Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 6 de xullo de 2016 Páx. 28733

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2016, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se ordena o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo de prórroga da ultraactividade do III Convenio colectivo do persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo.

Visto o acordo subscrito pola comisión negociadora do III Convenio colectivo do persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo, do 18 de decembro de 2015, e de conformidade co disposto no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

A Secretaría Xeral de Emprego

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2016

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

Acta reunión nº 28 comisión negociadora do III Convenio colectivo
do PAS laboral da Universidade de Vigo

Asistentes:

– Universidade de Vigo:

Xerente: Manuel Fernández Jáuregui.

Vicexerente de Recursos Humanos: Emilio M. Martínez Rivas.

Xefe Servizo PAS: José M. Fernández Viña.

Redacción da acta: Rafael Ameneiro Bravo.

– Representantes sindicais:

Federico Fernández Fernández (CIG).

Luis Pérez Gómez (CIG).

Carlos Mollinedo Lois (CIG).

Marisa Magaz Ledo (CC.OO.).

Alfonso Bascoy Fernández (CC.OO.).

Ángel Torreiro Varela (UGT).

Acta da reunión nº 28 da comisión negociadora do III Convenio colectivo do PAS laboral da Universidade de Vigo que tivo lugar ás 10.30 horas do día 18 de decembro de 2015 na sala de xuntas nº 12 do Edificio Xerencia/Servizos Centrais, coa asistencia das persoas que se citan na marxe e coa seguinte

Orde do día:

1. Acordo de prórroga da ultraactividade do III Convenio colectivo do persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo.

1. Acordo de prórroga temporal do III Convenio colectivo do persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo.

O xerente manifesta que non é vontade da Xerencia nin do equipo de goberno deixar o persoal sen convenio colectivo, polo que é o momento de acordar, se procede, a prórroga do III Convenio colectivo e a súa duración, propoñendo que sexa polo prazo dun ano.

Federico Fernández propón que a prórroga sexa por un prazo maior a un ano.

Emilio Martínez indica que a prórroga se pode facer nun prazo dun ano, estando previsto concluír a negociación de funcionarización.

Acórdase a prórroga da ultraactividade do vixente convenio ata o 31 de decembro de 2016 e asínase o acordo que se xunta como anexo a esta acta. Sen máis asuntos que tratar, levántase a sesión ás 10.50 horas.