Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Martes, 26 de xullo de 2016 Páx. 32510

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 88/2016, do 7 de xullo, polo que se aproba a actualización e revisión do Plan de emerxencia exterior do polígono da Grela-Bens.

O Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban as medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas, establece no seu artigo 6 que as comunidades autónomas elaborarán os plans de emerxencia exterior dos establecementos de nivel superior.

O Decreto 277/2000, do 9 de novembro, polo que se designan os órganos autonómicos competentes en materia de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas, establece que é a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local (na actualidade, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza), a través da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil (actualmente Dirección Xeral de Emerxencias e Interior), o órgano responsable da elaboración do plan de emerxencia exterior.

O Real decreto 407/1992, do 24 de abril, polo que se aproba a norma básica de protección civil, indica que os plans que teñan como obxecto os riscos químicos terán a consideración de plans especiais.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, no artigo 33, relativo ao procedemento de aprobación e publicación, indica que lle corresponde ao Consello da Xunta, co informe previo da Comisión Galega de Protección Civil, a aprobación dos plans especiais. Todos os plans de emerxencias deben ser obxecto de publicación nos diarios oficiais pertinentes.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de Protección Civil de Galicia, modificado por Decreto 109/2004, do 27 de maio, establece, no seu artigo 76, que os plans especiais que teñan un ámbito territorial de aplicación que non exceda a Comunidade Autónoma de Galicia serán aprobados polo Consello da Xunta de Galicia por proposta do conselleiro competente en materia de protección civil, logo do informe da Comisión Galega de Protección Civil, e serán homologados pola Comisión Nacional de Protección Civil. Segundo o artigo 77 do dito decreto, a aprobación dos plans polo Consello da Xunta de Galicia será publicada no Diario Oficial de Galicia.

A segunda revisión do Plan de emerxencia exterior do polígono da Grela-Bens foi aprobada polo Decreto 49/2011, do 17 de marzo (DOG núm. 63, do 30 de marzo) e homologado no Pleno da Comisión Nacional de Protección Civil do 1 de marzo de 2011.

A actualización e revisión deste plan foi sometida a un período de información pública de vinte (20) días hábiles, mediante Resolución do 5 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, en aplicación do disposto no punto 2 do artigo 13 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro. Tamén foi remitida aos concellos da Coruña e Arteixo con data do 15 de xaneiro de 2016, en cumprimento do artigo 33 da Lei 5/2007, de emerxencias de Galicia, que indica no punto 2 que lle corresponde ao Consello da Xunta, logo de informe da Comisión Galega de Protección Civil, a aprobación dos plans especiais, logo de consulta ás entidades locais e entidades que regulamentariamente se establezan.

Con data do 24 de maio de 2016, o grupo de traballo da Comisión Permanente da Comisión Galega de Protección Civil acordou por unanimidade a presentación da actualización e revisión do plan de emerxencia exterior do polígono da Grela Bens, á Comisión Galega de Protección Civil.

A Comisión Galega de Protección Civil, na súa reunión do 6 de xuño de 2016, informou favorablemente a actualización e revisión deste plan.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do sete de xullo de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único

Un. Apróbase a actualización e revisión dos plan de emerxencia exterior do polígono da Grela-Bens.

Dous. Este plan de emerxencia exterior atoparanse á disposición do público na sede da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (rúa Roma, 25-27, Santiago de Compostela), na súa páxina web, así como nos correspondentes servizos provinciais de Emerxencias.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución

Autorízase o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para realizar as modificacións de carácter técnico que procedan no Plan como resultado do avance científico-técnico e da evolución do desenvolvemento industrial que a criterio da Comisión Galega de Protección Civil non supoñan a necesidade dunha nova tramitación do Plan.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xullo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza