Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Xoves, 28 de xullo de 2016 Páx. 33174

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Resolución do 14 de xullo de 2016, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 312948

De conformidade co previsto no artigo 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres as asociacións de mulleres e as federacións constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, que teñan domicilio social en Galicia e estean inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), sempre que cumpran os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas a través das seguintes liñas:

a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar gastos correntes que orixinen o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.

b) Liña 2: promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, relativas á sensibilización e concienciación social, información ou formación en materia de igualdade e de prevención da violencia de xénero, ou dirixidas a potenciar e facilitar a mellora da calidade de vida e a participación das mulleres en todos os ámbitos.

Son subvencionables os gastos e as actuacións realizadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2016.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 14 de xullo de 2016, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

Cuarto. Importe

A contía máxima da axuda é de 3.000 €.

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de cento oitenta e oito mil euros (188.000 €) con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma e de acordo coa seguinte distribución: a) liña 1, consolidación do movemento asociativo: ata 94.000 euros; b) liña 2, promoción de accións singularizadas en materia de igualdade: ata 94.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2016

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade