Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 29 de xullo de 2016 Páx. 33396

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 1 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

As transformacións que están experimentando a economía, a sociedade, os continuos avances tecnolóxicos e os cambios nos hábitos laborais e nos sistemas de organización do traballo, xunto coa perda de lazos sociais e familiares, configuran algunhas das múltiples causas de exclusión social. O actual contexto económico e de alta taxa de desemprego incrementan o número de persoas en situación ou risco de exclusión social. Un trazo común a case todas as situacións de exclusión social é a dificultade para participar nos mecanismos habituais de formación e inserción laboral.

Para paliar e erradicar estas situacións de desarraigamento e exclusión social, xorden as empresas de inserción laboral, cuxa finalidade primordial é a incorporación ao mercado laboral das persoas en risco ou en situación de exclusión social, proporcionándolles un traballo remunerado e a formación e o acompañamento necesarios para mellorar as súas condicións de empregabilidade e facilitarlles o acceso ao mercado laboral ordinario.

As empresas de inserción, reguladas a nivel estatal na Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción, constitúen unha tipoloxía especial dentro das empresas de carácter social e confirman que o emprego é, para as persoas máis desfavorecidas e excluídas, un dos principais factores de inserción social e unha forma de participación na actividade da sociedade.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, regula as empresas de inserción no capítulo II do seu título IV e destaca que os itinerarios de inserción laboral son o marco de estímulo e promoción do emprego con colectivos de inserción laboral que se desenvolve desde a Administración laboral galega, como políticas de acción positiva, sobre todo, as empresas de inserción e os estímulos á creación de emprego destes colectivos.

O Decreto 156/2007, do 19 de xullo, regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, crea o seu rexistro administrativo e establece as medidas para o fomento da inserción sociolaboral. No seu capítulo V enúncianse as medidas de fomento que a Xunta de Galicia poderá destinar ás empresas de inserción laboral. En desenvolvemento deste capítulo, nesta orde establécense as axudas destinadas ao fomento e ao sostemento das empresas de inserción laboral, coa finalidade de promover a inserción laboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social.

De acordo co disposto no Decreto116/2015, do 4 de outubro, polo que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, correspóndelle a esta a xestión administrativa do Rexistro de Empresas de Inserción Laboral, así como a xestión dos programas de apoio ás empresas de inserción laboral.

As bases reguladoras do programa contido nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e o obxecto do programa, non resulta necesario realizar, nun único procedemento, a comparación e a prelación das solicitudes presentadas, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos, e así ata o esgotamento do crédito orzamentario.

A Lei 31/2015, do 9 de setembro, pola que se modifica e actualiza a normativa en materia de autoemprego e se adoptan medidas de fomento e promoción do traballo autónomo e da economía social (BOE núm. 217, do 10 de setembro), recoñece as empresas de inserción como entidades prestadoras de servizos de interese económico xeral.

As empresas de inserción laboral son iniciativas empresariais que combinan a viabilidade económica empresarial con metodoloxías que fan posible a inserción laboral de persoas excluídas socialmente. Son empresas que desenvolven actividades económicas co fin de conseguir a reintegración no mercado laboral de grupos vulnerables, persoas en situación ou risco de exclusión social, favorecendo así a súa inclusión social.

Polo tanto, as empresas de inserción laboral dan reposta a unha necesidade social esencial e executan unha obriga de servizo público na Comunidade Autónoma de Galicia, como é a integración sociolaboral das persoas en situación ou risco de exclusión social, servindo de instrumento de desenvolvemento da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

Neste sentido, a actividade destas empresas constitúe un servizo de interese económico xeral e as axudas pola compensación deste servizo, establecidas nesta orde, quedarán sometidas ao Regulamento (UE) núm. 360/2012, do 25 de abril de 2012, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis concedidas a empresas que presten servizos de interese económico xeral (DOUE L 114, do 26 de abril de 2012). Este regulamento limita a 500.000 euros a cantidade máxima de axudas de minimis que pode recibir unha empresa que presta servizos de interese económico xeral no prazo de tres exercicios fiscais.

Consecuentemente con todo o anterior, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Finalidade, principios de xestión e ámbito de aplicación

Artigo 1. Finalidade, principios de xestión e financiamento

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral e ás súas entidades promotoras e proceder á súa convocatoria para o ano 2016, coa finalidade de promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de que poidan cumprir a súa función social.

2. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

3. O programa regulado nesta orde está financiado con fondos finalistas do Estado recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal. Este programa está incluído pola Xunta de Galicia no Plan anual de políticas de emprego (PAPE) para o ano 2016.

A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

No exercicio económico 2016 as axudas reguladas nesta orde financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias que a continuación se relacionan, recollidas na Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, coa seguinte distribución:

Axudas ás empresas de inserción laboral.

09.40. 322C 470.2, código de proxecto 2015 00561, cun crédito de 200.000 euros.

Axudas ás entidades promotoras de empresas de inserción laboral.

09.40. 322C 481.2, código de proxecto 2016 00309, cun crédito de 10.000 euros.

Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 2. Normativa aplicable

As solicitudes, a tramitación e a concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 e, no que resulte de aplicación, á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e ao seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e esta orde.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as entidades promotoras de empresas de inserción laboral e as empresas de inserción laboral que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela para os distintos tipos de axudas.

2. Poderán solicitar e ser beneficiarias das axudas aquelas empresas que solicitasen, conforme o procedemento establecido para o efecto, a súa cualificación como empresa de inserción laboral. Non obstante, non se poderá proceder ao pagamento da axuda en canto non obteñan esa cualificación.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas establecidas nesta orde as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

5. A xustificación por parte das entidades solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 3 e 4 anteriores para obteren a condición de beneficiarias realizarase mediante declaración responsable.

Artigo 4. Suxeitos e persoas beneficiarias da inserción sociolaboral por medio de empresas de inserción laboral

1. A inserción sociolaboral por medio de empresas de inserción laboral vai dirixida a persoas desempregadas en situación ou en risco de exclusión social nas cales concorran un ou varios factores de exclusión relacionados neste artigo.

A situación e as circunstancias de risco ou exclusión social que determinen a cualificación dunha persoa como posible traballador ou traballadora en proceso de inserción nunha empresa de inserción laboral serán acreditadas polo Sistema galego de servizos sociais.

Para a valoración técnica da situación ou risco de exclusión social o verificarán servizos sociais comunitarios da Comunidade Autónoma de Galicia ademais da situación de desemprego, a ausencia ou déficit grave de recursos económicos, así como a concorrencia dalgún dos factores de exclusión recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, cando esta condición supoña especiais dificultades de integración social ou laboral:

a) Estar nunha situación de cargas familiares non compartidas.

b) Ser unha persoa vítima de violencia doméstica.

c) Estar en proceso de rehabilitación social, como resultado dun programa de deshabituación de substancias adictivas ou de calquera outra adicción que produza efectos persoais e sociais de natureza semellante.

d) Ter a condición de muller vítima de violencia de xénero.

e) Ter a condición de persoa con discapacidade.

f) Ser inmigrante ou emigrante retornado.

g) Proceder de institucións de protección ou reeducación de menores.

h) Proceder de cumprimento de pena nunha institución penitenciaria.

i) Ser unha persoa sen fogar ou habitar nunha infravivenda.

j) Pertencer a unha minoría étnica.

k) Estar en proceso de abandono do exercicio da prostitución ou ser vítima de explotación sexual-laboral en redes de prostitución ou de trata de persoas.

l) Ter a condición de persoa transexual ou estar en proceso de reasignación sexual.

m) Calquera outro factor non previsto expresamente no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, sempre que, ponderado polos servizos sociais comunitarios no contexto persoal, familiar e social da persoa, condicione negativa e gravemente a súa inclusión social e laboral.

2. Para os efectos das axudas previstas nesta orde, entenderase por:

I. Persoas con discapacidade, aquelas que teñan recoñecida, pola Administración competente, unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 %.

II. Persoas desempregadas, aquelas que figuren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e que carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data da súa alta na Seguridade Social.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego, na data de alta na Seguridade Social, será realizada directamente polo órgano xestor das axudas, conforme o previsto no artigo 18.3 desta orde, agás que a inscrición fose realizada noutro servizo público de emprego distinto da Comunidade Autónoma de Galicia.

O órgano xestor comprobará directamente que a persoa traballadora pola que se solicita subvención careza de ocupación, segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, na data da súa alta na Seguridade Social, conforme o previsto no artigo 18.3 desta orde.

III. Persoas emigrantes retornadas, aquelas que cumpran coa condición de que non transcorresen máis de dous anos entre a data do retorno e a data de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

Artigo 5. Contratos de traballo subvencionables

1. Os contratos de traballo subscritos entre as persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social e as empresas de inserción laboral terán que reunir as seguintes características para ser subvencionables:

a) Deberán formalizarse por escrito, axustándose ás modalidades de contratación previstas na lexislación laboral.

b) A súa duración non poderá ser inferior a seis meses.

c) A xornada de traballo non poderá ser inferior ao 50 % da establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legalmente establecida.

d) Con carácter previo á formalización do contrato, a persoa seleccionada, a empresa de inserción laboral e os servizos sociais deberán subscribir o convenio de inserción, co contido sinalado no artigo 13 do Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, se crea o seu rexistro administrativo e se establecen as medidas para o fomento da inserción laboral.

2. Non poderán ser contratadas as persoas traballadoras que nos dous anos inmediatamente anteriores prestasen servizos mediante un contrato de traballo, incluído o contrato temporal de fomento do emprego, nesta ou en distinta empresa de inserción laboral, salvo que, no suposto de fracaso nun proceso previo de inserción ou no de recaída en situacións de exclusión, o servizo social público competente considere o contrario á vista das circunstancias persoais da persoa traballadora.

CAPÍTULO II

Actuacións subvencionables

Artigo 6. Tipos de axuda

1. As empresas de inserción laboral poderán acceder aos seguintes tipos de axuda:

a) A contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social.

b) A contratación de xerentes ou persoas técnicas necesarias para garantir a viabilidade técnica, económica ou financeira da empresa de inserción laboral.

c) A contratación de persoas técnicas expertas en accións de orientación e acompañamento á inserción.

d) A realización de labores de mediación laboral para a contratación de persoas en inserción no mercado laboral ordinario.

e) A formalización de préstamos con entidades financeiras.

f) A creación e ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral.

g) O inicio e posta en marcha da actividade.

h) O fomento de procesos de creación de empresas de inserción laboral e asistencia técnica.

2. As entidades promotoras de empresas de inserción laboral poderán ser beneficiarias dos seguintes tipos de axuda:

a) A contratación de persoas técnicas expertas en accións de orientación e acompañamento á inserción.

b) O fomento de procesos de creación de empresas de inserción laboral.

Artigo 7. Subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social

1. Subvencionaránselles parcialmente ás empresas de inserción laboral os custos dos contratos de traballo subscritos con persoas en situación ou en risco de exclusión social incluídas no artigo 4 desta orde.

2. A contía da subvención será equivalente ao salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa traballadora subvencionable, incluídas as pagas extraordinarias dos meses de decembro e xuño. Esta contía será proporcional á duración da xornada de traballo.

Cando a persoa traballadora estea en situación de incapacidade temporal, o importe da subvención referirase exclusivamente aos días en que o pagamento sexa, obrigatoriamente, por conta da empresa, de conformidade co que dispoña a normativa da Seguridade Social. Tampouco serán subvencionables as indemnizacións e axudas de custo.

3. Ao abeiro desta axuda subvencionaranse as mensualidades de outubro de 2015 ata setembro de 2016, ambas as dúas incluídas, correspondentes aos contratos de traballo formalizados con persoas traballadoras en proceso de inserción.

4. Para a subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social deberá presentarse unha única solicitude que comprenderá as mensualidades de outubro, novembro e decembro do ano 2015 e as de xaneiro a setembro de 2016.

Artigo 8. Subvención pola contratación de xerentes ou persoas técnicas

1. Para facilitar a contratación de xerentes ou persoas técnicas que sexan necesarias para garantir a viabilidade técnica, económica ou financeira das empresas de inserción laboral, poderá concederse unha subvención equivalente ao 50 % dos custos laborais totais, incluído o importe efectivamente cotizado á Seguridade Social por todos os conceptos a cargo da empresa.

O importe da subvención será de ata 8.000 euros anuais, polo total do período subvencionable de outubro de 2015 a setembro de 2016, ou o importe proporcional se a duración é inferior.

Poderáselles conceder esta subvención a aquelas empresas de inserción laboral que fosen beneficiarias desta liña de axudas anteriormente, sempre que o total das mensualidades subvencionadas a todas as persoas técnicas ou xerentes non superen en conxunto as 36 mensualidades.

2. Esta subvención estará condicionada á xustificación pola empresa de inserción laboral de que coas contratacións obxecto de subvención se suplan carencias para o desenvolvemento da actividade empresarial e o seu bo fin.

3. Cando se trate de contratacións a tempo parcial, a contía máxima que se percibirá será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legal.

4. Serán subvencionables ao abeiro desta orde as mensualidades de outubro de 2015 ata setembro de 2016, ambas as dúas inclusive, que teñan unha xornada de traballo non inferior ao 50 %.

Artigo 9. Subvención pola contratación de persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción

1. As empresas de inserción laboral e as entidades promotoras de empresas de inserción laboral poderán acceder a unha subvención para a contratación de persoal técnico de inserción, coa finalidade de desenvolver accións de orientación e acompañamento das persoas traballadoras en proceso de inserción e facilitar a súa plena integración laboral en empresas normalizadas.

2. A contía desta subvención será equivalente ao 50 % dos custos laborais totais, incluído o importe efectivamente cotizado á Seguridade Social por todos os conceptos a cargo da empresa ou da entidade promotora, e terá como límite máximo, por todas as contratacións, a contía de 3.000 euros por cada persoa traballadora en proceso de inserción, sen que, en ningún caso, o importe da subvención poida superar os 12.000 euros anuais, polo total do período subvencionable de outubro de 2015 a setembro de 2016, ou o importe proporcional se a duración é inferior.

Cando a contratación da persoa traballadora en proceso de inserción sexa a tempo parcial, a contía da subvención será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legal.

3. As empresas de inserción laboral e as entidades promotoras que se subvencionasen pola contratación de persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción ao abeiro deste programa, poderán solicitar esta axuda unha vez transcorrido o período subvencionado.

4. O persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción contratado deberá posuír unha titulación universitaria oficial de grao adecuada ás funcións que vai desenvolver, ou ben, tendo unha titulación universitaria oficial de grao, acredite unha experiencia de dous anos en programas de orientación e acompañamento de persoas desfavorecidas desde a perspectiva laboral e social. Consideraranse titulacións universitarias adecuadas aquelas que acrediten coñecementos no ámbito educativo, asistencial, pedagóxico, psicosocial, terapéutico e sociolaboral.

5. Se a subvención a solicitasen as entidades promotoras, non poderán solicitala a empresa ou as empresas de inserción laboral que promovan.

6. Serán subvencionables ao abeiro desta orde as mensualidades de outubro de 2015 ata setembro de 2016, ambas as dúas inclusive.

Artigo 10. Subvención pola realización de labores de mediación laboral

1. Coa finalidade de fomentar os labores de mediación laboral, subvencionaranse as empresas de inserción laboral cunha axuda de 6.000 euros pola incorporación indefinida e a xornada completa á empresa ordinaria dunha persoa traballadora en proceso de inserción xestionada pola empresa de inserción laboral. Se o contrato subscrito é de carácter temporal e ten unha duración de 24 meses, a subvención será de 3.000 euros e se é inferior a 24 meses e igual ou superior a 6 meses, o incentivo será proporcional á duración do contrato. No suposto de contratos de traballo a tempo parcial, a subvención experimentará unha redución proporcional á xornada laboral pactada.

O prazo entre a baixa na empresa de inserción laboral e a data de alta na empresa ordinaria non poderá ser superior a un mes.

2. Subvencionarase cunha axuda de 6.000 euros a empresa de inserción laboral que asesore, apoie e acompañe unha persoa traballadora en proceso de inserción na súa iniciativa de autoemprego.

3. Estas actuacións de mediación laboral serán subvencionables unha vez transcorridos seis meses desde a formalización do contrato coa empresa ordinaria ou desde a alta no réxime especial de traballadores autónomos, e sempre que o remate deste prazo se producise entre o 1 de outubro de 2015 e o 30 de setembro de 2016.

4. O importe desta subvención terá como límite os custos salariais totais, pola contratación da persoa en proceso de inserción na empresa ordinaria durante seis meses. No suposto do apoio a unha persoa en proceso de inserción para a súa constitución como traballador ou traballadora autónoma, o límite desta subvención será o importe das cotizacións á Seguridade Social durante 12 meses no réxime especial dos traballadores autónomos ou por conta propia.

5. As empresas de inserción laboral beneficiarias desta subvención asumen a obriga de realizar o seguimento laboral das persoas inseridas no mercado ordinario durante un período mínimo de doce meses; para tal efecto deberán achegar ante o órgano concedente unha memoria do seguimento realizado. Procederá o reintegro total da subvención concedida no suposto de non xustificar o seguimento realizado, e procederá o reintegro parcial no suposto de que non se manteña o emprego das persoas inseridas, agás por causas debidamente xustificadas.

Artigo 11. Subvención financeira

1. A subvención financeira ten por finalidade favorecer a creación de postos de traballo mediante a redución dos xuros dos préstamos para financiar os investimentos que sexan necesarios para a creación e posta en marcha das empresas de inserción laboral, así como os necesarios para a ampliación dos postos de traballo en inserción, tendo en conta que, como mínimo, o 75 % do importe do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.

Para os efectos desta orde, entenderase por inmobilizado material ou intanxible aquel definido como tal no Real decreto 1514/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade, e no Real decreto 1515/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade de pequenas e medianas empresas e os criterios contables específicos para microempresas, no Plan de contabilidade de pequenas e medianas entidades sen fins lucrativos, aprobado pola Resolución do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas do 26 de marzo de 2013 e incluídos nos subgrupos 20, 21 e 23 do cadro de contas dos citados plans, excluídos os anticipos.

Os investimentos poderán ser computados sempre que as facturas estean estendidas a nome da entidade solicitante e non sexan emitidas por algunha das entidades promotoras das empresas de inserción laboral.

No suposto de elementos de transporte, soamente se computarán os vehículos comerciais ou industriais que se empreguen no desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional, así como os vehículos automóbiles de turismo que sexan empregados nos desprazamentos profesionais polas persoas representantes ou axentes comerciais, os empregados na venda a domicilio, na prestación de servizos de transporte de viaxeiros, de ensino de condutores e os empregados en servizos de vixilancia, ao 100 % do seu prezo de adquisición, excluído o imposto sobre o valor engadido.

Non obstante, para as empresas que realicen por conta allea operacións de transporte por estrada, non se poderá conceder a subvención financeira para a adquisición de vehículos de transporte de mercadorías por estrada.

En ningún caso para a acreditación do inmobilizado material ou intanxible se terán en conta os contratos de arrendamento financeiro nin outras figuras xurídicas afíns que non lle concedan á entidade solicitante o pleno dominio ou titularidade inicial do investimento.

2. Os préstamos, para seren subvencionables, deberán ser concedidos por entidades financeiras que teñan subscrito un convenio, para tal fin, coa Consellería de Economía, Emprego e Industria, e deberán formalizarse no período comprendido entre o 1 de outubro de 2015 e o 30 de setembro de 2016, ou, de ser o caso, no prazo específico establecido na resolución de concesión. Tamén serán subvencionables os microcréditos concedidos por entidades públicas ou por outras entidades de crédito.

Para os efectos da xustificación desta subvención teranse en conta os investimentos en inmobilizado material ou intanxible, sen incluír o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, realizados entre o 1 de outubro de 2015 e o 30 de setembro de 2016 e xustificados mediante facturas emitidas no mesmo período. Os documentos bancarios acreditativos do seu pagamento deberán presentarse con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión, ou, de ser o caso, ata o 20 de decembro de 2016.

Non se admitirá, para os efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados con cargo aos préstamos obxecto da axuda, agás no suposto de traspaso de negocios.

3. Esta subvención, pagadoira dunha soa vez, será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo, calculada sobre os oito primeiros anos de vixencia deste. A contía calcularase como se a subvención se devindicase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia. O tipo de xuro poderá ser fixo ou variable, e tomarase como referencia para o cálculo da subvención o tipo de xuro vixente na data da resolución da subvención, ou o vixente na data da sinatura do contrato de préstamo, se esta é anterior.

A entidade beneficiaria, no prazo de 30 días desde a data en que teña coñecemento do pagamento efectivo da subvención, ten que presentar unha certificación expedida pola entidade financeira, acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

No caso de microcréditos concedidos por entidades públicas ou por outras entidades de crédito, a subvención poderá ser o custo total dos gastos financeiros, cos límites máximos sinalados no número seguinte.

4. Esta subvención terá como límite a contía máxima de 3.000 euros por emprego creado para os colectivos de persoas desempregadas definidos no artigo 4 desta orde durante o primeiro ano desde o inicio da actividade, sempre que supoñan incremento con respecto ao número de persoas traballadoras en inserción tidas en conta no último expediente de subvención financeira.

Artigo 12. Subvención pola creación ou ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral

1. Poderá concederse unha subvención pola creación de emprego ás empresas de inserción laboral de nova creación ou ás que amplíen o seu cadro de persoal creando novos empregos para persoas en proceso de inserción.

O importe máximo desta subvención determinarase en atención ao número de novos postos de traballo creados e ocupados por persoas en procesos de inserción, ata un máximo de 12.000 euros por cada posto de traballo a xornada completa, ou a parte proporcional se o contrato é a tempo parcial.

Serán subvencionables aqueles novos postos de traballo que, cubertos por persoas en proceso de inserción, supoñan un incremento de persoal respecto das persoas en situación ou en risco de exclusión social que tivese a empresa de inserción laboral no último expediente de axudas á creación ou ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral.

O importe desta subvención non poderá superar o importe máximo de 12.000 euros por cada posto de traballo a xornada completa, ou a parte proporcional se o contrato é a tempo parcial.

2. A concesión da subvención pola creación de novos postos de traballo para persoas en proceso de inserción requirirá acreditar a realización pola empresa de inserción laboral do investimento que sexa necesario para a creación do posto de traballo.

O importe da subvención pola creación ou ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral non superará o 60 % do custo total do investimento en inmobilizado material ou intanxible directamente relacionado coa actividade principal desenvolvida pola empresa de inserción laboral.

Os investimentos poderán ser computados para o cálculo do límite da subvención sempre que as facturas estean expedidas a nome da entidade solicitante e non sexan emitidas por algún dos promotores da empresa.

No suposto de elementos de transporte, soamente se computarán os vehículos comerciais ou industriais que se empreguen no desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional, así como os vehículos automóbiles de turismo que sexan empregados nos desprazamentos profesionais polos representantes ou axentes comerciais, os empregados na venda a domicilio, na prestación de servizos de transporte de viaxeiros, de ensino de condutores e os empregados en servizos de vixilancia, ao 100 % do seu prezo de adquisición, excluído o imposto sobre o valor engadido.

En ningún caso, para a acreditación do inmobilizado material ou intanxible, se terán en conta os contratos de arrendamento financeiro nin outras figuras xurídicas afíns que non lle concedan á entidade solicitante o pleno dominio ou titularidade inicial do investimento.

3. Para os efectos da xustificación desta subvención teranse en conta as contratacións realizadas entre o 1 de outubro de 2015 e o 30 de setembro de 2016.

Para o cálculo do límite da subvención terase en conta a acreditación dos investimentos en inmobilizado material ou intanxible, sen incluír o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, realizados entre o 1 de outubro de 2015 e o 30 de setembro de 2016 e xustificados mediante facturas emitidas no mesmo período. Os documentos bancarios acreditativos do seu pagamento deberán presentarse con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, se é o caso, ata o 20 de decembro de 2016.

Artigo 13. Subvención para o inicio e posta en marcha da actividade

1. Poderase conceder para o financiamento dos primeiros gastos da actividade unha subvención de 3.000 euros por cada persoa traballadora en proceso de inserción da empresa de inserción laboral e ata un máximo de 12.000 euros.

2. A través desta subvención, que se concederá por unha soa vez, serán subvencionables os gastos realizados con posterioridade ao inicio da actividade empresarial e efectivamente xustificados mediante facturas emitidas entre 1 de outubro de 2015 e o 30 de setembro de 2016. Os documentos bancarios acreditativos do seu pagamento deberán presentarse con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 20 de decembro de 2016.

3. A subvención destinarase a sufragar os gastos necesarios derivados da posta en marcha da actividade realizados nos seguintes conceptos:

– Compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos.

– Gastos de arrendamento do local, de maquinaria e de equipamentos informáticos.

– Gastos de seguro do local, publicidade e subministracións.

Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. Os gastos poderán ser computados sempre que as facturas estean expedidas a nome da entidade solicitante e non sexan emitidas a nome da entidade promotora.

4. Poderán solicitar esta subvención as empresas de inserción laboral que inicien a súa actividade a partir do 1 de outubro de 2015.

5. Enténdese que unha empresa inicia a súa actividade empresarial desde a data de alta no imposto de actividades económicas, ou ben desde a data de alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

Artigo 14. Subvención para o fomento de procesos de creación de empresas de inserción laboral e asistencia técnica

1. Esta axuda está destinada a financiarlles parcialmente ás entidades promotoras de empresas de inserción laboral os custos que comporta o proceso de creación de empresas de inserción laboral e ás empresas de inserción laboral as modalidades de asistencia técnica dirixidas á mellora ou reorientación da actividade empresarial.

2. Serán subvencionables ao abeiro desta axuda os estudos de mercado, os estudos de viabilidade técnica, económica e financeira e os labores de asesoramento e consultoría que teñan por obxecto a constitución dunha empresa de inserción laboral.

Na asistencia técnica das empresas de inserción laboral serán subvencionables os mesmos custos, así como os necesarios para a realización de estudos de mercado para a apertura de novos mercados ou para a reorientación da actividade empresarial.

3. A contía desta subvención será equivalente ao 50 % do custo total dos servizos, cun límite máximo de 6.000 euros. Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

4. A concesión da subvención obriga ás entidades promotoras a realizar o proceso de creación dentro do exercicio orzamentario no cal se concede a axuda e a crear a empresa de inserción laboral no prazo que se estableza na resolución de concesión da subvención.

5. Para os efectos da xustificación desta subvención teranse en conta os gastos, sen incluír o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, realizados entre o 1 de outubro de 2015 e o 30 de setembro de 2016 e xustificados mediante facturas emitidas no mesmo período. Os documentos bancarios acreditativos do seu pagamento deberán presentarase con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 20 de decembro de 2016.

CAPÍTULO III

Competencia e procedemento

Artigo 15. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes das subvencións presentadas ao abeiro desta orde correspóndelle, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 16. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes dirixiranse ao órgano competente para resolver e deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes por vía electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, da persoa representante que actúe con poder suficiente, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo de presentación das solicitudes das axudas previstas nesta orde rematará o 30 de setembro de 2016.

3. As solicitudes están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, e na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria na ligazón: http://traballo.xunta.es/axudas-e-subvencions

Artigo 17. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso, deberá presentar coa solicitude a certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Conforme o establecido no artigo 11.h) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no caso das entidades promotoras de empresas de inserción laboral, as certificacións previstas no parágrafo anterior poderán ser substituídas pola declaración responsable da entidade solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que como consecuencia delas se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

4. Coa presentación da solicitude de subvención a persoa ou entidade interesada autoriza expresamente a Consellería de Economía, Emprego e Industria para que, de acordo co establecido nos artigos 17.1.b) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia, publique as subvencións concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial, con expresión da convocatoria, o programa, o crédito orzamentario a que se imputan, a entidade beneficiaria, a contía concedida e a finalidade da subvención.

Artigo 18. Datos de carácter persoal

1. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídas nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal

2. A presentación da solicitude ao abeiro desta orde supón a existencia de autorización expresa das persoas traballadoras para a cesión de datos de carácter persoal á Consellería de Economía, Emprego e Industria, por parte da empresa solicitante, polo que esta é responsable de informar as persoas traballadoras sobre a existencia e finalidade da cesión así como da obtención do seu consentimento.

3. A comprobación do cumprimento dos requisitos das persoas traballadoras polas que se solicita a subvención, previstos no artigo 4.2.II desta orde, efectuarase mediante a cesión de datos realizada pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 6.2.b) da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos; nos artigos 11.2 e 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal; no artigo 10.4.c) do Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, e nos artigos 14.1.b) e 20.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Documentación

1. As solicitudes deberán presentarse no formulario normalizado que figura como anexo I desta orde e deberán ir acompañadas, do orixinal ou copia compulsada ou cotexada, da documentación común e específica que se relaciona:

A) Documentación común para todos os tipos de axuda:

a) Solicitude no modelo do anexo I desta orde, que incluirá a declaración comprensiva do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

b) DNI ou NIE da persoa representante da entidade en caso de non prestar a autorización na solicitude á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade, así como poder suficiente para actuar en nome da entidade.

c) Memoria descritiva da entidade solicitante en que se recollan as actividades de inserción realizadas durante o último ano natural e o cumprimento dos seus obxectivos económicos e de inserción. A memoria conterá a tipoloxía das accións realizadas, os recursos aplicados e as súas fontes.

B) Documentación específica para cada tipo de axuda:

a) Subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social:

– Relación nominal da totalidade das persoas traballadoras do cadro de persoal da empresa de inserción laboral, con indicación daquelas que estean en proceso de inserción e daquelas polas cales se solicita subvención, segundo o modelo do anexo II.

– Contratos de traballo e convenios de inserción das persoas traballadoras polas cales se solicita subvención.

– Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do pagamento das mensualidades xa aboadas na data da presentación da solicitude.

– Relación nominal das persoas traballadoras incluídas na cotización á Seguridade Social das mensualidades xa ingresadas na data da presentación da solicitude.

– Descrición detallada dos postos de traballo que se van cubrir e as súas características técnicas.

b) Subvención pola contratación de xerentes ou persoas técnicas:

– Relación nominal de xerentes ou persoas técnicas da empresa de inserción laboral polas cales se solicita subvención, segundo o modelo do anexo II, no cal se indicarán os custos laborais totais a cargo da empresa de inserción laboral, de xerentes ou persoas técnicas, correspondentes ao período polo que se solicita subvención.

– Memoria explicativa da necesidade da contratación de xerentes ou persoas técnicas para o desenvolvemento da actividade empresarial, na cal conste o número e os perfís profesionais e os servizos que van prestar.

– Contratos de traballo das persoas xerentes ou técnicas polas cales se solicita subvención.

– Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do pagamento das mensualidades xa aboadas na data da presentación da solicitude.

– Relación nominal das persoas traballadoras incluídas na cotización á Seguridade Social das mensualidades xa ingresadas na data da presentación da solicitude.

c) Subvención pola contratación de persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción:

– Relación nominal do persoal técnico da empresa de inserción laboral ou da entidade promotora polo cal se solicita subvención, segundo o modelo do anexo II, no cal se indicarán os custos laborais totais a cargo da empresa de inserción laboral ou da entidade promotora, do persoal técnico polo cal se solicita subvención.

– Memoria descritiva da necesidade da contratación de persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción, na cal conste o número e os perfís profesionais, as funcións que van realizar, así como o número de persoas traballadoras en proceso de inserción que van orientar e a porcentaxe da xornada de traballo que lle van dedicar.

– Contratos de traballo do persoal técnico polo cal se solicita subvención.

– Curriculum vitae do persoal técnico, xunto coa documentación que acredite a súa formación e experiencia profesional.

– Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do pagamento das mensualidades xa aboadas na data da presentación da solicitude.

– Relación nominal das persoas traballadoras incluídas na cotización á Seguridade Social das mensualidades xa ingresadas na data da presentación da solicitude.

d) Subvención pola realización de labores de mediación laboral:

– Relación nominal da totalidade das persoas traballadoras do cadro de persoal da empresa de inserción laboral, con indicación daquelas que estean en proceso de inserción e daquelas polas cales se solicita subvención, segundo o modelo do anexo II.

– Contrato de traballo formalizado entre a persoa traballadora da empresa de inserción laboral e a empresa ordinaria á cal se incorpora ou documentación acreditativa da alta da persoa traballadora en proceso de inserción en calquera réxime especial da Seguridade Social por conta propia.

– Se é o caso, declaración da empresa contratante de que a incorporación da persoa traballadora á empresa ordinaria se realizou por mediación da empresa de inserción laboral, xunto coas nóminas aboadas á persoa traballadora correspondentes aos seis primeiros meses desde o inicio da contratación.

– Se é o caso, declaración do traballador ou da traballadora autónoma de que a súa iniciativa de autoemprego realizouse mediante o asesoramento, apoio e acompañamento da empresa de inserción laboral, xunto cos xustificantes das cotizacións á Seguridade Social desde a alta no réxime especial da Seguridade Social por conta propia.

e) Subvención financeira:

– Relación nominal da totalidade das persoas traballadoras do cadro de persoal da empresa de inserción laboral, con indicación daquelas que estean en proceso de inserción e daquelas polas cales se solicita subvención, segundo o modelo do anexo II.

– Memoria económica do proxecto que inclúa o orzamento de investimentos e o plan de financiamento en relación coa finalidade ou obxecto da subvención e xustificación da súa necesidade.

– Contrato de préstamo ou, na súa falta, compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, en que figuren as características e se faga constar que a operación se acolle ao convenio subscrito para tal fin, ou que xustifique que se trata dun microcrédito.

– Plan de investimentos xunto coas facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polas persoas provedoras ou acredoras dos activos que se vaian ter en conta para acreditar o requisito do investimento en inmobilizado material ou intanxible que se vaia realizar e o destino do préstamo.

f) Subvención pola creación ou ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral:

– Relación nominal da totalidade das persoas traballadoras do cadro de persoal da empresa de inserción laboral, con indicación daquelas que estean en proceso de inserción e daquelas polas cales se solicita subvención, segundo o modelo do anexo II.

– Contratos de traballo das persoas traballadoras en proceso de inserción polas cales se solicita a subvención.

– Memoria ampliada do proxecto.

– Estudo económico-financeiro da viabilidade do proxecto.

– Detalle do plan de investimentos en inmobilizado material ou intanxible e calendario para a súa execución, xunto coas facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polas persoas provedoras ou acredoras.

g) Subvención para o inicio e posta en marcha da actividade:

– Relación nominal da totalidade das persoas traballadoras do cadro de persoal da empresa de inserción laboral, con indicación daquelas que estean en proceso de inserción e daquelas polas cales se solicita subvención, segundo o modelo do anexo II.

– Orzamento dos gastos necesarios para o inicio e posta en marcha da actividade, con indicación daqueles aos cales se vai destinar a subvención.

– Facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polas persoas provedoras ou acredoras dos gastos necesarios para o inicio e posta en marcha da actividade que se vaian ter en conta para o cálculo da contía da subvención.

h) Subvención para o fomento de procesos de creación de empresas de inserción laboral e asistencia técnica:

– Memoria da entidade ou curriculum vitae da persoa que elaborará o estudo ou o asesoramento, que deberá incluír a modalidade de axuda solicitada e xustificación da súa necesidade. No suposto da creación dunha empresa de inserción deberá incluír a actividade que vai desenvolver a empresa de inserción laboral e unha previsión económico-financeira para os dous exercicios iniciais.

– No caso das subvencións para a realización de estudos de mercado, proxecto de apertura de mercados ou de reorientación da actividade empresarial que se somete a estudo deberá presentarse un índice do seu contido.

– Orzamento detallado do estudo ou asesoramento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou información relacionados no número anterior, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia actuante; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal, baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaños máximos admitidos da documentación complementaria para cada procedemento.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código do rexistro.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das subvencións previstas nesta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e pola finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Integración Laboral da Secretaría Xeral de Emprego, que realizará as actuacións necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, o Servizo de Integración Laboral requirirá a entidade interesada, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará por desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.

Artigo 21. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola Intervención das propostas emitidas polo Servizo de Integración Laboral, as resolucións serán ditadas polo órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Consellería Economía, Emprego e Industria e deberán serlles notificadas ás entidades interesadas. As resolucións, concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Notificada a resolución polo órgano competente, as entidades propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con anterioridade á interposición do dito recurso, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na redación dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da anterior.

Artigo 22. Xustificación e pagamento

1. O pagamento das subvencións quedará condicionado á presentación, no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión da documentación, en orixinal ou copia compulsada ou cotexada, que se exixa de forma expresa nela, entre a cal deberá figurar a seguinte:

A. Documentación común para todos os tipos de axuda:

a) Documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, segundo o tipo de axuda.

b) Declaración comprensiva do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto ou actividade, ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados, ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo do anexo III.

c) Se é o caso, extracto do balance provisional contable da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados e da subvención concedida. Os documentos contables que se acheguen deben incluír as contas ou as subcontas en que se contabilizaron os gastos imputados, as datas e os números dos asentos contables e a indicación específica do seu cofinanciamento pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Estes documentos contables poden ir acompañados dunha breve explicación sobre a sistemática de contabilización dos gastos.

B. Documentación específica para cada tipo de axuda:

a) Subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social:

– Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

– Relación nominal das persoas traballadoras incluídas na cotización á Seguridade Social das mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

– Declaración do cumprimento por parte da entidade beneficiaria da obriga de informar as persoas traballadoras respecto da subvención dos seus contratos, segundo o modelo do anexo IV.

b) Subvención pola contratación de xerentes ou persoas técnicas:

– Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

– Relación nominal das persoas traballadoras incluídas na cotización á Seguridade Social das mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

– Informe da actuación desenvolvida polas persoas xerentes ou técnicas.

– Declaración do cumprimento por parte da entidade beneficiaria da obriga de informar as persoas traballadoras respecto da subvención dos seus contratos, segundo o modelo do anexo IV.

c) Subvención pola contratación de persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción:

– Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

– Relación nominal das persoas traballadoras incluídas na cotización á Seguridade Social das mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

– Informe da actuación de apoio desenvolvida polo persoal técnico, en que conste a relación de persoas traballadoras en proceso de inserción ás cales se prestaron as accións de orientación e acompañamento, e os resultados obtidos en materia de inserción, debidamente cuantificados e documentados.

– Declaración do cumprimento por parte da entidade beneficiaria da obriga de informar as persoas traballadoras acerca do financiamento da subvención dos seus contratos, segundo o modelo do anexo IV.

d) Subvención pola realización de labores de mediación laboral:

– De ser o caso, xustificantes das cotizacións á Seguridade Social desde a alta no réxime especial da Seguridade Social por conta propia, non presentados coa solicitude.

e) Subvención financeira:

– Contrato de préstamo, no caso de non se xuntar coa solicitude.

– Listaxe asinada coa relación dos investimentos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas xustificativas do gasto realizado.

– Facturas e demais documentos xustificativos da realización do investimento en inmobilizado material ou intanxible emitidas desde o 1 de outubro de 2015 ata o 30 de setembro de 2016.

– Documentos bancarios acreditativos do pagamento dos investimentos de data igual ou inferior ao 20 de decembro de 2016.

f) Subvención pola creación ou ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral:

– Certificación expedida pola persoa representante da entidade que inclúa unha relación clasificada dos investimentos realizados tidos en conta para o cálculo da contía da subvención, con identificación da persoa acredora e do documento, o importe, a data de emisión e, de ser o caso, a data de pagamento.

– Documentación xustificativa da realización dos investimentos tidos en conta para o cálculo da contía da subvención: facturas emitidas desde o 1 de outubro de 2015 ata o 30 de setembro de 2016 e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento de data igual ou inferior ao 20 de decembro de 2016.

g) Subvención para o inicio e posta en marcha da actividade:

– Certificación expedida pola persoa representante da entidade que inclúa unha relación clasificada dos gastos realizados, con identificación da persoa acredora e do documento, o importe a data de emisión, desde o 1 de outubro de 2015 ata o 30 de setembro de 2016 e, de ser o caso, a data de pagamento de data igual ou inferior ao 20 de decembro de 2016.

– Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención: facturas e documentos bancarios acreditativos do seu efectivo pagamento.

h) Subvención para o fomento de procesos de creación de empresas de inserción laboral e asistencia técnica:

– Copia do estudo ou asesoramento realizado.

– Facturas emitidas e documentos bancarios acreditativos do pagamento do estudo ou asesoramento de data igual ou inferior ao 20 de decembro de 2016.

2. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, e deberán estar emitidas no período do 1 de outubro de 2015 ao 30 de setembro de 2016.

4. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. Só se admitirá como documentación xustificativa do pagamento dos gastos a transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados a persoa receptora e a persoa emisora do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria.

5. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido na resolución de concesión e, en todo caso, ata o 20 de decembro do 2016.

6. Se da documentación presentada pola entidade beneficiaria para o pagamento quedase xustificada unha contía inferior da subvención inicialmente concedida, emitirase a correspondente resolución revogatoria.

7. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

CAPÍTULO IV

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 23. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas previstas no artigo 7 desta orde para as contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, de ser o caso, cos incentivos en forma de bonificacións ás cotizacións á Seguridade Social.

2. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, supere o custo da actividade subvencionada e o límite previsto no artigo 29 desta orde.

Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias das axudas e subvencións:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable adecuado para os gastos obxecto da subvención.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

De acordo con esta obriga, a empresa de inserción laboral deberá anunciar que está sendo subvencionada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Servizo Público de Emprego Estatal no seu domicilio social e nos seus centros de traballo. Para isto, incorporarán un rótulo visible ao público incluíndo o nome da empresa, a expresión «Empresa de inserción laboral» ou EIL, o logotipo da Xunta de Galicia. Os formatos que se deben utilizar serán proporcionados pola Secretaría Xeral de Emprego, no seguinte enlace: http://traballo.xunta.es/publicidade-de-empresas-de-insercion

Igualmente, para cumprir esta obriga, a empresa de inserción laboral beneficiaria deberá presentar, para o pagamento da subvención concedida, a xustificación do cumprimento da obriga de informar as persoas traballadoras respecto da subvención do seu contrato, no modelo anexo IV desta orde.

i) Ter levado a cabo a organización preventiva, a auditoría, se procede, e o plan de prevención, de acordo co previsto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e a normativa regulamentaria de desenvolvemento.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 26. Revogación e reintegro

1. Procederá a revogación das subvencións establecidas nesta orde, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión, de acordo co procedemento e causas establecidas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, levará aparellada a obriga de devolver as cantidades percibidas.

De conformidade co artigo 14.1 letra n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se reintegrará determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) A obtención da subvención falseando os datos, feitos ou documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impedisen: reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación previstas no artigo 24 letra c) desta orde, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, previstas no artigo 24 letras f) e g) desta orde, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados: reintegro do 100 % da subvención concedida.

d) O incumprimento da obriga en materia de publicidade do financiamento público, mediante a colocación do rótulo visible ao público, conforme o previsto no artigo 24 letra h): reintegro do 2 % da subvención concedida.

Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberá requirir a entidade beneficiaria para que incorpore o rótulo, nun prazo non superior a 15 días, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.

e) A percepción doutras subvencións públicas, concedidas como medida de fomento de emprego polas contratacións por conta allea, incompatibles coa subvención prevista no artigo 7 desta orde: reintegro do 100 % da subvención concedida.

f) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 5 % da axuda concedida.

Ademais, cando sexa a Administración da Comunidade Autónoma a que advirta un exceso de financiamento respecto do custo total da actividade subvencionada, exixirá o reintegro polo importe total do exceso, ata o límite do 100 % da subvención concedida.

2. A entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso de financiamento, público ou privado, respecto do custo total da actividade subvencionada. Cando se produza exceso das subvencións percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade, e estas sexan compatibles entre si, a entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación. O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas.

3. O procedemento de reintegro substanciarase conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As obrigas de reintegro establecidas neste artigo enténdese sen prexuízo da posible cualificación dos feitos como infracción administrativa e incoación do expediente sancionador, de acordo cos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 27. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta bancaria ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 28. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento do programa.

Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Economía, Emprego e Industria para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

2. A Secretaría Xeral de Emprego poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 29. Adecuación á normativa de axudas de estado

1. Esta orde de axudas, e as resolucións de concesión ditadas ao seu abeiro, constitúen os documentos formais de atribución polos que se determinan as compensacións ás empresas de inserción pola prestación do servizo de interese económico xeral, consistente na inserción social e laboral das persoas en situación ou risco de exclusión social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Estas axudas estatais en forma de compensación pola prestación de servizos de inserción, considerados servizos de interese económico xeral, quedarán sometidas ao Regulamento (UE) núm. 360/2012 da Comisión, do 25 de abril, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis concedidas a empresas que presten servizos de interese económico xeral (DOUE L 114, do 26 de abril).

Polo tanto, o importe total da axuda de minimis concedida a unha empresa que preste servizos de interese económico xeral non excederá os 500.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

As axudas como compensación pola prestación do servizo de interese económico xeral, concedidas ao abeiro desta orde, poderanse acumular coas concedidas ao abeiro do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), ata o límite máximo de 500.000 euros durante os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual.

3. Nas resolucións de concesión das axudas informarase a entidade beneficiaria do servizo de interese económico xeral para o que se concede e do seu carácter de minimis, facendo referencia expresa ao Regulamento (UE) núm. 360/2012 da Comisión, do 25 de abril, citando o seu título e a referencia da súa publicación no Diario Oficial de la Unión Europea.

Coa solicitude e coa documentación xustificativa para realizar o pagamento da subvención concedida a empresa de inserción deberá presentar unha declaración, referente a calquera outra axuda de minimis recibida en virtude do Regulamento (UE) núm. 360/2012 da Comisión, do 25 de abril, ou de conformidade con outros Regulamentos de minimis durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

4. Por tratarse de axudas concedidas a empresas que prestan servizos de interese económico xeral, conforme o previsto no artigo 1 do Regulamento (UE) núm. 360/2012, da Comisión, do 25 de abril, non se lles poderán conceder ás seguintes empresas:

a) As que operen no sector da pesca e acuicultura, segundo se recolle no Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro (DOUE L354, do 28 de decembro).

b) As dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) As que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

i) cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

ii) cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade desta se repercuta aos produtores primarios.

d) As dedicadas ás actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) Empresas nas cales as axudas estean condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

f) Empresas activas no sector do carbón.

g) Empresas en crise.

Na solicitude de axudas a empresa solicitante declarará non estar incursa nalgunha destas excepcións.

Disposición adicional primeira. Acreditación do cumprimento das condicións exixidas

A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para os diferentes tipos de axudas previstas nesta orde.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da Consellería.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral ou, na súa falta, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, de acordo co disposto na disposición adicional primeira do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposición adicional terceira. Publicación da convocatoria na Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file