Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 21 de xullo de 2016 Páx. 31701

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 4 de xullo de 2016 pola que se adapta o modelo de solicitude do Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción da Comunidade Autónoma de Galicia e se incorpora á sede electrónica da Xunta de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 29.1 atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, a competencia de execución da lexislación do Estado en materia laboral e asume as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

O Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, atribúelle á Secretaría Xeral de Emprego as competencias e funcións, entre outras materias, relativas ás relacións laborais e a seguridade e saúde laboral.

Por Decreto 153/2008, do 24 de abril (DOG núm. 145, do 29 de xullo) creouse o Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta norma sinala que este rexistro ten un carácter administrativo e voluntario, co obxecto de xerar unha canle informativa e de garantía profesional e para incentivar a cualificación das persoas profesionais que actúen como coordinadores e coordinadoras de seguridade e saúde nas obras de construción, así como para promocionar a súa formación na materia.

Por outra banda, mediante Orde do 12 de marzo de 2009, regulábase, por primeira vez, o procedemento para a acreditación das entidades formativas da Comunidade Autónoma de Galicia para a impartición do curso de coordinador ou coordinadora en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, que establecía a obrigatoriedade da acreditación das ditas entidades para os efectos da validez da formación impartida. A dita orde foi derrogada pola Orde do 25 de marzo de 2013.

Este rexistro non está incorporado á sede electrónica da Xunta de Galicia, polo que, á vista do establecido na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, así como na Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, resulta imprescindible adaptar o modelo do actual rexistro para establecer a súa presentación a través de modelos telemáticos. Así mesmo, as solicitudes de rexistro tamén se poderán presentar en soporte papel utilizando o formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Xunta de Galicia.

De conformidade co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o proxecto foi informado polos órganos competentes en materia de impacto de xénero, tecnolóxico e funcional, previamente consultados o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Consello Galego de Relacións Laborais e publicado na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

En consecuencia, no exercicio das atribucións conferidas de conformidade co disposto no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Adaptar o modelo de solicitude e habilitar a presentación electrónica do procedemento de prazo aberto TR 853A Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido no Decreto 153/2008, do 24 de abril, polo que se crea o Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción.

Así mesmo, para o devandito procedemento suprímese a exixencia da documentación que, de acordo coa lexislación vixente, non se pode solicitar para a súa tramitación ou á cal a Administración galega pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.

Artigo 2. Presentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https.//sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de persoa usuaria e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992 , do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia ca os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da comunicación, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

5. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se a persoa solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3. Documentación

1. As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo I a esta orde, xunto coa seguinte documentación, orixinal ou copia compulsada ou cotexada:

– No caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

– Documentación acreditativa da representación legal suficiente para actuar en nome da persoa solicitante.

– Certificación acreditativa da colexiación profesional.

– Documentación acreditativa da experiencia como coordinador ou coordinadora en seguridade e saúde na elaboración de proxectos de obras.

– Documentación acreditativa da experiencia como coordinador ou coordinadora en seguridade e saúde na execución de obra. Unicamente será válida a designación, por parte do promotor, segundo o establecido no artigo 3.1 do Real decreto 1627/1997, do 24 de outubro, polo que se establecen disposicións mínimas de seguridade e saúde nas obras de construción.

– Documentación acreditativa da experiencia na redacción de estudos de seguridade e saúde. Deberán presentar as certificacións do seu visado polo colexio profesional correspondente.

– Documentación acreditativa da experiencia na redacción de estudos básicos de seguridade e saúde. Deberán presentar as certificacións do seu visado polo colexio profesional correspondente.

– No caso de estar inscritos ou inscritas nos rexistros doutras comunidades autónomas, certificacións das ditas inscricións.

– Experiencia como coordinador ou coordinadora en seguridade e saúde en obras de construción no ámbito do Real decreto 1627/1997, do 24 de outubro, na elaboración do proxecto de obra (segundo modelo anexo II). Só se terá en conta a experiencia relacionada neste anexo.

– Experiencia como coordinador ou coordinadora en seguridade e saúde en obras de construción no ámbito do Real decreto 1627/1997, do 24 de outubro, na execución da obra (segundo modelo anexo III). Só se terá en conta a experiencia relacionada neste anexo.

– Titulación académica. Serán válidas as titulacións de arquitectura, arquitectura técnica, enxeñería ou enxeñería técnica.

– Certificación acreditativa da formación preventiva especializada como coordinador ou coordinadora.

– Certificación acreditativa da formación superior ou intermedia en prevención de riscos laborais.

– Certificacións acreditativas doutras formacións en prevención de riscos laborais.

2. Serán obxecto de publicación no Rexistro de coordinadores e coordinadoras de seguridade e saúde nas obras de construción, entre outros, os datos profesionais das ditas persoas e, en relación á experiencia profesional, a específica que establece o artigo 5.1.h) do Decreto 153/2008, do 24 de abril:

a) Obra pública: os datos que figuran no anexo do referido decreto, isto é: tipo de obra, promotor, orzamento e datas do período de coordinación.

b) Obra de promoción privada: número de obras agrupadas de acordo coa clasificación establecida polo artigo 2.1 da Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación.

Artigo 4. Acreditación do contido formativo especializado como coordinador ou coordinadora

1. En relación cos cursos de coordinador e coordinadora, que deberán ser presenciais a partir da entrada en vigor do Decreto 153/2008, do 24 de abril, polo que se crea o rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, consideraranse válidos os seguintes:

a) Os impartidos polas entidades formativas acreditadas na Comunidade Autónoma de Galicia a partir da entrada en vigor da Orde do 12 de marzo de 2009, pola que se regulaba o procedemento para a creditación das ditas entidades.

b) Os impartidos na Comunidade Autónoma de Galicia por entidades formativas con anterioridade á entrada en vigor da referida Orde do 12 de marzo de 2009, sempre que a dita entidade formativa solicitase a validación do curso concreto que se impartiu.

c) Os impartidos polas entidades formativas de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia unicamente serán válidos os realizados con anterioridade á entrada en vigor da antedita Orde do 12 de marzo de 2009, sempre e cando o programa do dito curso se axuste ao contido mínimo establecido no anexo I do referido Decreto 153/2008, do 24 de abril.

2. Aquelas persoas que realizasen a proba específica establecida no artigo 12.2 do Decreto 153/2008, do 24 de abril, a acreditación de ter superada esta proba.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, a solicitude no rexistro de coordinadores e coordinadoras inclúe autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As comunicacións das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 6. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das comunicacións, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a referida secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.es

Disposición adicional única. Modificación dos formularios

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das comunicacións será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file