BDNS (Identif.): 312383
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Beneficiarios
Agrupacións entre un organismo de investigación de Galicia e unha empresa (excepcionalmente dúas), nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que teñan constituída unha unidade mixta de investigación para o desenvolvemento de forma conxunta e coordinada de actividades de I+D+i. Estas unidades mixtas deberán ter un orzamento mínimo elixible de 2 millóns de euros para o período 2016-2019.
No marco desta resolución consideraranse organismos de investigación:
– Os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia.
– As universidades do Sistema universitario galego.
– Os centros en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas.
– Os centros en Galicia do Instituto Español de Oceanografía.
– As fundacións de investigación sanitaria de Galicia.
– Outros organismos de investigación de Galicia que teñan definida nos seus estatutos a I+D como actividade principal.
As empresas integrantes das unidades mixtas de investigación poderán ser pequenas, medianas e grandes, segundo as definicións do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE núm. 187, do 26 de xuño).
Segundo. Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación para:
– A creación e posta en marcha de unidades mixtas de investigación
– A consolidación das unidades mixtas de investigación xa existentes.
Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse estas axudas para o ano 2016 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código de procedemento IN853A), axustándose as axudas concedidas no marco da presente resolución ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014.
Terceiro. Bases reguladoras
Publícanse conxuntamente coa convocatoria.
Cuarto. Contía
O importe total da convocatoria é 5.000.000,00 euro coa seguinte distribución por anos:
Ano 2016 (€) |
Ano 2017 (€) |
Ano 2018 (€) |
Ano 2019 (€) |
Total (€) |
450.000 |
2.225.000 |
1.200.000 |
1.125.000 |
5.000.000 |
As axudas reguladas nesta resolución estarán cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Intensidade das axudas: 30 % do orzamento da unidade mixta considerable subvencionable, cun máximo de 1.500.000 euros.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
Un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación no DOG e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.
Outros datos.
Poderase anticipar ata o 50 % do importe da subvención concedida para cada anualidade.
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2016
Manuel Antonio Varela Rey.
Director da Axencia Galega de Innovación