Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 4 de xullo de 2016 Páx. 28289

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2016 pola que se regula o procedemento para a concesión de axudas para a distribución de froitas frescas ao alumnado de centros escolares e se convocan para o curso escolar 2016/17.

A Consellería do Medio Rural, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Consellería de Sanidade, ten entre as súas prioridades estratéxicas a contribución á mellora dos hábitos alimenticios e a unha nutrición saudable do alumnado dos centros escolares de Galicia, a través do Programa «Aliméntate ben». No marco do dito programa intégranse as accións da consellería que teñen como obxecto a incidencia nos hábitos alimenticios do alumnado dos centros escolares de Galicia.

Desde o ano 2009 a Unión Europea, no marco da política agrícola común, conta co plan de consumo de froita nas escolas destinado á distribución de froita e hortalizas nestas. O dito plan ten por obxectivo, a curto prazo, potenciar o consumo destes produtos por parte da mocidade en virtude do seu aprovisionamento aos centros escolares e, a longo prazo, trata de desempeñar un papel pedagóxico nos hábitos alimentarios e constitúe unha auténtica acción educativa destinada a manter ou a fomentar nas escolas o bo hábito de consumo de froita.

O Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, crea unha organización común de mercados dos produtos agrarios. No seu artigo 23 prevé unha axuda comunitaria para a distribución de produtos dos sectores de froitas e hortalizas, das froitas e hortalizas transformadas e do plátano ao alumnado dos centros escolares.

O Regulamento delegado (UE) 2016/247 da Comisión, do 17 de decembro de 2015, completa o Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no relativo á axuda da Unión para a subministración e a distribución de produtos dos sectores das froitas e hortalizas, das froitas e hortalizas transformadas e do plátano, no marco do programa de consumo de froitas e hortalizas nas escolas.

O Regulamento de execución (UE) 2016/248 da Comisión, do 17 de decembro de 2015, establece as normas de desenvolvemento do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, con respecto á axuda da Unión para a subministración e a distribución de produtos dos sectores das froitas e hortalizas, das froitas e hortalizas transformadas e do plátano, no marco do programa de consumo de froitas e hortalizas nas escolas e se fixa a asignación indicativa da axuda.

Ambos os dous regulamentos pretenden garantir o bo funcionamento do programa de consumo de froitas e hortalizas nas escolas, así denominado no novo marco xurídico definido polo Regulamento (UE) nº 1308/2013.

É de aplicación para a tramitación e concesión de axudas nesta comunidade autónoma a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño), así como, no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, que regula os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Fondo Galego de Garantía Agraria -Fogga- (denominado así en virtude da disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo, DOG nº 251, do 30 de decembro), e o Decreto 7/2014, do 16 de xaneiro, polo que se aproban os seus estatutos, correspóndelle ao dito organismo, entre outras funcións, a execución das accións necesarias para a aplicación da política agrícola común (PAC) no eido agrícola e gandeiro, respecto das axudas e subvencións con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), así como a execución de accións necesarias para o funcionamento das distintas organizacións de mercados e a mellora das estruturas agropecuarias.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das facultades previstas no artigo 2 da devandita Lei 7/1994, do 29 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do réxime de axudas destinadas á distribución de froita ao alumnado de centros escolares na Comunidade Autónoma de Galicia e a convocatoria das ditas axudas para o curso escolar 2016/17.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

CAPÍTULO I
Bases reguladoras

Artigo 2. Persoas destinatarias

Será destinatario da axuda o alumnado que asista regularmente aos centros escolares situados na Comunidade Autónoma, administrados ou recoñecidos polas autoridades competentes, que pertenza aos seguintes niveis de ensino:

a) Educación infantil segundo ciclo.

b) Educación primaria.

c) Educación secundaria obrigatoria.

Artigo 3. Custos que se subvencionan e restricións

1. Os custos que se subvencionan son os de adquisición no mercado da froita fresca, incluído o imposto sobre o valor engadido (IVE).

2. A axuda concederase ás froitas incluidas na definición do CAE (Código alimentario español), no seu capítulo XXII, sección 1ª, artigo 6, con excepción do tomate, da lima e do limón.

En atención a criterios de dispoñibilidade e ambientais, optarase preferentemente por froitas frescas de tempada obtidas na Comunidade Autónoma de Galicia, que empregen na súa obtención sistemas de produción sustentables (agricultura ecolóxica ou integrada).

3. As froitas frescas distribuídas aos escolares serán sempre de excelente calidade, atoparanse no seu grao óptimo de madureza de consumo e serán consumidas no seu estado natural.

4. As froitas frescas serán consumidas nas dependencias do establecemento escolar no momento do recreo. Con carácter excepcional, o centro escolar, logo de comunicación ao servizo territorial correspondente, poderá variar o lugar e horario da repartición en función da programación anual das actividades escolares.

5. O alumnado non será destinatario da axuda durante a súa estadía en colonias de vacacións, fóra do período lectivo.

Artigo 4. Contía da axuda e período de repartición

1. O importe máximo da axuda é de 0,25 euros por alumno/a e día lectivo.

2. A froita repartirase nos períodos autorizados, que serán de 5 días lectivos consecutivos. Poderanse solicitar dun a catro períodos, de maneira consecutiva ou non.

O/os períodos de repartición estarán comprendidos entre o 1 de decembro de 2016 e o 31 de maio de 2017.

3. O centro escolar poderá variar as datas do/dos período/s de repartición de froita concedido/s, logo de comunicación ao servizo territorial do Fogga correspondente.

4. No suposto de que a contía das axudas das solicitudes que cumpran os requisitos exixidos supere as dispoñibilidades orzamentarias da convocatoria, a súa concesión realizarase priorizando as solicitudes conforme o seguinte criterio: terán prioridade as persoas solicitantes de subministración para un período fronte aos de dous, as de dous fronte ás de tres, e estas sobre as de catro. Se fose necesario axustar as solicitudes á cantidade orzamentaria, reduciríanse os períodos que fosen necesarios, pasando de catro a tres, de tres a dous e de dous a un período respectivamente, empezando a supresión polo último período de subministración previsto.

No caso de empate no número de períodos solicitados polos centros escolares, o criterio que se empregará será o de dar preferencia aos centros con menor número de alumnos/as para que a axuda se distribúa entre o maior número de centros posibles, dadas as características da xeografía galega no contorno rural.

Artigo 5. Presentación e tramitación da solicitude de autorización e de axuda (código de procedemento MR269A)

1. Os solicitantes das axudas serán os centros escolares que pertenzan aos niveis de ensino citados no artigo 2 que teñan a súa sede na Comunidade Autónoma de Galicia e sexan autorizados conforme do disposto neste artigo, e que cumpran o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os centros escolares que pretendan subministrar as froitas frescas deberán ser autorizados pola dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

Para estes efectos, presentarán a solicitude de autorización e de axuda contida no anexo II desta resolución no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel no servizo territorial do Fogga que corresponda no enderezo que se indica nos cadros seguintes, ou por calquera outro dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Xefatura Territorial da Coruña. Servizo Territorial do Fogga. Praza Luís Seoane, s/n, 15008 A Coruña.

Teléfono: 981 18 46 88

Fax: 981 18 45 59

Xefatura Territorial de Lugo. Servizo Territorial do Fogga. Rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo.

Teléfono: 982 29 44 54

Fax: 982 29 44 11

Xefatura Territorial de Ourense. Servizo Territorial do Fogga. Rúa do Paseo, 22, 1º, 32003 Ourense

Teléfono: 988 38 69 42

Fax: 988 38 69 40

Xefatura Territorial de Pontevedra. Servizo Territorial do Fogga. Paseo de Cervantes, 7, 1º, 36002 Pontevedra.

Teléfono: 986 80 54 42

Fax: 986 80 55 69

4. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Conforme o previsto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, salvo que a persoa solicitante denegue expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar certificación nos termos previstos regulamentariamente.

7. A persoa solicitante cubrirá a declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ás distintas administracións ou entes públicos para o mesmo proxecto, das concedidas por estas, e doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, que se inclúe nesta solicitude.

8. A ordenación e a instrución do procedemento de autorización e concesión da axuda corresponderán á Subdirección Xeral de Xestión da PAC do Fondo Galego de Garantía Agraria.

9. Non poderá obter a autorización, nin por tanto concedérselle a axuda, quen estea incurso nalgunha das causas de prohibición que impiden obter a condición de beneficiario previstas na normativa aplicable en materia de subvencións.

Artigo 6. Resolución de autorización e concesión da axuda

Tendo en conta a solicitude, a dirección do Fogga, unha vez rematado o prazo previsto no punto 2 do artigo 5, resolverá no prazo de tres meses. Entenderanse estimadas por silencio positivo aquelas solicitudes de autorización que non sexan resoltas e notificadas no devandito prazo e desestimadas por silencio negativo as solicitudes de axuda.

Artigo 7. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta resolución e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais para o mesmo proxecto, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O importe da axuda concedida non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, supere o custo dos produtos obxecto de subvención.

Artigo 8. Obrigas das persoas beneficiarias

Os centros escolares que distribúan froitas de acordo con esta resolución deberán:

a) Destinar a froita subvencionada exclusivamente ao alumnado de asistencia regular ao centro escolar, nas condicións previstas na resolución de concesión da axuda, para o consumo dentro do centro escolar, durante o horario de recreo, sen prexuízo do establecido no artigo 3.4 desta resolución.

b) Manter os produtos subministrados en correctas condicións de conservación, ata o momento da distribución ao alumnado. De consumirse as froitas coa pel, é indispensable realizar un lavado delas no centro escolar previamente ao seu consumo.

c) Reembolsar as axudas aboadas indebidamente, polas cantidades que corresponda, no caso de comprobar que os produtos non foron subministrados ao alumnado indicado no artigo 2, ou que a axuda se pagou por produtos que non son subvencionables en virtude desta resolución.

d) Facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

e) Ter visible un cartel que se axuste aos requisitos mínimos que se reflicten no anexo I desta resolución, e que estará exposto permanentemente na entrada principal dos centros, nun lugar onde se poida ver e ler claramente.

f) Manter permanentemente actualizado un rexistro das compras e subministracións dos produtos ao alumnado, que conterá, como mínimo, os datos que se recollen no anexo III.

Artigo 9. Solicitudes de pagamento da axuda (código de procedemento MR269B)

1. As persoas solicitantes autorizadas solicitarán o pagamento da axuda conforme o modelo previsto no anexo IV e de acordo co establecido no artigo 5.3 desta resolución.

2. A solicitude de pagamento farase unha vez rematado cada período de subministración. A persoa solicitante cubrirá a declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ás distintas administracións ou entes públicos para o mesmo proxecto, das concedidas por estas e doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, que se inclúe nesta solicitude.

3. O prazo de presentación da solicitude de pagamento rematará o último día do terceiro mes seguinte ao mes en que se subministraron os produtos. Non obstante, cando o citado prazo se exceda en menos de dous meses, admitiranse as solicitudes presentadas, reducirase o seu importe nun 5 % se o atraso é igual ou inferior a un mes, e nun 10 % se é superior a un mes pero inferior a dous. Cando o prazo fixado se supere en dous meses, a axuda reducirase nun 1 % máis por cada día adicional.

4. Coa solicitude de pagamento da axuda achegaranse:

a) As correspondentes facturas xustificativas que reflectirán, por separado, o custo total de cada produto subvencionado, así como unha proba do seu pagamento.

b) As certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, cando a persoa solicitante denegue expresamente o consentimento, segundo establece o punto 6 deste artigo.

5. O centro escolar comprométese a establecer unha conta corrente que manterá para todo o curso escolar. No caso de que esta conta ou calquera dos datos contidos na solicitude inicial de autorización e de axuda varien, deberá poñelo en coñecemento o antes posible no correspondente servizo territorial do Fogga.

6. Conforme o previsto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de pagamento da subvención comportará autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, salvo que a persoa solicitante denegue expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar certificación nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 10. Controis das axudas

O Fogga establecerá un plan de controis por período comprendido entre o 1 de agosto e o 31 de xullo, co obxecto de garantir o cumprimento da normativa aplicable a esta liña de axuda, de acordo co establecido no artigo 8 do Regulamento de execución (UE) 2016/248 da Comisión, do 17 de decembro de 2015.

Artigo 11. Pagamento das axudas

1. Efectuados os controis pertinentes, os servizos territoriais do Fogga remitirán a oportuna proposta sobre as solicitudes presentadas, coa conformidade do subdirector xeral de Xestión da PAC, en que se certificará a adecuada xustificación da axuda e a concorrencia dos requisitos para o seu pagamento.

2. O prazo máximo de pagamento das axudas será de tres meses, contados a partir do día de presentación da solicitude no rexistro do Servizo Territorial do Fogga, correctamente cuberta e válida.

Artigo 12. Irregularidades

1. A existencia de irregularidades nos tipos de produtos subministrados, na súa calidade sanitaria ou comercial, na distribución incorrecta ao alumnado participante, os erros cometidos na facturación e/ou na contabilidade, a falsidade de datos, a desviación dos produtos do seu destino e, en xeral, calquera impedimento, total ou parcial, para que a axuda repercuta directamente en beneficio do alumnado, poderá implicar a suspensión ou retirada da autorización ou, se é o caso, a proposta de suspensión ou retirada, de acordo co previsto no artigo 13 desta resolución.

2. Sen prexuízo do anterior, a existencia de calquera irregularidade na execución na liña de axuda prevista nesta resolución poderá dar lugar á denegación ou minoración da axuda solicitada.

3. En todo caso, as persoas beneficiarias das axudas están suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Suspensión e retirada da autorización

1. A autorización poderá ser suspendida por un período de un a doce meses ou retirada pola dirección do Fogga, atendendo á gravidade da infracción, polo incumprimento dalgún dos compromisos asumidos pola persoa solicitante autorizada ou pola existencia das irregularidades previstas no artigo 12 desta resolución. As devanditas medidas non se imporán en caso de forza maior ou cando o Fogga determine que a infracción non se cometeu deliberadamente ou por neglixencia, ou que sexa de pouca importancia.

2. No suposto de retirada, transcorrido un período mínimo de polo menos doce meses, poderá concederse unha nova autorización, por instancia da persoa interesada, logo de valorar os antecedentes que motivaron a retirada da anterior.

Artigo 14. Recuperación de pagamentos indebidos

1. Para a recuperación dos importes pagados indebidamente, será de aplicación mutatis mutandis o artigo 7 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014, de conformidade co disposto no artigo 9 do Regulamento de execución (UE) nº 2016/248.

2. De conformidade co disposto no artigo 9 do Regulamento delegado (UE) nº 2016/247, en caso de pagamentos irregulares que non se deban a erros obvios e en caso de fraude ou de neglixencia grave atribuibles á persoa solicitante, esta, ademais de devolver os importes pagados indebidamente, pagará un importe equivalente á diferenza entre o importe pagado inicialmente e o importe a que teña dereito.

Artigo 15. Recursos administrativos

1. Contra as resolucións ditadas en aplicación desta resolución pola dirección do Fogga poderase interpoñer recurso de alzada ante a presidencia do dito organismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Se a resolución non fose expresa, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Artigo 16. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as personas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría do Fondo Galego de Garantía Agraria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: rúa dos Irmandiños, s/n. 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a dereitosarco.fogga@xunta.es

CAPÍTULO II
Convocatoria das axudas para o curso escolar 2016/17

Artigo 17. Axudas obxecto da convocatoria

Mediante a presente resolución convócanse para o curso escolar 2016/17 as axudas para a subministración das froitas frescas incluídas no Programa de consumo de froitas e hortalizas nas escolas, sinaladas no artigo 3 desta resolución, ao alumnado que asista regularmente aos centros escolares.

Artigo 18. Autorización como persoa subministradora de produtos subvencionados e solicitude de axuda

As persoas solicitantes que queiran participar neste Programa deberán solicitalo ao Fondo Galego de Garantía Agraria, segundo o modelo que figura no anexo II. O prazo para presentar as solicitudes correspondentes ao curso escolar 2016/17 será dun mes e iniciarase o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19. Solicitudes de pagamento

As solicitudes de pagamento presentaranse na forma e no prazo dispostos no artigo 9 desta resolución e conforme o modelo de anexo IV.

Artigo 20. Financiamento

1. Estas axudas cofináncianse con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) nunha porcentaxe dun 75 % e ao orzamento da Xunta de Galicia nunha porcentaxe dun 25 %. O IVE é financiable con cargo ao orzamento da Xunta de Galicia.

2. Esta convocatoria finánciase con cargo á aplicación orzamentaria 13.80.713F.779.0 do orzamento de gastos do Fondo Galego de Garantía Agraria para o curso 2016/17 por importe máximo de 317.200 €.

Da contía máxima serán imputables á anualidade corrente 10.000 €.

As ditas dotacións orzamentarias poderán incrementarse, de ser procedente, con outros fondos procedentes do Fondo Europeo Agrícola de Garantía, dos orzamentos xerais do Estado e da comunidade autónoma. Neste suposto tramitarase o oportuno expediente de xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

3. En todo caso, a concesión das axudas condicionarase á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 21. Controis

Para o curso escolar 2016/17 a porcentaxe de controis sobre o terreo previstos no artigo 10 abranguerá, polo menos, un 5 % da axuda e un 5 % das persoas solicitantes.

Artigo 22. Publicidade das axudas

Nos termos establecidos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Fogga publicará no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas. En calquera caso, de conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, o Fogga publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta resolución, polo que a presentación da solicitude de axuda leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 23. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de 5 anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Disposición adicional única

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, de ser o caso.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2016

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora do Fondo Galego de Garantía Agraria

ANEXO I
Requisitos mínimos que debe cumprir o cartel sobre o Programa de consumo
de froitas e hortalizas nas escolas

Tamaño:

A3 ou superior.

Letras:

1 centímetro como mínimo.

Título:

Programa de consumo de froitas e hortalizas nas escolas da Unión Europea.

Contido:

O noso (indicar o tipo de centro escolar (gardaría, escola, etc.) participa no Programa de consumo de froitas e hortalizas nas escolas da Unión Europea coa axuda económica da Unión.

O cartel levará o emblema da Unión.

missing image file
missing image file

ANEXO III
Rexistro de compras e subministración de produtos

Data de compra

Nome ou razón social da persoa subministradora

NIF da persoa subministradora

Produto

Quilos

Data de

repartición

Produto

Nivel de ensino

Nº alumnos/as a que se reparte

Quilos

missing image file
missing image file