Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 1 de xullo de 2016 Páx. 27938

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2016 pola que se aproba o plan de xestión da sardiña con arte de xeito, para o ano 2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Feitos.

A actividade profesional pesqueira en Galicia constitúe un sector estratéxico, tanto pola súa dimensión social como polo seu peso económico, debido aos ingresos que lles proporciona ás comunidades costeiras, nas cales estas actividades constitúen o motor principal, e con frecuencia único, da súa economía.

A sardiña (Sardina pilchardus) é unha das especies peláxicas mais importantes (quizais a que máis) das que habitan as capas superficiais das plataformas continentais do Atlántico ibérico. A maior parte das capturas realízanse en Galicia (sobre todo na súa fachada oeste) e no norte de Portugal. A maioría das capturas realízanse co arte de cerco e unha pequena cantidade coa do xeito. O xeito é unha arte de enmalle moi selectiva, coa cal se pesca sardiña e anchoa fundamentalmente; o 85 % das capturas que se realizan coa arte do xeito corresponde á sardiña.

A situación de existencias ibero-atlánticas da sardiña nas zonas CIEM VIIIc e IXa é coñecida. Así, ao longo da historia as oscilacións da produción desta pesqueira foron continuas e, moitas veces, con dramáticas consecuencias para o sector pesqueiro.

Os numerosos estudos realizados sobre a sardiña permiten descifrar as causas da gran variación interanual da produción desta pesqueira. A flutuación é debida a que os recrutamentos teñen unha elevada dependencia das condicións ambientais e oceanográficas. O comportamento relativamente cíclico do recurso é ben coñecido polo sector e polos científicos que traballan nesta pesqueira.

Con respecto aos datos de capturas desta especie na Comunidade Autónoma de Galicia, cabe salientar o seguinte: o número de buques con despachos ao xeito en 2015 foi de 122, dun total de 419, o que supón o 29,11 %. As capturas de sardiña en Galicia de buques despachados ao xeito foron diminuíndo de 2011 a 2013, para volver incrementarse en 2014 arredor das 200 toneladas, e volveron a diminuír no ano 2015, en que acada os 161.010 kg:

Ano

Kg

€/kg

Kg/día

Kg/buque

Nº buques

Ano 2011

269.392

396.234

1,47

1.091

2.363

114

Ano 2012

170.176

369.656

2,17

770

1.251

136

Ano 2013

162.575

397.012

2,44

692

991

164

Ano 2014

199.585

516.615

2,59

1.056

1.202

166

Ano 2015

161.010

455.172

2.83

605

1.320

122

Un plan de xestión pesqueira que reúna as medidas técnicas necesarias para a conservación dos recursos pesqueiros nunha área determinada e que garanta o desenvolvemento socioeconómico da rexión é unha boa medida técnica de control das existencias. O xeito é unha arte de pesca moi selectiva coa cal se captura fundamentalmente sardiña, e o seu plan deberá contar con medidas tales como a limitación de capturas, vedas temporais, límites aos horarios de capturas ou control das tallas mínimas.

Para a elaboración do plan de xestión da sardiña con arte de xeito para o ano 2016 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia recibíronse propostas da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e foi consultado o sector.

Solicitáronse os informes técnicos correspondentes.

Fundamentos técnicos e xurídicos.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, establece no artigo 6 que «A política da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia terá como obxectivos, en relación coa conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, entre outros os de: 1. O establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación, á xestión e á explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos (...)».

A arte do xeito vén regulada no capítulo III, sección segunda, subsección novena, nos artigos 59 a 62 do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Resolución do 23 de febreiro de 2016, da Secretaría Xeral de Pesca, establece disposicións de ordenación da pesqueira da sardiña ibérica (Sardina pilchardus) que se pesca en augas ibéricas da zona CIEM VIIIc e IXa (BOE núm. 50, do 27 de febreiro). O punto cuarto desta resolución establece que para a totalidade da campaña se reserva unha cantidade de 175 toneladas, non suxeita a topes de captura, para poder ser pescada exclusivamente por aqueles buques que usen a arte de xeito para faenar. Así mesmo, a Resolución do 8 de xaneiro de 2016 da Dirección Xeral de Ordenación Pesqueira, acordou abrir a pesqueira da sardiña para os buques con arte de xeito para faenar e autorizados a pescar sardiña, para as 00.00 horas do 1 de xaneiro de 2016.

Polo anterior,

RESOLVO:

Autorizar o plan de xestión da sardiña con arte de xeito para o ano 2016 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, baixo os seguintes termos e condicións:

1. Obxecto e ámbito de aplicación.

Este plan ten por obxecto regular as capturas e os desembarques das especies capturadas coa arte de xeito.

O ámbito de aplicación son as augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Participantes.

Todas aquelas embarcacións que teñan a arte de xeito no seu permiso de explotación.

Segundo a evolución dos consumos ao longo do exercicio, a comisión de seguimento poderá propoñer á Consellería do Mar que conceda autorizacións de cambios temporais de modalidade.

3. Arte.

O xeito é unha arte de enmalle de deriva que está constituída por un pano rectangular estendido entre dúas trallas, a superior, que consta dun sistema de flotación por boias que permite o calamento a profundidade variable, e a inferior, que está lastrada con chumbos. Debe permanecer unido á embarcación mediante un cabo de lonxitude variable, quedando o outro extremo libre.

O xeito deberá ter as seguintes características técnicas:

1º. A dimensión de malla do xeito estará comprendida entre 23 e 40 milímetros.

2º. A altura máxima do xeito, logo de armada, entre trallas ou relingas, será de 16 metros.

3º. Cada unha das pezas de rede ou panos que compoñen o xeito terá unha lonxitude de 70 metros, cunha lonxitude máxima de 100 metros co pano estirado.

4º. A lonxitude máxima total do xeito autorizada por buque e día non poderá exceder, en ningún caso, dos 1.000 metros.

4. Vixencia do plan.

A época de vixencia do presente Plan abranguerá desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2016.

5. Período de veda.

O período de veda para o ano 2016 queda establecido entre o 1 de novembro e o 31 de decembro de 2016.

6. Especies.

A especie de captura obxecto deste Plan será a sardiña (Sardina pilchardus). As demais especies acompañantes terán que cumprir cos tamaños mínimos exixidos, non estar en veda e cumprir coas disposicións legais que lles sexan de aplicación.

7. Tamaño mínimo de captura.

O tamaño mínimo autorizado será de 11 cm.

8. Topes de captura mensuais.

Tendo en conta a dispoñibilidade total de 175 toneladas, quedan establecidos uns topes máximos mensuais coas seguintes contías:

Meses

Toneladas

Totais (T)

Xaneiro, febreiro e marzo

5 toneladas para o trimestre

5 t

Abril, maio e outubro

8 toneladas por mes

24 t

Xuño e setembro

25 toneladas por mes

50 t

Xullo e agosto

48 toneladas por mes

96 t

9. Horario.

O descanso semanal do uso do xeito estará comprendido entre as 12.00 horas do sábado e as 12.00 horas do luns.

10. Puntos de control e venda.

Zonas de pesca, lonxas e puntos de venda autorizados.

11. Programa de seguimento e control.

Mensualmente farán un control interno da xestión do plan as federacións e OPAGA, para o cal as confrarías de pescadores deberán remitir mensualmente os datos das vendas realizadas nas súa respectivas lonxas. Para aqueles desembarcos/vendas en lonxas que non son xestionadas polas propias confrarías, esas embarcacións deberán remitir os datos a través da súa confraría.

12. Mostraxes.

Durante o período de vixencia do plan, técnicos da consellería poderán realizar, en calquera das embarcacións participantes, mostraxes para control, seguimento e avaliación do plan. Os armadores deben colaborar de tal xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva do plan.

13. Comisión de seguimento.

Créase a comisión de seguimento do Plan de xestión do xeito, que se reunirá cunha periodicidade mínima trimestral e estará composta por representantes da Consellería do Mar, das federacións e OPAGA.

14. Extracción e comercialización.

O exercicio da actividade extractiva e comercial establecida neste plan está sometido ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca.

15. Infraccións e sancións.

O incumprimento das condicións establecidas neste plan poderá ser sancionado segundo o establecido na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante a conselleira do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2016

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar