Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 30 de xuño de 2016 Páx. 27615

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 10 de xuño de 2016 pola que se aproba o Plan de inspección en materia de seguridade industrial e metroloxía na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

A regulación do réxime de inspección industrial e dos plans e programas de inspección en materia de seguridade industrial recóllese no título I do libro primeiro do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, e no Decreto 219/2008, do 25 de setembro, sobre inspección de Industria na Comunidade Autónoma de Galicia.

No Decreto 219/2008, do 25 de setembro, regúlase a actividade administrativa de inspección, entendida como a actividade pola que a consellería competente en materia de industria, cos seus propios medios ou a través da colaboración de entidades legalmente habilitadas, ten por obxecto a supervisión, control e vixilancia dos establecementos, instalacións, produtos e actividades industriais, comprobando a adecuación da súa posta en funcionamento e condicións de servizo aos requisitos legais, regulamentarios e técnicos previstos na normativa aplicable e, se é o caso, exixir as responsabilidades que correspondan nos supostos de incumprimentos legais ou defectos técnicos.

Tal e como establece o artigo 13.2 do Decreto 219/2008, do 25 de setembro, mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de industria aprobaranse o obxecto, contido e ámbito de actuación que informan cada plan, así como as instrucións que deben cumprir as entidades legalmente habilitadas e os servizos correspondentes das delegacións provinciais do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de industria, para levar a cabo as inspeccións que se deben realizar conforme o plan e os programas que se aproben.

Por outra banda, a Lei 32/2014, do 22 de decembro, de metroloxía, establece que as administracións públicas competentes poderán comprobar en calquera momento por si mesmas, de oficio ou por instancia de parte interesada, o cumprimento dos requisitos legais e regulamentariamente establecidos para os instrumentos, medios, materiais de referencia, sistemas de medida e programas informáticos sometidos a control metrolóxico do Estado.

A regulación do réxime de inspección no ámbito da metroloxía e dos plans e programas de inspección recóllese no Decreto 78/2011, do 14 de abril, polo que se establece a ordenación das funcións do control metrolóxico do Estado que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia, e se aproba o Regulamento de vixilancia e inspección de instrumentos sometidos a control metrolóxico. Nel establécese que corresponde á dirección xeral con competencias en materia de industria a elaboración e aprobación dos plans de actuacións de vixilancia e inspección programados, coa extensión temporal que se determine nestes e con base en criterios de oportunidade, aleatoriedade ou outros que considere pertinentes. Mediante resolución do seu titular apróbanse o obxecto, o contido e o ámbito de actuación, así como as instrucións que deben cumprir os servizos correspondentes das xefaturas territoriais da consellería con competencias en materia de industria ou os organismos que como tal poidan actuar.

Conforme o Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a devandita consellería é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións nos ámbitos da industria, da seguridade industrial e da metroloxía.

En virtude de todo o anterior, e de conformidade coas atribucións que me son conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Por medio desta orde apróbase o Plan de inspección en materia de seguridade industrial e metroloxía na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

Artigo 2. Obxecto, contido e ámbito de actuación do plan de inspección

1. O obxecto do plan de inspección será, na parte de seguridade industrial, comprobar a adecuación da posta en funcionamento e as condicións de servizo dos establecementos e das instalacións respecto dun ou varios dos regulamentos de seguridade e normativa que lles sexan aplicables, e, na parte de metroloxía, comprobar que na fabricación, comercialización, posta en servizo e uso dun instrumento de medida se cumpriron os requisitos para eles estipulados nunha ou varias das normativas que lles aplica.

2. O Plan de inspección 2016 estará composto por sete programas. Os 3 primeiros corresponden ao ámbito da seguridade industrial, e os 4 seguintes ao da metroloxía.

Programas

Sectores

Nº inspeccións

1

Declaracións responsables

Empresas prestadoras de servizos do ámbito da seguridade industrial cuxo número de Rexistro Integrado Industrial remate en 6

As presentadas ata a data de publicación da presente orde

2

Accidentes graves

Establecementos industriais afectados polo Real decreto 840/2015, do 21 de setembro

46

3

Parques eólicos

Parques eólicos con acta de posta en marcha (autorización de explotación) anterior ao 1.1.2001

28

4

IPFNA* < 15 kg

Instrumentos de pesaxe en servizo en comercios polo miúdo de produtos alimentarios

500

5

IPFNA* de gran alcance

Instrumentos de pesaxe en servizo en establecementos industriais

10

6

Gasocentros

Equipamentos de medida en servizo en camións cisterna para líquidos de baixa viscosidade

10

7

IPFNA* < 15 kg

Avaliación da conformidade de instrumentos de pesaxe na fase de comercialización, previa á súa posta en servizo

2

* IPFNA: Instrumentos de pesaxe de funcionamento non automático.

Artigo 3. Execución e indicadores

1. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas fará a selección dos establecementos, instalacións, instrumentos e actividades que sexan obxecto de inspección con criterios de oportunidade e aleatoriedade.

2. As inspeccións efectuadas ao abeiro deste plan de inspección faranse consonte protocolos de inspección previamente aprobados pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

3. Cada inspección será avaliada e quedará representada mediante indicadores do grao de suxeición ás exixencias administrativas de obrigado cumprimento que resultarán da aplicación dos protocolos de inspección.

4. As xefaturas territoriais da Consellería remitirán á Dirección Xeral de Enerxía e Minas, no prazo de tres (3) meses desde o remate da execución do plan de inspección, os resultados dos programas de control administrativo obtidos durante a vixencia do plan para a elaboración dun informe final onde se recollerán os datos, os resultados e as incidencias máis significativas de cada programa.

Artigo 4. Metodoloxía

1. A articulación da xestión, desenvolvemento e execución dos programas de inspección en que se estrutura o Plan de inspección 2016 farase, na parte de seguridade industrial, conforme os principios establecidos no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, e no Decreto 219/2008, do 25 de setembro, sobre inspección de Industria na Comunidade Autónoma de Galicia, e na parte de metroloxía, conforme os principios establecidos na Lei 32/2014, do 22 de decembro, de metroloxía, o Real decreto, 889/2006, do 21 de xullo, polo que se regula o control metrolóxico do Estado sobre instrumentos de medida, e no Decreto 78/2011, do 14 de abril, polo que se establece a ordenación das funcións de control metrolóxico do Estado que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia, e se aproba o Regulamento de vixilancia e inspección de instrumentos sometidos a control metrolóxico.

2. Sen prexuízo das funcións de inspección do persoal técnico da consellería competente en materia de industria, a execución material dos programas poderá levarse a cabo por entidades legalmente habilitadas, para o cal se poderá utilizar como instrumento de xestión a celebración de convenios de colaboración. O persoal non funcionario non gozará da consideración de axente da autoridade no exercicio das súas funcións.

3. No marco da actividade administrativa de inspección e de acordo co parágrafo anterior, de requirirse a colaboración dunha entidade legalmente habilitada, a función do seu persoal cinguirase ás actuacións simplemente preparatorias, de comprobación ou proba de feitos ou similares.

4. De ser o caso, as xefaturas territoriais da consellería exercerán as funcións de supervisión e control das inspeccións ordenadas ás entidades legalmente habilitadas na execución de cada programa, e o persoal técnico da consellería poderá estar presente naquelas inspeccións que considere oportuno e realizar as comprobacións posteriores que crea necesarias unha vez realizada a inspección.

5. A realización dunha inspección a un establecemento, instalación, instrumento ou actividade incluída nun programa de inspección, non eximirá o devandito establecemento, instalación, instrumento ou actividade de realizar a correspondente inspección regulamentaria.

Artigo 5. Obrigas dos titulares

Os titulares dos establecementos, instalacións, instrumentos ou actividades obxecto do plan de inspección están obrigados a permitir e facilitar as comprobacións e inspeccións que o persoal debidamente acreditado realice en cumprimento da función de control da Administración, así como achegar calquera información ou documentación que se lle solicite en relación coa inspección que se realice.

Artigo 6. Ámbito xeográfico do plan de inspección

O ámbito de actuación da actividade administrativa de inspección á cal se refire esta orde alcanzará os establecementos, instalacións, instrumentos e actividades situados dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia con independencia da situación do seu domicilio social.

Artigo 7. Vixencia do plan

A vixencia do Plan de inspección 2016 comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e estenderase ata o 31 de decembro de 2016.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase ao director xeral competente en materia de industria a ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2016

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria