Expediente: IN407A 2015/629-1.
Promotora: Unión Fenosa Distribución, S.A.
Denominación da instalación: LMTS e CT na rúa Ánxeles, 32 e anexo 1.
Concello: Ares.
Feitos.
1. O 18 de decembro de 2015 o promotor solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica indicada.
2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a súa inserción no DOG do 16 de marzo de 2016 e no BOP do 3 de marzo.
3. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, se é o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados. O promotor manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.
4. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron un informe favorable sobre a dita solicitude.
Consideracións legais e técnicas.
1. A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
2. O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
3. O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
4. O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
5. O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
6. As características técnicas da instalación son as seguintes:
Liña de media tensión subterránea, a 15 kV, cunha lonxitude de 0,216 km, coa orixe en empalme proxectado na LMTS VDC711, entre o CT Papela (15SVF3) e o CT avenida de Mugardos (15CJ12), condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 Al, e final na mesma liña unha vez realice entrada e saída no centro de transformación proxectado.
Centro de transformación non prefabricado, cunha potencia de 400 kVA, e unha relación de transformación de 15000/400-230 V.
O orzamento da instalación segundo proxecto é de 32.042,69 €.
7. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.
De acordo con todo o indicado,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á instalación de distribución eléctrica indicada.
2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá presentar perante esta xefatura territorial unha solicitude que se acompañará da seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do director da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así coma das regulamentacións e normas oportunas, na montaxe da instalación e posta a punto.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial a relativa á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación nos termos establecidos nos artigos 107, 100, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.
A Coruña, 23 de xuño de 2016
Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña