Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 1 de xullo de 2016 Páx. 27944

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2016 pola que se fai público o acordo de cesión en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Coirós.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) adoptou, o 8.6.2016, o acordo de cesión, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Coirós, a favor do Concello de Coirós.

De conformidade co artigo 86.1 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 3/1989, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, procede publicar o dito acordo.

Por todo isto,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do 8 de xuño de 2016, da Presidencia da Agader, polo que se cede en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, un inmoble situado no concello de Coirós, que se incorpora a esta resolución como documento anexo.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2016

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO
Acordo do 8 de xuño de 2016, da presidenta da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), polo que cede en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, un inmoble situado no concello de Coirós

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) é titular dun inmoble que constitúe masa común nos termos establecidos no artigo 31 da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, de conformidade co artigo 5.2, en relación co artigo 5.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O Concello de Coirós solicitou a súa cesión, mediante adxudicación directa e a título gratuíto.

O 18.2.2015 o director xeral da Agader acordou que se iniciase o procedemento para a transmisión en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, do inmoble.

O 18.2.2015 a Subdirección de Mobilidade de Terras da Agader emitiu informe favorable sobre a transmisión en propiedade do inmoble.

O 6.3.2015 a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda emitiu informe favorable sobre a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.2 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 2.10.2015 a Secretaría Xeral da Consellería do Medio Rural propuxo a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 14.10.2015 a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma emitiu informe favorable sobre a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 11 do Decreto 101/2014, do 1 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

O 5.11.2015 o Consello da Xunta de Galicia autorizou a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 17.3 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 11.7.2013 o Consello de Dirección da Agader delegou na persoa titular da Presidencia da Agader as competencias para o alleamento e a cesión de bens inmobles e dereitos reais a que fan referencia os artigos 74.2 e 83.2 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo fixo público a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto).

Tendo en conta o exposto, de acordo cos artigos 14 a 17 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e 82 e seguintes da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e tras a proposta do director xeral da Agader,

DISPOÑO:

Primeiro. Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Concello de Coirós, da propiedade do ben inmoble de carácter patrimonial, sito no concello de Coirós, que se describe a continuación:

Parcela 1305 do polígono 502 da zona de concentración parcelaria de Coirós-Colantres-Lesa-Armea, no concello de Coirós (A Coruña), cunha extensión superficial de vinte áreas e trinta centiáreas. Limita norte, con construción e camiño; sur, con construción e zona excluída; leste, con construción e camiño que a separa da masa común (1303), de Manuel Vázquez y Vázquez e outros (1304) e de zona excluída; e oeste, con camiño.

Na parcela localízase un cemiterio, iluminación pública, valado de protección, un surtidor de augas e pozos artesianos.

Referencia catastral: 15027A502013050000RM.

Titular catastral: a Xunta de Galicia figura como titular catastral.

Inscrición rexistral: inscrita no Rexistro da Propiedade de Betanzos, a nome de Comunidade Autónoma de Galicia, tomo 1750, libro 95, folio 213, nº rexistral predio 10235, inscrición 1.

Segundo. A cesión en propiedade queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. O inmoble destinarase a cemiterio e aparcadoiro.

2. A persoa cesionaria, con coñecemento da situación física e legal do ben, adquíreo, xunto coas obras, construcións e instalacións existentes nel que sexan da Agader, como corpo certo, ao seu risco e ventura e renuncia ao saneamento por evicción, por vicios ou defectos ocultos e por gravames ocultos que lle concede o Código civil. No caso de obras, construcións e instalacións das cales a Agader manifesta ser a titular en aplicación do artigo 359 do Código civil, corresponderá á persoa cesionaria a procedente regularización xurídica no caso de reclamacións de terceiras persoas, para que o inmoble, obras, construcións e instalacións sexan dun só titular (ben da persoa cesionaria, ben de terceiras persoas no caso dunha accesión invertida). Non poderá transmitir en propiedade o ben a terceiras persoas. Debe remitir cada tres anos á persoa cedente a documentación que acredite o destino do ben.

3. De conformidade cos artigos 85 e 86 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, se o ben cedido non se aplica ao fin sinalado no prazo de dous anos desde o outorgamento do documento de cesión, ou deixa de estalo con posterioridade, se se descoida ou utiliza con grave quebrantamento ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá a entidade cedente.

Serán por conta da persoa cesionaria o detrimento ou a deterioración sufridos polo ben cedido, sen que sexan indemnizables os gastos en que incorra para cumprir as cargas ou condicións impostas.

A resolución da cesión será declarada polo órgano competente para o seu outorgamento, e na resolución que declare a extinción da cesión determinarase, se é o caso, a indemnización polas deterioracións que sufrise o ben, logo da determinación da súa contía mediante taxación pericial.

Na resolución que declare a extinción da cesión a persoa cedente poderá optar por que o ben reverta, libre de cargas e gravames, sen dereito a indemnización á persoa cesionaria:

a) Repoñendo o ben ao estado anterior a calquera uso construtivo e/ou non construtivo.

b) Nas mesmas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, en que se entregou, repoñendo o ben ao estado anterior, coa accesión do construído ao predio.

c) Nas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, en que se atope no momento da extinción da cesión, coa accesión do construído ao predio.

d) De ser o caso, as obras, construcións e instalacións que revertan, que non fosen da titularidade da persoa cedente no momento da cesión, serán adquiridas gratuitamente pola persoa cedente.

4. A persoa cesionaria realizará, pola súa conta, a correspondente alta, baixa ou modificación no Catastro inmobiliario, as inscricións, as anotacións e as altas no rexistro da propiedade ou noutros rexistros que correspondan, aínda que estas sexan facultativas e non obrigatorias, así como a declaración de obra nova, se for o caso, inscrita no rexistro da propiedade.

Todos os custos e impostos que deriven da cesión serán por conta da persoa cesionaria, mesmo o imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana (plusvalía), se o houber.

5. A persoa cesionaria declara coñecer a situación urbanística do inmoble que se cede, así como os deberes legais e as obrigas pendentes de cumprir en caso de levarse a cabo actuacións de transformación urbanística e, polo tanto, renuncia á facultade de rescindir o contrato e exixir as indemnizacións que procedan a que alude o artigo 19.3 do Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo, por non ter feito constar a dita situación urbanística, deberes e obrigas, despois de serlle requirida a súa expedición pola persoa cedente.

Terceiro. A cesión formalizarase en documento administrativo subscrito polo órgano unipersoal de goberno da Agader, ou funcionario en quen delegue, e nel deberán constar o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Cuarto. A Agader, a través da Subdirección de Mobilidade de Terras, realizará todos os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente acordo.