Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 6 de xullo de 2016 Páx. 28729

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2016 (código de procedemento TR301V).

BDNS (Identif.): 311091.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións en concepto de bolsas e axudas obxecto da presente convocatoria as persoas traballadoras desempregadas que, ademais de reunir os correspondentes requisitos, participen nas accións formativas recollidas no marco da formación de oferta da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, dirixidas prioritariamente tanto a persoas traballadoras desempregadas como a persoas traballadoras ocupadas.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular o réxime da concesión directa de subvencións por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas, así como nas accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras ocupadas, no marco da formación de oferta da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral. Tamén se inclúen as subvencións en concepto de bolsas e axudas derivadas da oferta formativa executada nos centros da Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como nos centros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, respecto das accións formativas incluídas nos acordos de colaboración para a impartición de formación profesional para o emprego nos centros educativos. Ademais, por medio desta orde tamén se convocan, para a anualidade 2016, as subvencións a que se refire o punto anterior.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras establécense nesta orde.

Cuarto. Importe

Importe total da convocatoria: 4.000.000 de euros.

O importe correspondente a cada persoa beneficiaria determínase no articulado da orde, en función do cumprimento dunha serie de requisitos e do tipo de bolsa ou axuda: bolsa de asistencia, axudas de transporte, manutención e aloxamento, axudas á conciliación e axudas para mulleres vítimas de violencia de xénero.

Quinto. Prazo de presentación das solicitudes

A persoa traballadora desempregada deberá presentar a súa solicitude no prazo dun mes desde a súa incorporación á acción formativa ou desde que teña lugar o feito causante que determina o dereito e, en calquera caso, antes do 15 de decembro de 2016.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria