión de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Área Metropolitana de Vigo corresponderalle á persoa titular da consellaría competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo ou á persoa en quen delegue. A vicepresidencia corresponderalle a quen sexa titular da presidencia da Área Metropolitana. Esta comisión estará integrada por vinte membros, ademais da presidenta ou do presidente da Comisión, dez en representación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dez en representación da Área Metropolitana de Vigo, cinco dos cales serán elixidos polo Concello de Vigo en proporción ao número de concelleiras ou concelleiros que teña cada grupo político no Pleno. Entre estes dez vogais inclúese o vicepresidente ou a vicepresidenta.»

Dez. Débese crear unha nova sección décima no capítulo III, «Potestades e competencias», co seguinte contido:

«Sección 10ª. Programas de cohesión social e territorial

Artigo 32 bis

Planificar e avaliar programas que permitan, desde as políticas sociais públicas, e coa participación dos axentes sociais, reducir a desigualdade interterritorial e que contribúan a mellorar as garantías de protección e atención social dos veciños e das veciñas da Área Metropolitana.»

Once. Engádese unha nova letra k bis) no número 1 do artigo 33, que queda redactada co seguinte contido:

«k bis) Participación nos tributos do Estado e da Xunta de Galicia, nos termos que acorden a Comisión Nacional de Administración Local e a Subcomisión Permanente de Réxime Económico e Financeiro da Comisión Galega de Administración Local, respectivamente, sen que en ningún caso esta última supoña a alteración do coeficiente global de participación das administracións locais nos ingresos da Comunidade Autónoma.»

Doce. Suprímese a letra d) do número 1 do artigo 34.

Trece. A disposición adicional sexta queda redactada como segue:

«Disposición adicional sexta. Traspaso de servizos e funcións das entidades locais territoriais á Área Metropolitana de Vigo

1. Cando se trate de competencias da Deputación, dos concellos ou doutras entidades locais atribuídas por esta lei á Área Metropolitana de Vigo, constituirase para cada entidade local unha comisión paritaria mixta, integrada por tres persoas representantes do respectivo ente, elixidas polo Pleno ou por un órgano equivalente, e outras tres da Área Metropolitana, elixidas pola Asemblea Metropolitana.

2. A Comisión será presidida pola presidenta ou o presidente da Área Metropolitana de Vigo, e formarán parte dela as dúas persoas representantes metropolitanas elixidas pola Asemblea Metropolitana. As persoas representantes do concello serán elixidas polo Pleno, e as alcaldesas ou os alcaldes serán sempre membros natos da Comisión.

3. A materialización do traspaso das competencias das entidades locais realizarase nos termos establecidos nas dúas disposicións anteriores, así como na normativa autonómica vixente, e requirirá a aprobación, tanto por parte do órgano competente da corporación local –segundo o establecido na lexislación básica de réxime local– coma por parte da Asemblea Metropolitana, das propostas consensuadas nas comisións mixtas paritarias.

4. No ámbito territorial da Área Metropolitana de Vigo, este ente asumirá o exercicio das funcións e dos servizos correspondentes ás competencias previstas nesta lei que viñan sendo exercidas pola Deputación Provincial, con pleno respecto ao núcleo esencial da autonomía provincial.

Para estes efectos, a Deputación Provincial cederá, logo de acordo, as funcións e os servizos correspondentes ás competencias previstas nesta lei en favor da Área Metropolitana de Vigo, para a súa xestión dentro do ámbito territorial dos concellos integrantes, así como os recursos materiais, persoais e financeiros necesarios para a súa execución, que deberán ser acordados na Comisión Mixta Paritaria.

5. As achegas económicas municipais que comporten os servizos traspasados serán calculadas atendendo as premisas de racionalidade e de non incremento do gasto público e determinadas, en todo caso, polo custo efectivo neto.»

Catorce. Modifícase o segundo parágrafo da disposición adicional oitava, que queda redactado co seguinte contido:

«A ampliación establecida nesta disposición seralles aplicable a aqueles concellos limítrofes con algún outro que xa forme parte da Área Metropolitana cuxos núcleos de poboación teñan vinculacións económicas e sociais que fagan precisas a planificación conxunta e a coordinación de determinados servizos e obras para garantir a súa prestación integral e adecuada no ámbito de todo o territorio, así como para acadar a eficacia dos investimentos públicos.

Polo tanto, no caso de que a solicitude dun concello se refira a un novo ingreso, deberán concorrer as circunstancias sinaladas no parágrafo anterior.»

Quince. Engádese unha nova disposición adicional novena co seguinte contido:

«Disposición adicional novena. Suspensión de obrigas económicas

1. Logo de transcorrer dous anos desde a súa incorporación á Área Metropolitana, e sempre que non se materializase a adhesión a ningún dos servizos públicos prestados polo organismo metropolitano, o concello, logo de acordo por maioría absoluta do Pleno da corporación municipal, poderá suspender durante dous anos o cumprimento das súas obrigas económicas.

2. A Xunta de Goberno Metropolitana tomará razón do acordo municipal e declarará a suspensión do dereito de voto do representante do concello solicitante por idéntico prazo.»

Dezaseis. Engádese unha nova disposición adicional décima co seguinte contido:

«Disposición adicional décima. Abandono da Área Metropolitana

1. Ao finalizar o período de suspensión previsto na disposición adicional novena, o concello, logo de acordo por maioría absoluta do Pleno da corporación municipal, deberá comunicar á Xunta de Goberno Metropolitana a decisión de reincorporarse como membro de pleno dereito ou solicitar o abandono da Área Metropolitana definitivamente.

2. O abandono será aceptado polo Consello da Xunta de Galicia, no prazo de seis meses, mediante decreto en que se alterará o ámbito territorial da Área Metropolitana e que se ditará logo do trámite de audiencia previsto na disposición adicional oitava.

3. Mentres non se aprobe o decreto a que se refire o parágrafo anterior, o concello continuará na situación prevista na disposición adicional novena.»

Dezasete. Engádese unha nova disposición adicional décimo primeira co seguinte contido:

«Disposición adicional décimo primeira. Efectiva posta en funcionamento da Área Metropolitana de Vigo

1. A efectiva posta en funcionamento da Área Metropolitana de Vigo requirirá a previa integración efectiva do transporte urbano de Vigo no Plan de transporte metropolitano de Galicia, logo da formalización do correspondente convenio de adhesión entre a Xunta de Galicia e o concello. Esta incorporación realizarase nas mesmas condicións ca o resto dos concellos galegos adheridos ao plan, garantindo a igualdade de tratamento de todas as persoas usuarias.

2. Esta incorporación non supoñerá ningún incremento na achega prevista no Plan de transporte metropolitano de Galicia para a Xunta de Galicia ou para os outros concellos, nin ningunha limitación ao número de persoas usuarias.»

Dezaoito. Engádese unha nova disposición transitoria cuarta co seguinte contido:

«Disposición transitoria cuarta. Extinción dos contratos existentes

A extinción progresiva dos contratos de xestión de servizos de transporte público regular de viaxeiros e viaxeiras que non atendan exclusivamente tráficos en territorio da Área Metropolitana de Vigo determinará a asunción por esta das competencias establecidas no artigo 21.1, respecto do territorio metropolitano. A Xunta de Galicia conservará as competencias sobre o territorio non metropolitano, sen prexuízo da necesaria coordinación.»

Dezanove. Engádese unha nova disposición transitoria quinta co seguinte contido:

«Disposición transitoria quinta. Réxime das novas incorporacións

Ata que a Área Metropolitana de Vigo proceda á elaboración e aprobación do plan de explotación do transporte metropolitano previsto no artigo 21.2, os concellos que se adhiran á Área Metropolitana con posterioridade á entrada en vigor desta lei deberán incorporarse, con carácter inmediato, ao Plan de transporte metropolitano de Galicia.»

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, vinte e sete de xullo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente