Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Martes, 26 de xullo de 2016 Páx. 32577

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 13 de xullo de 2016 pola que se modifican os módulos económicos para a renovación anual do financiamento dos gastos de persoal dos servizos sociais comunitarios establecidos no Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.

No exercicio da competencia exclusiva que o artigo 27.23 do Estatuto de autonomía lle recoñece á Comunidade Autónoma galega, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que define e regula o sistema galego de servizos sociais como servizo público destinado a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación, mediante intervencións que permitan o logro dos obxectivos estratéxicos do dito sistema.

O Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, veu desenvolver a lei antedita, regulando, entre outros aspectos, un novo marco para o financiamento dos servizos sociais comunitarios de titularidade municipal, co obxectivo de mellorar aspectos clave para as facendas locais, como son a continuidade e estabilidade, así como a economía procesual e a axilidade na xestión dos pagamentos. Con este decreto produciuse un cambio desde un procedemento baseado na convocatoria anual de subvencións a outro de transferencias finalistas de ciclo anual, procurando avanzar na garantía da calidade e da continuidade duns servizos fundamentais prestados á cidadanía polas corporacións locais.

A regulación destas transferencias finalistas para o cofinanciamento dos gastos derivados do normal funcionamento e desenvolvemento dos servizos sociais comunitarios municipais, recollida no capítulo VIII do dito Decreto 99/2012, do 16 de marzo (artigos 40 e seguintes), prevé, como un dos principais gastos a financiar, os «gastos derivados da retribución do persoal adscrito aos ditos servizos».

De feito, o artigo 47 do propio Decreto 99/2012, do 16 de marzo, garante a renovación anual do que denomina «financiamento básico para o funcionamento dos servizos sociais comunitarios», e inclúe, no dito financiamento garantido, os gastos de persoal dos servizos sociais comunitarios municipais consonte os módulos económicos por categorías definidos no número 3 do propio artigo 47.

Logo de transcorrer catro anos desde o establecemento destes módulos de financiamento e, de acordo co resultado da experiencia adquirida ao aplicalos na práctica, considérase necesario acometer unha modificación da súa estrutura e mais unha actualización á alza das súas contías. Esta medida vén materializar o mandato do artigo 25.1 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que establece que «as administracións públicas promoverán a calidade no emprego e a estabilidade laboral das persoas profesionais de servizos sociais, evitando situacións de precariedade, como medio de lograr a calidade e permanencia da oferta pública de servizos sociais».

A disposición adicional primeira do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, no seu punto primeiro, autoriza a «persoa titular da consellería competente no sistema galego de servizos sociais para modificar, mediante orde, a estrutura e contías dos módulos de financiamento recollidos ... no artigo 47 deste decreto, coa finalidade de adaptalos ... ás variacións do IPC galego».

En virtude do exposto e, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, polo Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, e polo Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación dos módulos económicos para a renovación anual do financiamento dos gastos de persoal dos servizos sociais comunitarios establecidos no Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento

O número 3 do artigo 47 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, que queda da seguinte maneira:

«3. Para a renovación anual do financiamento dos gastos de persoal dos servizos sociais comunitarios, e tomando como referencia o persoal financiado e correctamente xustificado no exercicio inmediatamente anterior, aplicaranse os seguintes módulos económicos:

Categoría profesional

Módulo

A 1/Grupo I

20.229,00 €

A 2/Grupo II

16.815,00 €

C 1/Grupo III

15.144,00 €

C 2/Grupo IV

13.472,00 €

Agrupacións profesionais/Grupo V

9.426,00 €

».

Disposición transitoria única. Posibilidade de revisar a solicitude de financiamento para o 2016

A aquelas corporacións locais que xa tivesen completado a presentación do seu proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais na aplicación informática https://planconcertado.xunta.es/, consonte o previsto no artigo 43 e seguintes do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, reabriráselles a posibilidade de revisar e reformular a súa solicitude de financiamento dos gastos de persoal para o 2016, durante o prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, coa finalidade de que poidan adaptala aos novos módulos económicos para o financiamento dos gastos de persoal dos servizos sociais comunitarios aprobados pola da presente orde.

Disposición derradeira primeira. Habilitación competencial

Autorízase a persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de servizos sociais comunitarios da Consellería de Política Social para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social