Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 29 de xullo de 2016 Páx. 33465

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 20 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os titulares de explotacións leiteiras que estean en dificultades financeiras derivadas da súa actividade.

BDNS (Identif.): 313251.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas titulares de explotacións agrarias de vacún de leite que estean, no momento da publicación desta convocatoria, nalgunha das situacións relacionadas a seguir:

1. Con relación a cotas vencidas e impagadas ou embargos de préstamos:

a) Que teñan cotas vencidas e impagadas dun préstamo concedido para a mellora da súa explotación.

b) Que teñan unha resolución ou providencia de embargo de bens propios ou alleos por débedas relacionadas co impagamento dun préstamo concedido para a mellora da súa explotación.

2. Con relación á modificación das condicións do crédito concedido:

a) Que refinanciasen a débeda concedida pola entidade bancaria.

b) Que ampliasen o prazo do pagamento do crédito.

c) Que ampliasen o período de carencia do capital.

3. Con relación ás débedas con provedores da súa explotación gandeira vencidas e non pagadas, nas cales concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que pasase un prazo de máis de tres meses desde o seu vencemento.

b) Que as obrigas fosen reclamadas xudicialmente.

O beneficiario deberá cumprir cos seguintes compromisos:

a) Exercer a actividade agraria na explotación da que é titular durante polo menos cinco anos contados desde a data de pagamento da axuda.

b) No prazo de 1 mes desde o pagamento da axuda, o beneficiario terá que acreditar que o importe da axuda foi destinado aos conceptos subvencionados.

Segundo. Obxecto

Axudas para os titulares de explotacións leiteiras que estean en dificultades financeiras derivadas da súa actividade.

Terceiro. Bases reguladoras

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto na Orde do 20 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os titulares de explotacións leiteiras que estean en dificultades financeiras derivadas da súa actividade.

Cuarto. Importe

A contía global destas axudas será, para o ano 2016, de tres millóns de euros (3.000.000 €), con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

A contía da axuda calcularase con base no establecido nas alíneas seguintes:

a) No caso dos beneficiarios que teñan cotas vencidas e impagadas ou embargo de bens propios por impagamento dun préstamo concedido para mellorar a explotación agraria:

Unha cantidade equivalente ás cotas reclamadas mediante a providencia de embargo ou ás cotas vencidas e impagadas, cun límite máximo por explotación de 15.000 €.

b) No caso dos beneficiarios que modificasen as condicións dun préstamo concedido para mellorar a explotación agraria:

Unha cantidade equivalente ao principal do préstamo refinanciado ou modificado nos 12 meses anteriores á data de publicación da orde, cun límite de 7.500 €.

c) No caso dos beneficiarios con débedas con provedores da súa explotación gandeira vencidas e non pagadas:

Unha cantidade equivalente ás débedas contraídas cun límite de 15.000 €.

As axudas das alíneas a), b) e c) poderanse acumular nun mesmo beneficiario, xunto coas restantes axudas de minimis recibidas, ata o máximo de 15.000 € para un período de tres exercicios fiscais establecido no Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2016

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias