Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 14 de xullo de 2016 Páx. 30460

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2016, pola que se convoca un curso sobre ferramenta unificada Lider-Calener (HULC) para arquitectos, arquitectos técnicos, enxeñeiros e enxeñeiros técnicos da Administración autonómica que realicen funcións no Instituto Galego da Vivenda e Solo.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito con data do 23 de febreiro de 2016, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso de ferramenta unificada Lider-Calener (HULC) (CV16025).

RESOLVO:

Publicar a convocatoria dun curso de ferramenta unificada Lider-Calener (HULC) que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO

Primeira. Obxectivos

Este curso pretende capacitar os alumnos para o cumprimento e xustificación do HE0 e HE1 do CTE, e da certificación enerxética tanto dos edificios novos como os existentes.

Así mesmo, con este curso preténdese profundar no concepto de edificio de consumo case nulo e comprobar as estratexias de eficiencia enerxética implementadas no proxecto.

Segunda. Contido

Tema 1. Marco lexislativo.

Tema 2. Conceptos de termodinámica edificatoria.

Tema 3. A ferramenta unificada Lider-Calener.

Tema 4. Resultados e análise.

Tema 5. Estratexias de mellora da eficiencia enerxética.

Tema 6. Capacidades adicionais e solucións singulares.

Terceira. Destinatarios

Arquitectos, arquitectos técnicos, enxeñeiros e enxeñeiros técnicos da Administración autonómica que realicen funcións no IGVS.

Cuarta. Desenvolvemento

Nº de edicións: unha.

Duración: 90 horas.

Prazas: 25.

Modalidade: teleformación.

Datas: do 5 de setembro ao 5 de decembro de 2016.

Realizarase una proba final presencial de avaliación do aproveitamento do curso no mes de decembro.

Quinta. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo
http://egap.xunta.es/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54, 987 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es

Sexta. Criterios de selección

Funcionarios da Administración autonómica dos corpos especiais (arquitectos, arquitectos técnicos, enxeñeiros e enxeñeiros técnicos) que desenvolvan as súas funcións no IGVS.

Sétima. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo http://egap.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar no curso, así como un número adecuado de reservas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Oitava. Facultades da EGAP

1. A EGAP e o IGVS poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o IGVS reservan para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o IGVS garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.