Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Mércores, 13 de xullo de 2016 Páx. 30079

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 29 de xuño de 2016 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, a particulares para a adquisición de materiais e pezas de mobiliario de cociña e baño (Reforma16), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria.

BDNS (Identif.): 311522

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas, maiores de idade, consumidoras individuais, propietarias ou titulares de calquera dereito sobre inmobles do sector residencial situados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que os bens subvencionables descritos no artigo 3 das bases reguladoras se adquiran nunha entidade colaboradora adherida ao Programa Reforma16 e se destinen ao dito inmoble.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto incrementar e incentivar a demanda interna de materiais de rehabilitación e pezas de mobiliario para cociña e baño en Galicia, e tratar de repercutir con ela nos sectores industriais e comerciais galegos.

O Igape publicará na súa páxina web www.igape.es/reforma16 a relación actualizada en todo momento dos establecementos de venda adheridos ao programa.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 29 de xuño de 2016 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, a particulares para a adquisición de materiais e pezas de mobiliario de cociña e baño (Reforma16), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria.

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1-741A-7802 e por un importe de 2.800.000 € con cargo ao exercicio 2016.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes de axuda comezará aos 12 días hábiles despois da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 15 de outubro de 2016, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2016

Pablo Casal Espido
Secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica