Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 1 de xullo de 2016 Páx. 27853

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 1 de xuño de 2016 pola que se clasifica de interese para a investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico a Fundación Kertor.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Kertor con domicilio na Rúa Juana de Vega número 12, na Coruña.

Feitos:

1. Marta Recarey Fernández, secretaria do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Kertor foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela (A Coruña) o 27 de xaneiro de 2016, ante o notario Antonio Fernández Naveiro, co número de protocolo 91, por María Isabel Loza García, Ángel Carracedo Álvarez e José Arnau Sierra que actúan no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación terá fins científicos, sanitarios e de impulso da economía social e produtiva de Galicia, co obxecto de xestión, execución e impulso de programas de descubrimento de fármacos.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Ángel Carracedo Álvarez como presidente; María Isabel Loza García como vicepresidenta; e a Universidade de Santiago de Compostela, representada polo seu reitor Juan Viaño Rey e José Arnau Sierra como vogais. Consta, tamén, Marta Recarey Fernández como secretaria non patroa.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para a investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico da Fundación Kertor, de acordo coas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese para a investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico e a súa adscrición á Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 23 de maio de 2016.

DISPOÑO:

Clasificar de interese para a investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico a Fundación Kertor, e adscribila ao protectorado da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Contra esta orde que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderase interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza