Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Mércores, 27 de xullo de 2016 Páx. 32927

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 30 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa Aprol-economía social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa operativo do Fondo Social Europeo e ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se convocan para o ano 2016. Programa VI-Intercooperación e integración empresarial.

BDNS (Identif.): 312735.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As cooperativas ou sociedades laborais que participen en proxectos de integración ou colaboración empresarial e que se agrupen para realizar conxuntamente a súa solicitude de axuda.

No caso de proxectos de integración empresarial, requirirase un mínimo de dúas entidades participantes. No caso doutros proxectos de colaboración, requírese un mínimo de tres entidades das cales, como mínimo, dúas deben ser cooperativas ou sociedades laborais; unicamente estas terán acceso á subvención.

Igualmente, poderán ser beneficiarias deste programa as cooperativas de segundo grao e as entidades que resulten dun proceso de fusión realizado no período de execución desta orde.

Segundo. Obxecto e finalidade

Por medio deste programa impúlsanse os procesos de integración empresarial de entidades de economía social, así como o lanzamento de proxectos de colaboración empresarial relacionados coa investigación, desenvolvemento e innovación, coa loxística, comercialización e internacionalización.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 30 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa Aprol-economía social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa operativo do Fondo Social Europeo e ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se convocan para o ano 2016 (http://www.emprego.ceei.xunta.gal).

Cuarto. Contía

A contía da axuda poderá ascender ao 75 % de certos gastos, co límite máximo de 5.000 € por cada cooperativa ou sociedade laboral participante (10.000 € no caso de integración empresarial) e cun límite máximo global de 30.000 € por solicitude.

O orzamento do programa é de cento sesenta e tres mil euros (163.000 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

Os incentivos a que se refire esta convocatoria están sometidos ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos nos regulamentos da Comisión (UE) 1407/2013, 1408/2013 ou 717/2014, segundo proceda.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria