Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 6 de xullo de 2016 Páx. 28812

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 4 de xuño de 2015, polo que se aproba definitivamente o proxecto do Parque Eólico Cernego como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e os proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta Dirección Xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 4 de xuño de 2015, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Parque Eólico Cernego, promovido por AV Cernego, S.L.U.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento no concello de Vilamartín de Valdeorras queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, modificado pola disposición adicional segunda da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado Parque Eólico Cernego.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO
Nova clasificación proposta

Á vista da clasificación de solo existente, obsérvase necesario adecuar a correspondente aos terreos onde se sitúan os elementos do aproveitamento eólico.

Tendo en conta que:

• Os terreos ocupados encóntranse recollidos como unha área de desenvolvemento eólico considerado no Plan sectorial eólico de Galicia, prevalecendo este sobre as ordenacións municipais.

De acordo co disposto no artigo 8 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, ao regular a eficacia dos plans e proxectos sectoriais, as súas determinacións prevalecerán sobre as dos instrumentos de planeamento urbanístico. En consecuencia, e de conformidade co devandito precepto, as súas determinacións virán caracterizadas polas seguintes notas:

– Terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares.

– Prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente.

– Os municipios nos que se asenten as infraestruturas, dotacións ou instalacións obxecto do plan sectorial, deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido do citado plan, no prazo que determine este último e, en todo caso, na primeira modificación ou revisión do planeamento urbanístico.

• A execución das infraestruturas, dotacións ou instalacións obxecto do Plan sectorial eólico requirirá a previa aprobación dun ou varios proxectos sectoriais eólicos (artigo 8.3 do Decreto 80/2000).

Esa mesma posición de prevalencia recoñécese tamén polo Decreto 80/2000, respecto dos proxectos sectoriais; dispón o seu artigo 11 que,

«1. As determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente.

2. Os municipios nos que se asenten as infraestruturas, dotacións ou instalacións obxecto dun proxecto sectorial deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido do proxecto sectorial, no que se establecerán as determinacións do devandito planeamento local que deberán ser modificadas como consecuencia da aprobación do proxecto sectorial e no prazo que determine este último e, en todo caso, na primeira modificación ou revisión do plan urbanístico».

É importante engadir que non estarán suxeitas nin precisarán da autorización urbanística autonómica prevista na Lei do solo de Galicia (LSG), as construcións e instalacións de marcado carácter territorial que nun proxecto sectorial eólico se prevexan de modo concreto e detallado (artigo 11.4 do Decreto 80/2000).

• Os plans municipais deben adaptarse á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (disposición transitoria segunda).

• A clasificación e cualificación do solo consideradas na Lei 9/2002, e o tipo de infraestrutura que se pretende levar a cabo, ao abeiro do Plan sectorial eólico.

Débese clasificar o solo onde se sitúan as infraestruturas do parque eólico como solo rústico de protección especial de infraestruturas, sendo uso permitido a xeración de enerxía eléctrica.

Este solo defínese no artigo 32 punto 2.c) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia:

«c. Solo rústico de protección de infraestruturas, constituído polos terreos rústicos destinados á localización de infraestruturas e as súas zonas de afección non susceptibles de transformación, como son as de comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme as previsións dos instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio».

A adecuación da clasificación dos terreos afectos á actividade eólica non implicará a transformación urbanística destes, que manteñen a súa clasificación como solo rústico. Así mesmo, a nova clasificación proposta de solo rústico de protección especial de infraestruturas superpoñerase, sen desprazala, á de solo rústico de protección especial de espazos naturais, solo rústico de protección das augas e solo rústico de protección de infraestruturas (uso vinculado á estrada OU-0807) naqueles terreos que a desempeñen, prevalecendo a que outorgue maior protección de acordo co establecido no artigo 32.3 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Regulación detallada do uso pormenorizado.

As obras contidas no presente proxecto desenvolvéronse ao abeiro do Plan sectorial eólico, e aproveitan unha área de desenvolvemento eólico de especial valor enerxético. De acordo con iso faise necesaria a articulación dunha nova categoría de ordenamento de solo dentro da normativa urbanística do concello onde se desenvolve a infraestrutura.

Así, e atendendo ao que estipula a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, no artigo 32. Categorías, sección 4, capítulo III, a nova clasificación proposta do solo afecto á instalación é:

Solo rústico de protección de infraestruturas (solo rústico especialmente protexido), sendo o uso permitido o de parque eólico, e as infraestruturas asociadas a este.

Esta clasificación superpoñerase, sen desprazala, á de solo rústico de protección especial de espazos naturais e de protección das augas naqueles terreos que a desempeñen.

Ámbito de aplicación.

É o ocupado materialmente por aeroxeradores, edificio de control, subestación, centro de distribución, redes de conducións, novos accesos viarios exteriores e/ou de servizos, resto de infraestruturas do parque, máis as servidumes necesarias que serán delimitadas en función das distintas instalacións, tal e como se definen a continuación:

Aeroxeradores

200 m, distancia a partir da cal o ruído producido por un aeroxerador se confunde co vento

Liñas eléctricas

Os resultantes da aplicación da fórmula A=1,5 + V(kV)/100, cun mínimo de 2 m

Edificio de control e subestación

10 m

Edificacións secundarias

5 m

Redes de condución

3 m a cada lado do eixe da rede, podendo eliminarse nas marxes que discorren paralelas a camiños de servizo.

Táboa. Ámbito de aplicación

Nos planos de proxecto defínese a superficie afectada por esta categoría de solo.

Condicións de uso e licenzas.

As condicións de uso para o solo afectado pola nova clasificación e cualificación serán compatibles coas recollidas na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O uso citado destinado á instalación de infraestruturas enerxéticas para poder implantarse nesta categoría de solo, deberán contar coa correspondente declaración de impacto ambiental, de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.

Nos terreos cualificados como solo rústico de protección especial de infraestruturas, permitirase o resto de usos permitidos en solo rústico de acordo coa Lei 9/2002, sempre que non exista afección ou desviación do funcionamento das infraestruturas enerxéticas.

En todo caso, consideraranse as seguintes condicións:

• Non se permitirá a existencia de plantacións a menos de 56 m de calquera aeroxerador.

• Non se poderá realizar ningunha edificación nun raio de 200 m de calquera aeroxerador agás o edificio de control necesario para o funcionamento do parque eólico.

Eficacia.

A aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta, seguindo o procedemento establecido no artigo 25 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, terá os seguintes efectos (artigo 11 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal):

i. As determinacións contidas no presente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente.

ii. El(os) municipio(s) en que se asenten as infraestruturas, dotacións ou instalacións obxecto do proxecto sectorial deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido do proxecto sectorial. Esta adaptación realizarase en:

• A primeira revisión de carácter puntual que por calquera causa acorde o concello, que obviamente pode ser expresamente para a adaptación que aquí se formula.

• A revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

• A redacción ou adaptación do planeamento urbanístico municipal vixente á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.w