Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 30 de xuño de 2016 Páx. 27684

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2016, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se dispón a publicación do pacto subscrito pola Administración sanitaria coas centrais sindicais CIG, CESM-O´MEGA, CC.OO., UGT e CSIF, sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia.

No marco da mesa sectorial de negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e coa finalidade de establecer un sistema de selección de persoal estatutario temporal no ámbito das institucións sanitarias dependentes do Servizo Galego de Saúde, negociáronse os pactos publicados nos DOG do 13 de abril de 1993, do 12 de maio de 1994, do 19 de xaneiro de 1996, do 10 de marzo de 1997, do 25 de febreiro de 2000, do 1 de xuño de 2004 e do 9 de maio de 2011.

Iniciado o proceso de negociación dunha nova norma reguladora do sistema de selección de persoal estatutario temporal rematou este coa sinatura do pacto que se publica, subscrito entre a Administración sanitaria e as centrais sindicais integrantes da mesa sectorial de negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, CIG, CESM-O´MEGA, CC.OO., UGT e CSIF.

A negociación foi realizada de conformidade co artigo 38 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público.

Para xeral coñecemento, de acordo co disposto no artigo 38 da citada norma, faise necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude,

RESOLVE:

Acordar a publicación do pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia, que se inclúe xunto con esta resolución.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2016

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema
público de saúde de Galicia

Estrutura do documento

I. Normas xerais do pacto

Obxecto

Ámbito de aplicación

Vixencia e denuncia

Réxime transitorio

Adaptacións á nova regulación

Seguimento

Selección de persoal licenciado sanitario facultativo especialista de área

II. Selección das persoas aspirantes

A/ Normas xerais

Requisitos das persoas aspirantes

Quendas de acceso e ámbito de dispoñibilidade

Baremo

Procedemento de elaboración de listas

Indispoñibilidade transitoria de aspirantes

B/ Disposicións especiais

Zonificacións de opción preferente, para a prestación de servizos

Áreas especiais

Nomeamentos de curta duración

Nomeamentos a tempo parcial

Vinculacións de curta duración no ámbito da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061

III. Xestión de chamamentos

A/ Normas xerais

Órgano competente

Orde de chamamentos

Realización e aceptación do chamamento

Suspensión de chamamentos

Período de proba

Revogación de nomeamentos

B/ Disposicións especiais

Promoción profesional

Áreas especiais

Nomeamentos de curta duración

Nomeamentos a tempo parcial

Vinculacións de curta duración no ámbito da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061

IV. Réxime de penalizacións

Por renuncia ao nomeamento

Pola non superación do período de proba

Por incumprimento grave das persoas aspirantes

Reincorporación en lista

Excepcións ao réxime de penalizacións

Anexos:

Anexo I: listas compatibles

Anexo II: categorías subsidiarias

Anexo III: vixencia de acordos interpretativos previos

Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal
do Sistema público de saúde de Galicia

En Santiago de Compostela, no marco da mesa sectorial de negociación do persoal de institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, de conformidade coas facultades conferidas no artigo 80 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e no artigo 38 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, así como as competencias outorgadas á referida mesa sectorial polo acordo entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais da mesa xeral, e logo do proceso negociador que culminou na sesión da citada mesa sectorial do 20 de maio de 2016, subscríbese o presente pacto de selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia, co contido que a seguir se expón:

I. Normas xerais.

I.1. Obxecto.

O presente pacto establece e regula o procedemento de selección, a través de listas elaboradas consonte a baremo, das persoas aspirantes a nomeamentos estatutarios temporais do Sistema público de saúde de Galicia.

I.2. Ámbito de aplicación do pacto.

I.2.1. O presente pacto aplicarase a todos os nomeamentos temporais que resulte necesario formalizar nas diversas categorías estatutarias no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, baixo as modalidades establecidas no artigo 9 da Lei 55/2003, do 16 de decembro.

A selección temporal de persoal licenciado sanitario efectuarase por listas, conforme a baremo, nas categorías de pediatra de atención primaria, médico/a de familia, farmacéutico/a de atención primaria, odontólogo/a, técnico/a de saúde, médico/a de urxencias hospitalarias, médico/a coordinador/a do 061, médico/a asistencial do 061, facultativo/a especialista de área de medicina do traballo e psicólogo/a clínico/a.

A selección por listas noutras categorías de persoal licenciado sanitario distintas ás indicadas no parágrafo anterior requirirá do acordo da Comisión Central de Seguimento do Pacto.

I.3. Vixencia e denuncia do pacto.

O presente pacto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A súa vixencia rematará o 31 de decembro de 2020, e prorrogarase automaticamente por sucesivos períodos dun ano, de non mediar denuncia expresa de calquera das partes cunha antelación mínima de dous meses ao remate de cada ano natural.

De existir denuncia da vixencia deste pacto, prorrogarase a súa efectividade ata a formalización do novo pacto ou norma que o substitúa, tras a negociación correspondente.

I.4. Réxime transitorio.

I.4.1. Mantéñense en vigor ata a súa modificación, de ser o caso, por acordo da Comisión Central de Seguimento do vixente pacto, os acordos interpretativos en materia de xestión de chamamentos adoptados polas comisións centrais de seguimento precedentes, que se publican como anexo III.

I.4.2. A inscrición nas listas de selección temporal daquelas categorías que durante a vixencia do pacto anterior non tivesen sido xeradas a través de Fides/expedient-e formalizarase logo da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

I.4.3. Será de aplicación o Pacto do 26 de abril de 2011 (DOG núm. 89, do 9 de maio) á xeración da lista definitiva daquelas categorías con proceso de selección actualmente en tramitación. As sucesivas xeracións nestas categorías efectuaranse consonte a nova regulación.

I.4.4. En canto non se publiquen as listas definitivas de persoas aspirantes seleccionadas en aplicación dos criterios contidos no presente pacto, serán de aplicación respecto de cada categoría e para os chamamentos que resulte necesario efectuar as últimas listaxes confeccionadas e as normas de xestión contidas na regulación anterior correspondente, excepto no relativo ao réxime de suspensión voluntaria de chamamentos, no que resultará de aplicación directa o punto III.4 da presente regulación.

I.4.5. Mantéñense transitoriamente como categorías de ámbito autonómico, ata novo acordo pola Comisión Central de Seguimento do Pacto, as vixentes baixo a anterior regulación.

I.5. Adaptacións á nova regulación.

I.5.1. Mantense en vigor a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 12 de setembro de 2013, pola que se inicia o procedemento de actualización periódica de listas de selección temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade e se regulan as súas bases (DOG núm. 181, do 23 de setembro), en canto non se opoña á presente regulación.

I.5.2. Desde a entrada en vigor desta nova regulación ata o 31 de outubro próximo, as persoas aspirantes poderán adaptar a través de Fides/expedient-e o seu formulario electrónico de inscrición ás novidades incluídas neste pacto.

En consecuencia, as persoas aspirantes que, ao abeiro do Pacto de 26 de abril de 2011, figurasen admitidas en lista/s de área especial e curta duración poderán optar no prazo anteriormente indicado por unha destas opcións. Na falta de opción expresa, entenderase que solicitan o mantemento da inscrición na/s lista/s de área especial en que constan admitidas.

As persoas aspirantes que, ao abeiro do Pacto de 26 de abril de 2011, figurasen admitidas nunha lista de ámbito autonómico, excepto a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, poderán, desde a entrada en vigor deste pacto ata o 31 de outubro próximo, seleccionar no formulario electrónico de inscrición (Fides/expedient-e) a área/s sanitaria de opción preferente para a prestación de servizos. Na falta de opción, entenderase que opta por calquera delas.

Así mesmo, as persoas aspirantes que, ao abeiro do Pacto de 26 de abril de 2011, figurasen admitidas nunha lista, polo sistema de promoción profesional temporal, poderán modificar a área sanitaria de inscrición, seleccionando calquera das relacionadas no formulario electrónico de participación.

I.6. Seguimento do pacto.

O seguimento do presente pacto será efectuado por unha comisión central, con sede nos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde e polas comisións periféricas de área integrada que se constitúan.

As entidades públicas con personalidade xurídica formarán parte da comisión periférica de área integrada que corresponda por razón da localización territorial do órgano competente para efectuar os chamamentos.

As ditas comisións estarán compostas por un/unha representante, titular e suplente, de cada unha das organizacións sindicais asinantes do pacto e un número igual de representantes designados pola Administración sanitaria. O/a suplente só participará nas reunións en ausencia do/da titular.

I.6.1. A Comisión Central de Seguimento terá as seguintes competencias:

– Unificar e establecer os criterios de actuación e interpretación do presente pacto.

– Resolver en única instancia, sen prexuízo dos recursos que procedan, as incidencias e controversias de afectación xeral que deriven da aplicación do pacto.

– Acordar as medidas de excepcionalidade que se consideren oportunas na aplicación da presente regulación ante situacións puntuais de indispoñibilidade de aspirantes.

– Propoñer, para a súa aprobación polo órgano competente, a ampliación do catálogo de categorías profesionais compatibles previsto no anexo I, cando razóns técnicas e de xestión así o permitan, así como a modificación dos ámbitos de actuación das comisións periféricas de seguimento e de selección de aspirantes para nomeamentos de curta duración, co obxecto da súa adaptación aos cambios organizativos que se poidan acometer no Servizo Galego de Saúde durante a vixencia do pacto.

– As demais explicitamente recoñecidas neste pacto.

I.6.2. As comisións periféricas de seguimento asumirán as seguintes competencias:

– Coñecerán en única instancia, sen prexuízo dos recursos que procedan, de todas as incidencias e reclamacións que se produzan no procedemento de selección de persoal estatutario temporal do seu respectivo ámbito, formulando as oportunas propostas de resolución vinculantes, ás xerencias correspondentes, para o seu traslado, de ser o caso, ás persoas interesadas.

– Exercerán o control da execución dos chamamentos das persoas aspirantes en todo o seu ámbito.

– As demais explicitamente recoñecidas no presente pacto.

I.6.3. A presidencia das comisións corresponderalle a un dos membros designados pola Administración, e actuará como secretario/a destas, con voz e voto, outro dos seus representantes. Nas votacións que se realicen, o voto do/da presidente/a será dirimente no caso de empate.

I.6.4. As comisións de seguimento reuniranse, con carácter ordinario, unha vez ao trimestre a comisión central, e unha vez ao mes as periféricas. Así mesmo, reuniranse con carácter extraordinario cantas veces sexan convocadas pola presidencia ou logo da proposta de, cando menos, a terceira parte dos seus integrantes.

I.6.5. As comisións poderán elaborar o seu regulamento de funcionamento interno, que se axustará en todo caso ao establecido no título II, capítulo II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no título I, capítulo I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

I.7. Selección de persoal licenciado sanitario facultativo especialista de área.

O Servizo Galego de Saúde, mediante Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, ao abeiro da competencia prevista no artigo 4 da Orde do 5 de xullo de 2012, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 139, do 20 de xullo), desenvolverá o procedemento de selección de persoal licenciado sanitario facultativo especialista de área, previsto no artigo 67 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, consonte unhas novas bases, que serán negociadas coas organizacións sindicais representadas na Mesa Sectorial de Sanidade, de aplicación común e uniforme nas distintas institucións sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia, e que deberán incorporar a solicitude de participación no proceso a través de Fides/expedient-e, a baremación automatizada dos méritos das persoas aspirantes nos mesmos termos que nos restantes procesos de selección fixa e temporal convocados polo organismo e un baremo único e de común aplicación, próximo ao aplicado nos procesos de selección para a cobertura de prazas da mesma categoría, con vínculo fixo.

II. Selección das persoas aspirantes.

A/ Normas xerais.

II.1. Requisitos das persoas aspirantes.

Poderán inscribirse nas listas que se elaboren en aplicación do presente pacto as persoas interesadas que reúnan os seguintes requisitos:

II.1.1. Requisitos comúns:

a) Nacionalidade.

a.1) Ter a nacionalidade española.

a.2) Ser nacional dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea ou nacional dalgún Estado no cal, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

a.3) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o/a cónxuxe dos/das españois e dos/das nacionais dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea e dos/das nacionais dalgún Estado ao cal, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as, sempre que non estean separados/as de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os/as seus/súas descendentes e os/as do seu cónxuxe sempre que non estean separados/as de dereito, sexan menores de 21 anos ou maiores da dita idade dependentes.

b) Idade: ter cumpridos os 16 anos de idade e non exceder a idade de xubilación forzosa.

O cumprimento da idade de xubilación forzosa suporá a baixa inmediata da condición de aspirante na lista.

c) Capacidade funcional: posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do/dos correspondente/s nomeamento/s.

En prol da protección da seguridade e saúde dos/das profesionais e da calidade asistencial, a Administración sanitaria poderá requirir, en calquera momento, da UPRL ou órgano competente, con carácter previo ou no transcurso dalgunha vinculación, a verificación do mantemento da capacidade funcional das persoas aspirantes cando, por razón das ausencias destas no transcurso de vinculacións precedentes ou de calquera outra circunstancia, resulte necesario determinar a súa aptitude para futuros nomeamentos.

Se como resultado da valoración se concluíse que a persoa aspirante non reúne a capacidade funcional necesaria, esta manterase en situación de suspensión de chamamentos na lista da categoría correspondente ata a recuperación do dito requisito. No entanto, a persoa aspirante suspendida poderá solicitar a revisión da súa capacidade funcional, de considerar que se produciu unha mudanza desta, ante o citado órgano.

d) Habilitación: non ter sido separado/a do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores, nin estar inhabilitado/a con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, de ser o caso, para a correspondente profesión.

No caso dos/das nacionais doutro Estado, non encontrarse inhabilitado/a, por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servizos públicos nun Estado membro, nin ser separado/a, por sanción disciplinaria, dalgunha das administracións ou servizos públicos nos seis anos anteriores.

e) Titulación: posuír a titulación que, segundo se fai constar no modelo de instancia, habilita para o exercicio da profesión correspondente ou estar en condicións de obtela na data fin de valoración de requisitos do respectivo proceso de xeración, sen prexuízo do establecido a continuación para a quenda de promoción profesional.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación.

Para o desenvolvemento de actividades que impliquen a manipulación de material ou equipamentos radioactivos con fins médicos, as persoas aspirantes das categorías de enfermeiro/a e técnico/a superior sanitario deberán estar provistas da oportuna licenza de operador concedida polo Consello de Seguridade Nuclear, no campo de aplicación que corresponda.

f) Aboamento das taxas por dereito de 1ª inscrición que, de ser o caso, correspondan.

Para tal efecto, non teñen a consideración de primeira inscrición e, en consecuencia, non xeran a obriga de aboamento de taxa os cambios de área/zona ou do ámbito de prestación de servizos previsto nos puntos II.7, II.8, II.9 e II.10. Os cambios de categoría ou a inscrición posterior na mesma categoría mediando unha renuncia previa obriga ao aboamento de taxas.

II.1.2. Promoción profesional: o persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde poderá acceder pola quenda de promoción profesional a nomeamentos estatutarios temporais dunha categoría do mesmo ou superior nivel de titulación a aquel que posúe, sempre que reúna, ademais dos requisitos indicados no número II.1.1, os seguintes:

– Ter a condición de persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde nunha categoría/especialidade de nivel académico igual ou inferior á que se opta.

– Estar en servizo activo e con nomeamento como persoal estatutario fixo, durante polo menos un ano, na categoría/especialidade de procedencia. Motivadamente, logo de acordo da Comisión Central de Seguimento do Pacto, poderán exceptuarse do cumprimento do requisito de permanencia mínima dun ano na categoría/especialidade de procedencia aquela/s categoría/s en que se produza unha indispoñibilidade de aspirantes que non teña carácter transitorio.

Ao persoal integrado no réxime estatutario seralle computado, para os efectos do prazo previsto no parágrafo anterior, o tempo de servizos prestado como funcionario de carreira ou laboral fixo.

– Posuír a titulación requirida.

De conformidade co previsto no artigo 34.5 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, non se exixirá o requisito de titulación para o acceso ás categorías do artigo 7.2.b) da citada lei, agás que sexa necesaria unha titulación, acreditación ou habilitación profesional específica para o desempeño das novas funcións, sempre que o/a interesado/a prestase servizos durante cinco anos na categoría de orixe e teña a titulación exixida no grupo inmediatamente inferior á categoría á que opta.

II.1.3. Non serán admitidas as solicitudes das persoas que fosen excluídas das listas confeccionadas en aplicación dos pactos do 1 de abril de 1993 (DOG do 13 de abril), do 27 de abril de 1994 (DOG do 12 de maio), do 21 de decembro de 1995 (DOG do 19 de xaneiro de 1996), do 28 de febreiro de 1997 (DOG do 10 de marzo), do 4 de febreiro de 2000 (DOG do 25 de febreiro), do 24 de maio de 2004 (DOG do 1 de xuño) e do 26 de abril de 2011 (DOG do 9 de maio) polas causas de penalización previstas nos citados pactos, agás que dispoñan de autorización expresa para reincorporarse ás listas, nos termos dispostos no punto IV do presente pacto.

II.1.4. O persoal estatutario fixo non poderá inscribirse nas listas de selección temporal da mesma categoría que posúe.

II.2. Quendas de acceso e ámbito de dispoñibilidade.

II.2.1. A selección de persoal estatutario temporal efectuarase, con carácter xeral, a través dunha única lista por categoría e ámbito territorial de dispoñibilidade, coa diferenciación de dúas quendas de acceso: libre e promoción profesional.

Para os efectos do presente pacto e motivado nas particularidades de organización e de funcionamento, a enfermaría da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 operará de forma diferenciada e disporá de lista propia.

II.2.2. As listas elaboraranse, en ambas quendas de acceso, por categoría profesional e ámbito territorial de área sanitaria, agás nos colectivos profesionais de médico/a coordinador/a do 061, médico/a asistencial do 061 e enfermeiro/a do 061, que serán de ámbito autonómico, e naquelas categorías que a Comisión Central de Seguimento acorde que teñan ámbito distinto.

Integrarán cada área sanitaria, para os efectos do presente pacto, os centros, unidades e dispositivos asistenciais dependentes do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade con localización no referido ámbito territorial, nos termos da normativa autonómica sobre estrutura de áreas e ordenación territorial no ámbito sanitario.

II.3. Baremo.

II.3.1. A orde de prelación das persoas aspirantes na lista, en cada unha das quendas de acceso, vén determinada pola puntuación que resulte da aplicación dun baremo que tomará en conta a valoración dos seguintes méritos e na seguinte ponderación:

II.3.1.1. A maior das puntuacións globais obtidas pola persoa aspirante na fase de oposición dos dous últimos procesos selectivos convocados e resoltos polo Servizo Galego de Saúde na categoría a que opta, con independencia da superación ou non desta fase. A puntuación máxima acadable por este concepto será do 60 % da puntuación total do baremo.

Para estes efectos, entenderase como data de finalización do proceso selectivo a data de publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se declara rematada a fase de oposición do respectivo proceso.

Para a asignación de puntuación nesta epígrafe, o/a aspirante debía reunir o requisito de titulación para o acceso á categoría na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación en tal proceso.

En ningún suposto se valorarán puntuacións derivadas da participación en procesos selectivos anteriores á OPE 2006.

O coñecemento da lingua galega por parte das persoas aspirantes que non tivesen participado na última OPE convocada ou que, participando nela, non realizasen a correspondente proba ou obtivesen nesta unha puntuación inferior á máxima posible que se pode acadar neste punto valorarase nesta epígrafe, coa puntuación máxima asignada a tal mérito en OPE, logo de acreditación do seu coñecemento no nivel exixido conforme certificación oficial regulada na Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG núm. 146, do 30 de xullo), segundo modificación efectuada pola Orde do 10 de febreiro de 2014.

II.3.1.2. A experiencia profesional, formación acreditada e outros méritos da persoa aspirante de acordo co baremo utilizado na última convocatoria de selección de persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde, na categoría correspondente. A puntuación máxima acadable nesta epígrafe será do 40 % da puntuación total do baremo.

Na epígrafe de experiencia profesional e sen que se poida superar a puntuación máxima prevista para tal epígrafe no respectivo baremo de selección fixa valorarase a permanencia e efectiva dispoñibilidade das persoas aspirantes nas listas especiais para nomeamentos de curta duración, cunha puntuación de 1,5 puntos por ano ou a que proporcionalmente corresponda, cun máximo de 4,5 puntos.

Ás persoas aspirantes que, durante a vixencia dos pactos sobre selección temporal aprobados polas resolucións do 24 de maio de 2004 e 26 de abril de 2011, figurasen inscritas nas listas especiais para nomeamentos de curta duración (pool) previstas neles valoraráselles o tempo de permanencia e dispoñibilidade acreditada nas citadas listas nos termos previstos no parágrafo anterior.

II.3.2. No suposto de que en data 31 de outubro se tivese publicado, logo de negociación coas organizacións sindicais, un novo baremo para os procesos de selección fixa dentro do organismo, a valoración da experiencia profesional, formación acreditada e demais méritos das persoas aspirantes na xeración de listas que se efectúe coa información que consta en Fides na dita data realizarase consonte este último baremo.

II.3.3. Os empates de puntuación que se puidesen producir resolveranse, en primeiro lugar, a favor das persoas aspirantes que participasen no último proceso selectivo de persoal estatutario fixo convocado polo Servizo Galego de Saúde e, entre eles, a prol do que acadase a maior puntuación na fase de oposición. De persistir o empate, resolverase a favor da persoa que acredite maior puntuación na epígrafe de experiencia profesional, a continuación aplicarase o criterio da maior idade e, en último lugar, a data interna de alta da inscrición en Fides, priorizando a máis antiga.

II.3.4. A Administración, de oficio, en calquera momento, logo de audiencia da persoa interesada, poderá excluír ou rectificar a puntuación asignada a un/unha aspirante e, de ser o caso, a orde de prelación na lista, nos supostos en que se constate, da documentación que integra o expediente, a indebida valoración dalgún/s mérito/s ou requisito ou calquera outro erro. Das rectificacións que se efectúen será informada a Comisión Central de Seguimento do Pacto.

II.3.5. Nas categorías de persoal de xestión e servizos dos subgrupos A1 e A2 e C1 do persoal informático, cando as características da praza obxecto de cobertura así o requiran, poderá realizarse ás persoas aspirantes inscritas na lista unha proba teórica e/ou práctica, co obxecto de acreditar a aptitude do profesional para o desempeño do citado posto.

A convocatoria para realizar a/s dita/s proba/s efectuaraa a dirección-xerencia respectiva. Na determinación das características, contido e modo de execución desta contarase coa participación dos órganos de representación de persoal do respectivo ámbito.

II.4. Procedemento de elaboración de listas.

As listas de selección de persoal estatutario temporal reguladas no presente pacto terán carácter aberto e serán obxecto de actualización anual.

Non obstante, co obxecto de garantir a dispoñibilidade de profesionais nas diversas categorías, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, logo de tratamento na Comisión Central de Seguimento do Pacto, no suposto en que se detecte unha insuficiencia de persoas aspirantes nunha lista, poderá acordar a súa xeración cunha periodicidade distinta á prevista na epígrafe anterior.

II.4.1. Primeira inscrición.

II.4.1.1. Instancia de participación. As persoas interesadas en formar parte das listas deberán cubrir un formulario de inscrición, en modelo normalizado, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es/Oficina Virtual/Expedient-e), que deberán presentar nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Na inscrición farase constar expresamente a/s categoría/as a que opta e ámbito territorial de dispoñibilidade. Con carácter xeral, cada persoa aspirante non poderá solicitar máis dunha categoría e ámbito territorial. Admitirase a inscrición en máis dunha categoría nos termos que se recollen no anexo I do presente pacto.

As persoas aspirantes que accedan pola quenda de promoción profesional poderán inscribirse en calquera área.

Nas listas de ámbito autonómico, agás as correspondentes á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os/as aspirantes poderán indicar a área/s sanitaria/s en que solicitan prestar servizos con carácter preferente. De non concretar ningunha, entenderase que optan por calquera delas.

Nos diversos centros de xestión do organismo facilitaráselles ás persoas interesadas a información e apoio administrativo necesarios para a presentación da solicitude.

II.4.1.2. Tempo. As persoas aspirantes poderán presentar a solicitude de inscrición nas listas en calquera momento, sen suxeición a prazo. En cada proceso anual de xeración de listas que se efectúe incluiranse as solicitudes e méritos que consten rexistrados en Fides/expedient-e en data 31 de outubro.

II.4.2. Rexistro e acreditación de requisitos e méritos.

As persoas aspirantes deberán rexistrar no sistema de información Fides/expedient-e os requisitos de participación e méritos que posúan e acreditalos documentalmente, ante unha unidade de validación das relacionadas no propio formulario de inscrición, mediante orixinal, copia compulsada ou na forma establecida, para cada mérito, no último proceso de selección fixa convocado polo Servizo Galego de Saúde para o acceso á categoría.

Verificada a citada documentación, validarase en Fides/expedient-e.

Non será necesaria a acreditación documental dos requisitos e méritos que aparezan validados no sistema de información Fides/expedient-e. Non obstante, a Administración en calquera momento poderá requirirlle á persoa aspirante a acreditación documental de calquera requisito ou mérito aínda que conste validado.

En cada xeración de listas que se efectúe os requisitos de participación irán referidos ao 31 de outubro. Tales requisitos deberá mantelos o/a aspirante ata a formalización, de ser o caso, do oportuno nomeamento.

Os méritos que se deberán valorar serán os causados ata o día 15 de outubro, este incluído, que consten debidamente rexistrados en Fides/expedient-e e acreditados documentalmente pola persoa interesada en 31 de outubro.

A falta de acreditación por parte da persoa interesada do cumprimento dos requisitos de admisibilidade consignados na solicitude de inscrición, na forma e tempo expostos, así como a consignación de datos falsos nela, suporá a perda do dereito a figurar inscrita na lista correspondente, sen prexuízo das demais responsabilidades que procedesen.

Os requisitos e méritos que non consten rexistrados en Fides/expedient-e na data fin de cada proceso de xeración non serán tidos en consideración para ese proceso.

II.4.3. Aspirantes admitidos/as na lista anterior da mesma categoría.

As persoas aspirantes que figuren na relación definitiva de admitidos/as dunha categoría na última lista en vigor elaborada a través de Fides/expedient-e e non desexen efectuar ningunha modificación nas condicións de participación no proceso anterior non terán a obriga de formalizar unha nova inscrición para resultar admitidas na seguinte xeración de listas que se efectúe.

Se a persoa aspirante desexa efectuar algunha modificación nas condicións de participación no último proceso, deberá efectuar esta a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e) no formulario de inscrición habilitado para o efecto (inscrición editable).

Só no suposto de que a modificación introducida requira a presentación de documentación, do cal se advertirá pola aplicación informática, o/a aspirante virá obrigado/a a presentar a solicitude nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 38 da Lei 30/1992.

As modificacións introducidas producirán efectos na seguinte xeración de listas que se efectúe.

As persoas aspirantes poderán actualizar os seus méritos na forma e prazos que se indican no punto II.4.2.

II.4.4. Xeración e publicación de listas.

Coa información que conste en Fides expedient-e en data 31 de outubro de cada ano elaboraranse e publicaranse na páxina web do Servizo Galego de Saúde as listas de aspirantes a nomeamentos temporais nas diversas categorías.

Se con posterioridade ao 31 de outubro e antes da publicación da lista definitiva de baremación de cada categoría tivese finalizado a fase de oposición dun proceso de selección fixa convocado polo Servizo Galego de Saúde, na xeración de listas que se efectúe teranse en conta, para valorar a maior das puntuacións obtidas nos dous últimos procesos selectivos convocados polo Servizo Galego de Saúde, os resultados deste novo proceso.

A Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde anunciará no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web do organismo, a publicación das listas e a súa data de efectos, e manteranse vixentes ata a dita data as listas inmediatamente anteriores. O citado anuncio conterá, ademais, referencia expresa aos recursos que procede interpor, órgano competente para o seu coñecemento e prazos de interposición e resolución.

Con carácter xeral, entre a publicación da lista definitiva actualizada e a vixente inmediatamente anterior non mediará máis dun ano.

II.4.5. Modificacións sobrevidas durante o período de vixencia dunha lista.

II.4.5.1. Co fin de promover a conciliación da vida laboral e familiar e con base en circunstancias debidamente acreditadas e sobrevidas con posterioridade á data fin de inscrición en cada proceso de xeración, as persoas aspirantes poderán solicitar o cambio de área de prestación de servizos. Comprobada a concorrencia das ditas circunstancias pola Comisión Central de Seguimento do Pacto, o cambio na lista definitiva producirá efecto na xestión dos chamamentos, nun prazo non superior a 15 días desde a data da resolución que o autorice. Na páxina web do Servizo Galego de Saúde informarase dos acordos adoptados.

II.4.5.2. O persoal estatutario fixo de novo ingreso en virtude do remate dun proceso selectivo convocado polo Servizo Galego de Saúde será dado de baixa automaticamente como aspirante a nomeamentos temporais na categoría en que adquire a condición de persoal estatutario fixo, ao finalizaren os prazos de toma de posesión da praza adxudicada.

O persoal estatutario fixo incluído nunha lista de promoción profesional temporal que se incorpore a un novo destino con ocasión dun concurso de traslados ou dun proceso selectivo a través da quenda de promoción profesional poderá solicitar, durante o prazo de toma de posesión, a súa inclusión nas listas de promoción temporal da área de destino, na mesma categoría en que figuraba inscrito. O cambio de área producirá efectos desde a finalización dos prazos de toma de posesión.

II.4.5.3. A modificación de datos persoais poderá efectuala en calquera momento a persoa aspirante, e producirá efectos na xestión das listas desde o día seguinte á data de modificación.

II.4.5.4. As persoas aspirantes poderán renunciar a unha inscrición vixente mediante solicitude escrita dirixida á mesma unidade de validación da inscrición e que deberán presentar nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

II.4.6. Novas categorías e reordenación.

II.4.6.1. No suposto de creación dunha categoría de persoal estatutario, a selección de persoas aspirantes a nomeamentos temporais na respectiva categoría axustarase ao réxime previsto no presente pacto, nos termos do disposto no respectivo decreto de creación.

O baremo de aplicación será o previsto no punto II.3 coas adaptacións que, de ser o caso, resulte necesario introducir logo de negociación delas no seo da Comisión Central de Seguimento do Pacto.

II.4.6.2. De producirse reclasificacións profesionais como consecuencia de reordenacións organizativas e asistenciais, que afecten categorías previamente ofertadas na selección temporal e que impliquen a desaparición da anterior categoría, ou ben a súa reconversión noutra diferente, garántese o dereito das persoas aspirantes a formar parte das listas de selección temporal da nova categoría en que aquela ou aquelas se reclasifiquen, no ámbito territorial afectado pola reordenación, desde a data de efectos desta e ata a seguinte xeración de listas.

No suposto anterior e para os efectos da valoración de méritos, os servizos prestados na categoría de orixe polas persoas aspirantes que voluntariamente decidan formar parte das listas da nova categoría serán valorados, de ser o caso, como prestados na nova categoría na que se integran.

II.5. Indispoñibilidade transitoria de aspirantes.

II.5.1. No suposto de indispoñibilidade de aspirantes nunha determinada categoría, e ata a seguinte xeración de listas que se efectúe segundo o disposto no punto II.4.4 do presente pacto, acudirase á utilización de listas das áreas de xestión máis próximas.

Para os efectos do previsto no parágrafo anterior, considéranse áreas de xestión máis próximas as que se determinan, respecto de cada área concreta, no respectivo modelo de solicitude.

As persoas aspirantes poderán facer constar nos formularios de solicitude e inscrición na lista a súa dispoñibilidade para prestar servizos, a xornada completa, fóra da área orixinaria de adscrición, conforme unha orde de prelación.

A prestación de servizos a tempo parcial fóra da área orixinaria de adscrición será voluntaria para o/a aspirante.

II.5.2. Así mesmo, serán subsidiarias entre si para os efectos da formalización de nomeamentos, nos supostos de indispoñibilidade transitoria de aspirantes nunha das categorías na área de referencia e áreas limítrofes, as listas de persoas aspirantes das categorías que se detallan no anexo II deste pacto.

B/ Disposicións especiais.

II.6. Áreas sanitarias con zonificacións, de opción preferente, para a prestación de servizos.

A cobertura das necesidades de vinculación de persoal das diferentes categorías que se produzan indistintamente nos ámbitos de atención primaria-especializada da zona de Barbanza, Cee e Verín, efectuarana, con carácter preferente, aquelas persoas aspirantes que, figurando inscritas, respectivamente, nas áreas sanitarias de Santiago de Compostela, A Coruña e Ourense, manifesten a súa opción de preferencia para nomeamentos temporais nos referidos ámbitos.

Para tal efecto, nas listas que se elaboren nas áreas indicadas farase constar a relación de aspirantes que exerceron a dita opción.

As persoas aspirantes que, figurando inscritas nas listas das áreas de Santiago de Compostela, A Coruña e Ourense, non tivesen manifestado a súa opción de preferencia para a prestación de servizos en Barbanza, Cee e Verín, respectivamente, poderán ser chamadas para a formalización de nomeamentos nos referidos ámbitos, nos supostos de indispoñibilidade de aspirantes coa dita opción.

Así mesmo, as persoas aspirantes que tivesen manifestado a opción de preferencia polas zonificacións arriba indicadas poderán ser chamadas para a formalización de calquera nomeamento dentro da área respectiva e fóra do ámbito de opción, no mesmo suposto de indispoñibilidade de aspirantes.

Para os efectos do presente pacto, o ámbito territorial de cada zonificación coincidirá co previsto na normativa autonómica sobre estrutura de áreas e ordenación territorial no ámbito sanitario.

No suposto de que concorran necesidades organizativas e/ou asistenciais que así o demanden, poderán configurarse outras zonificacións distintas das previstas na presente cláusula, logo do seu tratamento na Comisión Central de Seguimento do Pacto.

II.7. Áreas especiais.

II.7.1. A cobertura das necesidades de vinculación de duración non superior a 60 días como enfermeiro/a nas áreas de UCI-reanimación-queimados, hemodinámica-electrofisioloxía-radioloxía intervencionista, UCI pediátrica, quirófanos, hemodiálise, transplantes, hospital de día onco-hematolóxico, hospital de día onco-pediátrico, prematuros-neonatos, servizos de transfusión, unidades de hospitalización de transplante de precursores hematopoéticos, técnicas endoscópicas e urxencias hospitalarias, así como de técnico/a superior de anatomía patolóxica e citoloxía na área de citodiagnóstico, técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico nas unidades de TAC e resonancia magnética, técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría adscrito/a ás unidades de saúde mental, quirófanos e esterilización e celador/a de quirófano efectuarana, con carácter preferente, os/as aspirantes admitidos/as na lista da correspondente área especial.

Así mesmo, terán a consideración de área especial, cos requisitos do parágrafo precedente, a Unidade de Fraccionamento da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, para a categoría de técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico, a Unidade de Hemodoazón e Aférese da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos para as categorías de médico/a de familia e enfermeiro/a e as unidades móbiles de resonancia magnética de Galaria para a categoría de técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico.

Para resultar admitido nas ditas listas, as persoas aspirantes deberán, ademais de reunir os requisitos previstos no punto II.1.1, facer constar na solicitude de inscrición e acreditar nos termos exixidos no presente pacto unha experiencia profesional mínima de dous meses, na/nas referida/s áreas e categoría, dentro do Sistema nacional de saúde e/ou formación práctica específica na categoría e área/s solicitada/s, impartida polo Servizo Galego de Saúde.

Non é necesaria a acreditación documental por parte do/da aspirante do requisito de formación práctica específica impartida polo Servizo Galego de Saúde.

Aqueles/as aspirantes que, tendo solicitado a través de Fides/expedient-e a inscrición nunha área especial, non acheguen a documentación xustificativa do cumprimento dos requisitos exixidos para resultar admitidos/as nesta lista nos termos deste pacto só resultarán admitidos/as na lista xeral.

II.7.2. A formación práctica prevista no punto anterior impartiraa o Servizo Galego de Saúde conforme o procedemento e instrucións que, en desenvolvemento do presente pacto, se elaboren no seo da Comisión Central de Seguimento do Pacto.

Poderán equipararse á formación práctica específica impartida polo Servizo Galego de Saúde determinadas titulacións académicas en que a formación práctica estea incluída no programa curricular da propia titulación, logo de informe favorable da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e o acordo da Comisión Central.

II.7.3. Nas listas que se elaboren correspondentes ás categorías indicadas farase constar de forma diferenciada a relación de persoas aspirantes que acreditaron tales méritos e área de acreditación.

II.7.4. A inclusión doutras áreas especiais distintas ás previstas nos parágrafos anteriores requirirá o acordo da Comisión Central de Seguimento do Pacto.

II.8. Nomeamentos de curta duración (pool).

Nas categorías de enfermeiro/a, técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, celador/a e pinche e as demais que se determinen por acordo da Comisión Central de Seguimento do Pacto, poderán elaborarse listas específicas para nomeamentos de curta duración co obxecto de dar cobertura ás necesidades de persoal estatutario producidas como consecuencia de ausencias de carácter urxente e non programado, de duración non superior a 4 días.

As listas elaboraranse por centro ou complexo agás na categoría de enfermeiro/a. Nesta última categoría confeccionaranse dúas listas por área sanitaria e, de ser o caso, zonificación, para a prestación de servizos, respectivamente, nos centros de atención primaria e especializada comprendidos no citado ámbito territorial.

As persoas interesadas na formalización de tales nomeamentos deberán facelo constar na respectiva solicitude de inscrición indicando o ámbito de prestación de servizos polo cal optan nos termos que se sinalan no parágrafo anterior. Cada persoa aspirante só poderá inscribirse nunha lista de curta duración.

Os centros ou complexos interesados nas ditas listas, logo do seu tratamento na Xunta de Persoal da área respectiva, farán a oportuna proposta á comisión central de seguimento do pacto, que resolverá sobre a súa pertinencia e o número de aspirantes que proceda incluír, en atención ás circunstancias concorrentes e ás necesidades reais de vinculación manifestadas por aqueles.

A inscrición nestas listas é incompatible coa inscrición en listas de área especial.

II.9. Nomeamentos a tempo parcial.

As persoas interesadas que soliciten a inclusión nas listas reguladas no presente pacto deberán facer constar no espazo habilitado para o efecto no modelo de instancia previsto na cláusula II.4.1, a voluntaria aceptación ou non ás ofertas de nomeamentos a tempo parcial que poidan xurdir na categoría e ámbito respectivo.

En defecto de consignación expresa, entenderase que a persoa aspirante non acepta voluntariamente a formalización do dito tipo de nomeamentos.

II.10. Vinculacións de curta duración no ámbito da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061.

A cobertura das necesidades de vinculación de persoal de enfermaría na Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, de duración previsible non superior a 60 días, efectuarana, con carácter preferente, aquelas persoas aspirantes que, inscritas na lista do dito ámbito, fagan constar na solicitude de inscrición e acrediten, nos termos exixidos no presente pacto, unha experiencia profesional mínima de 2 meses no Sistema nacional de saúde, como enfermeiro/a nas áreas de urxencias e emerxencias extrahospitalarias tipo SEM, urxencias extrahospitalarias, urxencias hospitalarias, UCI ou reanimación e/ou formación práctica específica, nas referidas áreas, impartida polo Servizo Galego de Saúde e debidamente acreditada.

Poderán equipararse á formación práctica específica impartida polo Servizo Galego de Saúde determinadas titulacións académicas, logo de informe favorable da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e acordo da Comisión Central de Seguimento do Pacto.

Para tal efecto, nas listas que se elaboren no citado ámbito farase constar de forma diferenciada a relación de persoas aspirantes que acreditaron o/os indicado/s mérito/s.

III. Xestión de chamamentos.

A/ Normas xerais.

III.1. Órgano competente.

III.1.1. Con carácter xeral, a xestión dos chamamentos das persoas aspirantes levaraa a cabo a dirección de Recursos Humanos das xerencias de xestión integrada do respectivo ámbito territorial, logo de determinación das necesidades de vinculación efectuada polos órganos de dirección dos distintos centros e entidades.

A dita atribución competencial enténdese sen prexuízo das adaptacións que resulte necesario efectuar respecto dela ao abeiro dos decretos de estrutura e ordes de delegación de competencias vixentes en cada momento.

III.1.2. Como excepción, nas listas de ámbito autonómico correspondentes ás categorías de médico/a coordinador/a do 061, médico/a asistencial do 061 e enfermeiro/a do 061, os chamamentos efectuaraos a dirección da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

III.2. Orde de chamamentos.

Os chamamentos efectuaranse seguindo rigorosamente a orde de puntuación acreditada polas persoas aspirantes en cada ámbito, sen prexuízo dos supostos de suspensión e as disposicións especiais previstas na cláusula III.B do presente pacto.

Nos supostos de listas de ámbito autonómico, excepto as correspondentes á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os chamamentos efectuaranse, en primeiro lugar, entre os aspirantes que seleccionasen como área sanitaria de opción preferente aquela en que se produce a necesidade da concreta vinculación. En segunda volta, o chamamento efectuarase por rigorosa orde de prelación na lista, con independencia da opción de preferencia manifestada polo/a aspirante.

A fomalización de nomeamentos de interinidade en praza vacante ou calquera outro de duración inicial previsible igual ou superior ao ano, a xornada completa, ofertarase, en todo caso, á persoa que acredite a maior puntuación na lista da área sanitaria ou ámbito territorial que corresponda, con independencia de que aquela estea vinculada, ao tempo do chamamento, por outro nomeamento estatutario temporal, a xornada completa, sempre que este sexa de duración inferior ao ano, ou a tempo parcial, calquera que sexa a súa duración.

Ás persoas aspirantes admitidas en listas compatibles que estean vinculadas por un nomeamento de longa duración nunha destas categorías ofertaránselles os vínculos de longa duración de categoría compatible do mesmo ou superior nivel de clasificación.

Como excepción, as persoas aspirantes inscritas nas listas de enfermeiro/a e enfermeiro/a da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, encontrándose vinculadas por un nomeamento de longa duración nunha destas categorías, renuncie a unha oferta de vínculación de longa duración para o desempeño de servizos na outra categoría de inscrición, permanecerá como indispoñible para sucesivas ofertas nesta última ata a finalización do seu vínculo.

Así mesmo, e como excepción ao establecido con carácter xeral neste pacto respecto da suspensión de chamamentos, no suposto de maternidade, adopción legal e suspensión por risco durante o embarazo, a persoa aspirante será chamada para formalizar nomeamentos de previsible longa duración aos cales teña dereito segundo a orde de prelación acadada na correspondente lista, ben que o vínculo se formalizará unha vez que finalice o período que deu lugar á causa de suspensión, nos termos legalmente previstos.

A persoa aspirante que resulte chamada para formalizar vínculos de carácter temporal deberá reunir, na data de formalización de cada nomeamento, os requisitos exixidos na cláusula II.1.1 do presente pacto.

III.3. Realización e aceptación do chamamento.

O chamamento das persoas aspirantes realizarase mediante comunicación telefónica rexistrada que deixará constancia da data e das horas en que se efectúa, o obxecto da chamada así como a identidade da persoa que a realiza.

Mediante dilixencia para o efecto, a persoa que efectúe o chamamento fará constar a identidade da persoa receptora da chamada, de ser distinta da persoa aspirante.

Nos chamamentos de carácter urxente efectuaranse dúas chamadas. Se realizadas estas non se tivese contactado coa persoa aspirante, poderán seguirse os chamamentos pola orde correspondente.

Nos restantes chamamentos en que medie un prazo de antelación suficiente á data de inicio do vínculo, efectuaranse un mínimo de tres chamadas, nas cales se procurará que o intervalo entre cada unha delas non sexa inferior a 15 minutos. A realización das ditas chamadas sen que fose posible a localización da persoa aspirante habilitará para continuar os chamamentos pola orde correspondente. Nestes supostos, se o chamamento se efectúa cunha antelación inferior a 3 horas ao inicio da prestación de servizos, a aceptación será voluntaria para o/a aspirante en primeiro chamamento e obrigatoria en segundo chamamento.

Con carácter xeral, a persoa aspirante localizada deberá comunicar a aceptación do nomeamento proposto no momento do chamamento, agás en supostos excepcionais en que, a criterio do órgano que efectúe o chamamento e sempre que medie un prazo de antelación suficiente ao inicio da vinculación, o dito prazo poida ser ampliado.

A falta de confirmación pola persoa aspirante nos prazos indicados, así como o rexeitamento ao nomeamento proposto, sen causa xustificada, penalizaranse nos termos dispostos na cláusula IV do presente pacto.

O/s teléfono/s que figure/n no sistema informático expedient-e profesional consideraranse os únicos válidos para efectos de chamamentos, e serán responsabilidade exclusiva da persoa solicitante os erros na consignación destes e a comunicación de calquera cambio que se produza nos ditos datos.

O persoal das unidades responsables de efectuar os chamamentos informarán as persoas aspirantes sobre as características e condicións das vinculacións que se ofrecen.

III.4. Suspensión de chamamentos.

III.4.1. Réxime xeral.

III.4.1.1. Causas. Poderá solicitarse a suspensión de chamamentos, sen penalización, nos seguintes supostos:

a) Maternidade, paternidade e adopción legal nunha duración equivalente ao período legalmente establecido para as ditas situacións.

b) Coidado de fillos/as menores de 12 anos ou familiares ao seu cargo, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non poidan valerse por si mesmos e non desempeñen actividades retribuídas e demais supostos previstos na lexislación vixente en materia de igualdade, prevención da violencia de xénero e conciliación da vida persoal, familiar e profesional, de aplicación ao persoal ao servizo das administracións públicas.

c) Enfermidade da persoa aspirante, debidamente acreditada por parte médico emitido por facultativo do Sistema público de saúde en que se determine a incapacidade daquela para o desempeño de actividade laboral e nunha duración máxima equivalente á prevista na normativa legal para a situación de incapacidade temporal.

d) Exercicio de funcións de representación sindical ou cargo público representativo.

e) Matrimonio ou unión de feito en análoga relación de afectividade, debidamente acreditados mediante documento público.

f) Desenvolvemento dunha praza ou posto de traballo, mediante contrato laboral ou nomeamento administrativo; deberá achegarse copia destes.

g) Participación en programas de cooperación internacional debidamente autorizados ao servizo de organizacións de cooperación internacional.

h) Por asistencia, debidamente xustificada, a cursos académicos oficiais.

i) Calquera outra causa, de entidade suficiente, que se considere oportuna a criterio da Comisión Central de Seguimento do pacto.

III.4.1.2. Acreditación: a persoa aspirante en quen concorra algunha das causas de suspensión previstas na cláusula anterior deberá comunicar e acreditar debidamente a súa concorrencia ante o órgano competente para efectuar o chamamento, no momento en que se produza a circunstancia alegada; en todo caso, con anterioridade á formalización do oportuno nomeamento.

III.4.1.3. Prazo. A suspensión de chamamentos manterase ata que a persoa interesada comunique a súa dispoñibilidade alegando o remate da causa de suspensión e sexa aceptada a súa reposición na lista.

Para tal efecto, a persoa interesada deberá presentar solicitude de reposición ante o órgano competente para efectuar o chamamento.

As reposicións en lista derivadas das solicitudes presentadas entre o día 1 e 15 de cada mes activaranse con efectos do día 1 do mes seguinte e as presentadas entre o día 16 e o último día de cada mes faranse efectivas o día 15 do mes seguinte.

Informarase a respectiva Comisión Periférica ou Central de Seguimento do Pacto, en función do ámbito do chamamento, das suspensións e reposicións na lista que se acorden.

III.4.2. Suspensión de chamamentos de reactivación automática.

Como excepción ao réxime xeral, constitúen motivos de suspensión de chamamentos, por solicitude da persoa aspirante, sen penalización e de reactivación automática, os seguintes:

1. Falecemento de familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

Duración da suspensión: á opción da persoa aspirante, ata un máximo de 3 días naturais contados desde o feito causante, este incluído.

Acreditación: acreditarase tal circunstancia mediante:

– Documento xustificativo do falecemento.

– O grao de parentesco acreditarase co libro de familia ou documento que o substitúa, certificación do rexistro civil ou ben coa inscrición en calquera rexistro público que acredite o feito causante.

2. Hospitalización por enfermidade grave de familiar ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade.

Duración da suspensión: á opción da persoa aspirante, ata un máximo de 3 días naturais contados desde o feito causante, este incluído.

Acreditación: acreditarase tal circunstancia mediante:

– Documento xustificativo da hospitalización.

– O grao de parentesco acreditarase co libro de familia ou documento que o substitúa, certificación do rexistro civil ou ben coa inscrición en calquera rexistro público que acredite o feito causante.

3. Cumprimento dun deber público inescusable.

O deber inescusable deber ser personalísimo, sen posibilidade de execución por medio de representante ou substituto ou noutra data distinta.

Para estes efectos, enténdese por deber inescusable de carácter público:

– A comparecencia obrigatoria por citación instada por órganos xudiciais ou calquera outro organismo oficial.

– A integración dunha mesa electoral.

– A asistencia a reunión dos órganos de goberno ou comisións derivados dun cargo electivo.

– Calquera outra obriga cuxo incumprimento xere ao/á interesado/a unha responsabilidade de orde civil, penal ou administrativa.

Duración: o día correspondente ao exercicio da actividade inescusable.

Acreditación: acreditarase tal circunstancia mediante orixinal ou copia compulsada da citación ou convocatoria do órgano xudicial, órgano administrativo, órgano de goberno ou calquera outro órgano oficial de que se trate ou das comisións dependentes deles. Se é o caso, documento acreditativo da integración dunha mesa electoral.

4. Consulta médica nun centro de atención especializada do Servizo Galego de Saúde do/da aspirante, fillos/as menores de idade e persoas maiores ao seu cargo. Para estes efectos, considéranse persoas maiores a cargo da persoa aspirante os/as familiares de primeiro grao que, pola súa idade ou estado de saúde, non se poidan valer por si mesmos para acudir á consulta.

Duración: o día da consulta.

Acreditación: acreditarase tal circunstancia mediante o documento xustificativo do centro sanitario acreditativo de presenza neste do suxeito causante na data da suspensión e o grao de parentesco do solicitante da suspensión con aquel.

5. A concorrencia a exames de probas selectivas de persoal convocadas polas administracións públicas ou exames liberatorios de titulacións académicas oficiais.

Duración: o día do exame.

No suposto de probas selectivas ou exames liberatorios de titulacións académicas oficiais que se realicen fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, á opción da persoa aspirante, ata un máximo de dous días naturais, un deles o correspondente á realización do exame.

Acreditación: acreditarase tal circunstancia mediante certificación orixinal asinada polo órgano convocante en que se faga constar a asistencia do aspirante á proba.

6. Por asuntos propios sen xustificación, por unha soa vez ao ano e cunha duración máxima de 30 días naturais. Esta suspensión deberá solicitarse cunha antelación mínima de 15 días á data da súa efectividade, a súa autorización queda condicionada á existencia de suficientes aspirantes dispoñibles na lista e en ningún caso poderá abranguer o período estival, Nadal e Semana Santa.

7. Efectos comúns: nestes supostos, a reincorporación na lista da persoa aspirante producirase de forma automática, segundo o suposto, ao día seguinte da finalización da duración prevista para cada unha das causas de suspensión.

A persoa aspirante en que concorra algunha das causas de suspensión previstas nos parágrafos anteriores deberá comunicar e acreditar a súa concorrencia na forma exposta segundo o suposto ante o órgano competente para efectuar o chamamento, no prazo máximo de catro días hábiles contados desde a data do feito causante.

A falta de acreditación no prazo e forma expostos determinará a aplicación do réxime xeral de reincorporación na lista previsto no punto III.4.1.3 do pacto, e poderase revogar o eventual nomeamento que, de ser o caso, se tivese producido entre o remate do prazo de suspensión e a finalización do prazo de acreditación documental deste, sen que tal acreditación se producise ou esta se efectuase incorrectamente.

III.4.3. Extensión de efectos. A suspensión de chamamentos estenderase a todas as listas en que figure inscrita a persoa aspirante.

Como excepción, as persoas aspirantes que, figurando inscritas nas listas especiais de curta duración previstas no punto II.8 do presente pacto, acrediten a concorrencia sobrevida do suposto recollido no punto III.4.1.a) poderán solicitar a suspensión de chamamentos sen penalización para nomeamentos de curta duración, e manteranse como dispoñibles para nomeamentos correspondentes á lista xeral da respectiva categoría.

III.4.4. Sen prexuízo do disposto nos puntos III.4.1 e III.4.2 e co obxecto de garantir o normal funcionamento das institucións, a Administración poderá limitar temporalmente a autorización de novas suspensións nos supostos de indispoñibilidade transitoria de aspirantes nunha concreta categoría ou ámbito territorial determinado.

Así mesmo, con carácter excepcional, de constatarse unha situación de indispoñibilidade de aspirantes nunha determinada categoría ou ámbito territorial, poderá suspenderse a aplicación do prazo de activación na lista previsto na norma III.4.1.3.

III.5. Formalización do nomeamento e período de proba.

III.5.1. A Administración, a través do órgano competente, expedirá a favor da persoa aspirante que acepte o chamamento o oportuno nomeamento estatutario na modalidade que corresponda conforme a normativa vixente e que determinará a integración do profesional nomeado no réxime organizativo e de funcionamento interno do centro ou unidade en que desenvolverá a súa actividade.

III.5.2. Nos nomeamentos que se expidan estipularase un período de proba para o persoal estatutario temporal, nos termos do artigo 33.2 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, pola que se aproba o Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, durante o cal será posible a resolución da relación estatutaria por instancia de calquera das partes.

Cando unha persoa aspirante sexa cesada pola non superación do período de proba que no nomeamento se estipule, observarase o disposto na cláusula IV.2 do presente pacto.

Estarán exentas do período de proba as persoas aspirantes que xa o tivesen superado con ocasión dun anterior nomeamento temporal para realizar funcións das mesmas características no Servizo Galego de Saúde e nos dous anos anteriores á expedición do novo nomeamento.

III.6. Revogación de nomeamentos.

De constatarse un erro material ou de feito no chamamento e posterior vinculación en favor dunha persoa que pola súa orde de puntuación non lle corresponde, no prazo dos quince días seguintes ao inicio da vinculación, revogarase o nomeamento expedido.

Así mesmo, constituirá causa de revogación do nomeamento que se expida a falta de incorporación efectiva do profesional ao desenvolvemento das funcións propias do posto para o cal foi designado.

B/ Disposicións especiais.

III.7. Promoción profesional.

En cada categoría e área, o 50 % dos nomeamentos estatutarios de interinidade en praza vacante e demais que se estimen, inicialmente, de duración igual ou superior a 2 meses, que resulte necesario formalizar, expediranse a favor das persoas aspirantes que figuren admitidas pola quenda de promoción profesional.

Motivadamente, logo de acordo da Comisión Periférica de Seguimento do Pacto, poderá autorizarse a formalización de nomeamentos de duración inferior a 2 meses a persoas admitidas pola dita quenda, naquela/s categoría/s en que se produza unha indispoñibilidade de aspirantes na quenda de acceso libre, na correspondente área e áreas limítrofes, e que non teña carácter transitorio.

Os chamamentos efectuaranse, en cada ámbito e categoría, seguindo rigorosamente a orde de puntuación acreditada, sen prexuízo dos supostos de suspensión previstos na cláusula III.4 do presente pacto.

III.8. Áreas especiais.

O chamamento para tales áreas efectuarase seguindo a orde de prelación da lista e a favor das persoas que acrediten a experiencia e/ou formación requiridas no punto II.7 do presente pacto.

Só poderán efectuarse chamamentos ao abeiro da presente epígrafe para o desenvolvemento de funcións nas áreas que se indican no punto II.7 do presente pacto e sempre que quede debidamente xustificada a necesidade da súa cobertura por profesional que acredite experiencia e/ou formación no citado ámbito.

En todo caso, excluirase de tal sistema a cobertura das prazas vacantes e as substitucións dunha duración previsible superior a 60 días, que se proverán na forma ordinaria.

A cobertura das necesidades de área especial será prioritaria.

III.9. Nomeamentos de curta duración (pool).

O chamamento das persoas aspirantes incluídas nas listas especiais para nomeamentos de curta duración previstas na cláusula II.8 do presente pacto levaraa a cabo o órgano da estrutura de Xestión Integrada, con competencias en materia de recursos humanos, que determine a respectiva xerencia, seguindo rigorosamente a orde de puntuación acadada por aquelas e de forma rotatoria entre as persoas que figuren como titulares na lista correspondente.

Cada nomeamento que se expida a favor das persoas aspirantes incluídas nas citadas listas non poderá exceder os catro días. O número máximo total de días de vinculación por persoa aspirante e mes non será superior a doce.

A incorporación da persoa aspirante a unha lista especial para nomeamentos de curta duración non impedirá o seu chamamento para as vinculacións de duración igual ou superior a tres meses que lle correspondan pola orde de prelación que ocupen na lista ordinaria.

O chamamento para nomeamentos a tempo parcial efectuarase con carácter preferente entre aqueles/as aspirantes admitidos/as nas listas de curta duración que tivesen manifestado voluntariamente a súa dispoñibilidade para este tipo de vinculacións.

III.10. Nomeamentos a tempo parcial.

1. O chamamento para formalizar nomeamentos a tempo parcial nos centros e institucións do Servizo Galego de Saúde efectuarase a favor das persoas aspirantes que manifestasen expresamente, nos termos da cláusula II.9 do presente pacto, a súa opción de dispoñibilidade á formalización do dito tipo de vínculos. Nos chamamentos que se efectúen respectarase a orde de puntuación das persoas aspirantes.

O rexeitamento, sen causa xustificada, á proposta de nomeamento efectuada penalizarase nos termos dispostos no punto IV.1 do presente pacto.

2. Nos supostos de indispoñibilidade de profesionais con opción voluntaria á formalización de nomeamentos a tempo parcial, os chamamentos efectuaranse entre as persoas aspirantes que figuren inscritas na lista da respectiva categoría, con independencia da opción formulada e seguindo rigorosamente a orde de puntuación. A renuncia ao nomeamento proposto penalizarase nos termos do apartado IV do presente pacto.

III.11. Vinculacións de curta duración no ámbito da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

O chamamento para prestar servizos como enfermeiro/a na Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mediante nomeamentos de duración previsible non superior a 60 días efectuarase, con carácter preferente, a favor das persoas aspirantes que, por rigorosa orde de prelación, tivesen acreditado a experiencia e/ou formación requiridas no punto II.10 do presente pacto.

IV. Réxime de penalizacións.

IV.1. Por renuncia ao nomeamento.

Será penalizada, pasando ao cabo da lista da súa categoría, a persoa aspirante que renuncie por primeira vez a unha oferta de vinculación ou nomeamento xa formalizado na área de inscrición ou en área/s limítrofe/s, nos supostos de indispoñibilidade transitoria de aspirantes.

No caso de concorrer unha segunda renuncia, será penalizada coa exclusión da citada lista.

A penalización acordada por un ou outro motivo, que se estenderá a todas as listas en que figure admitida a persoa aspirante na respectiva categoría, terá unha duración dun ano, contado desde que a medida se fai efectiva, e será notificada á persoa aspirante e á respectiva Comisión Periférica de Seguimento do Pacto.

O réxime de penalización previsto nos parágrafos anteriores aplicarase, así mesmo, ás persoas aspirantes que, no prazo que se indica na cláusula III.3, non comuniquen a aceptación da proposta de nomeamento ou non atendan dez ou máis chamadas para oferta de vinculación/s realizadas no intervalo de 30 días naturais, contados desde o día seguinte a aquel en que se efectúe a primeira chamada non atendida.

IV.2. Pola non superación do período de proba.

Cando unha persoa aspirante sexa cesada pola non superación do período de proba que no nomeamento se estipule, quedará automaticamente excluída da lista.

A Comisión Periférica de Seguimento do Pacto poderá, motivadamente, revisar a aplicación de tal medida de exclusión naqueles supostos en que, polas circunstancias concorrentes, se considere oportuno, así como acordar as medidas adicionais que se consideren convenientes.

Os centros sanitarios deberán comunicar á Comisión Periférica de Seguimento do Pacto, no prazo dos dez días seguintes, os cesamentos que se produzan por tal motivo, e de existiren, as circunstancias que razoablemente motiven a revisión da medida de exclusión prevista no parágrafo primeiro.

Nos supostos de cesamento por non superación do período de proba en que se teña manifestado unha falta de pericia do profesional na realización de técnicas ou tarefas básicas da categoría para a que resultou nomeado, a Dirección do centro poderá ofrecer á persoa interesada a realización dun ciclo de prácticas tuteladas, e deberá informar da súa realización e dos resultados desta á respectiva Comisión Periférica de Seguimento do Pacto, para os efectos do disposto no parágrafo segundo da presente cláusula.

IV.3. Por incumprimento grave.

IV.3.1. Na condición de aspirante en lista. Serán excluídas definitivamente da lista as persoas aspirantes que incorresen en incumprimentos graves derivados da súa calidade de persoa aspirante inscrita na lista da categoría correspondente.

Para tales efectos, considérase incumprimento grave, ademais das condutas tipificadas como faltas graves e moi graves na Lei 55/2003, do 16 de decembro, pola que se aproba o Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, calquera outra que puidese ser constitutiva dun ilícito penal ou infracción administrativa grave ou moi grave dirixidos a modificar a posición da persoa aspirante na lista ou a xerar indebidamente o dereito a figurar inscrita nela.

IV.3.2. No desenvolvemento da prestación de servizos. Así mesmo, serán excluídas definitivamente da lista as persoas aspirantes que incorresen en incumprimentos graves no desempeño concreto do posto de traballo para o cal resultasen nomeadas.

Para tales efectos, considéranse incumprimentos graves todas as condutas cualificadas como faltas graves ou moi graves na Lei 55/2003, do 16 de decembro, pola que se aproba o Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

IV.3.3. Para facer efectivas as exclusións derivadas dos citados incumprimentos, seguirase un procedemento ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, con participación preceptiva da Comisión Central de Seguimento do pacto e no cal se garantirá, en todo caso, a audiencia da persoa afectada.

A Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, unha vez incoado o procedemento de exclusión, poderá adoptar a medida cautelar consistente na suspensión dos chamamentos do/da aspirante incurso/a nel.

Tras a ultimación do expediente, o citado órgano ditará unha resolución en que se pronunciará sobre a exclusión definitiva da persoa aspirante ou sobresemento do expediente.

A resolución administrativa que se dite poderá acordar, con carácter excepcional e motivadamente, a exclusión da persoa aspirante para chamamentos referidos a un determinado ámbito. En tal suposto, a citada resolución deberá prever as medidas adicionais de adaptación profesional e/ou formación que se consideren oportunas.

A citada medida de exclusión tamén será acordada con carácter adicional á resolución que se adopte nos expedientes disciplinarios incoados por mor da comisión de faltas graves e moi graves.

IV.4. Reincorporación en lista. As persoas aspirantes excluídas poderán solicitar autorización para reincorporarse á lista ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde. O dito órgano resolverá expresamente as solicitudes presentadas, logo do seu tratamento na Comisión Central de Seguimento do Pacto. Na falta de resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Non procederá a citada autorización se a causa de exclusión das listas deriva dun incumprimento disciplinario constitutivo de falta moi grave ou causa penal.

IV.5. Excepcións ao réxime de penalizacións.

1. A primeira renuncia a unha oferta de vinculación para prestar servizos nunha das categorías subsidiarias previstas no anexo II, por indispoñibilidade de aspirantes na respectiva categoría na mesma área e áreas limítrofes, non dará lugar a ningún tipo de penalización. En segundo chamamento, a renuncia á formalizar o nomeamento penalizarase nos termos dispostos no punto IV.1.

Non obstante, admitirase a renuncia, sen penalización, a un nomeamento xa formalizado nunha categoría subsidiaria no momento en que conste a dispoñibilidade de aspirantes da respectiva categoría na mesma área ou áreas limítrofes.

2. A primeira renuncia por un/unha aspirante da quenda de promoción profesional a un nomeamento fóra da localidade onde radique o centro de destino do/da profesional non dará lugar a ningún tipo de penalización.

3. Nas listas de ámbito autonómico da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 as persoas aspirantes poderán renunciar, sen penalización, ao primeiro chamamento que se efectúe para nomeamentos fóra da súa provincia de residencia.

ANEXO I
Listas compatibles

a) Persoal licenciado sanitario.

Médico/a de familia, médico/a de urxencias hospitalarias, médico/a coordinador/a do 061, médico/a asistencial do 061, facultativo/a especialista de área de medicina do traballo, odontólogo/a de atención primaria, psicólogo/a clínico/a e farmacéutico/a de atención primaria.

b) Persoal sanitario diplomado e de formación profesional.

Bloque I:

Enfermeiro/a, enfermeiro/a especialista, enfermeiro/a da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, logopeda, fisioterapeuta e terapeuta ocupacional.

A Administración poderá suspender temporalmente a aplicación da compatibilidade das listas de enfermeiro/a e enfermeiro/a especialista, nos supostos de indispoñibilidade de aspirantes ou cando o número de inscritos/as se prevexa insuficiente para dar cobertura ás necesidades da especialidade, que en todo caso terán carácter prioritario.

Da suspensión que, de ser o caso, se acorde serán informadas a Comisión Central de Seguimento do Pacto e as respectivas comisións periféricas.

Bloque II:

Técnico/a superior en radioterapia, técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico, técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico, técnico/a superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico/a superior en dietética e nutrición, técnico/a superior en documentación sanitaria, técnico/a superior en hixiene bucodental.

Bloque III:

Técnico/a en cuidados auxiliares de enfermaría, técnico/a en farmacia.

c) Persoal de xestión e servizos.

Bloque I:

Grupo técnico da función administrativa, técnico/a superior, técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información, enxeñeiro/a superior, grupo de xestión da función administrativa, traballador/a social, enxeñeiro/a técnico/a, técnico/a de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, técnico/a especialista de sistemas e tecnoloxías da información, técnico/a superior de prevención de riscos laborais e técnico/a de grao medio en prevención de riscos laborais.

Bloque II:

Pinche e cociñeiro/a.

Bloque III:

Lavandeiro/a, limpador/a e pasador/a de ferro.

ANEXO II
Categorías subsidiarias

Bloque I: médico/a de familia de atención primaria, médico/a de urxencias hospitalarias e médico/a do 061 que reúna os requisitos para o exercicio profesional de cada unha das categorías.

Será subsidiaria da categoría de médico/a de familia, en primeiro lugar a categoría de médico/a de urxencias hospitalarias e, a continuación, por esta orde, médico/a coordinador/a do 061 e médico/a asistencial do 061.

Respecto da categoría de médico/a de urxencias hospitalarias serán subsidiarias as categorías de médico/a asistencial do 061, médico/a de familia e médico/a coordinador/a do 061, por esta orde.

Respecto da categoría de médico/a coordinador/a do 061 serán subsidiarias pola orde que se detalla a continuación, as categorías de médico/a de familia, médico/a asistencial do 061 e médico/a de urxencias hospitalarias.

Por último, respecto da categoría de médico/a asistencial do 061, será subsidiaria en primeiro lugar a categoría de médico/a de urxencias hospitalarias e, a continuación e por esta orde, médico/a coordinador/a do 061 e médico/a de familia.

ANEXO III
Acordos interpretativos vixentes

A. Xestión de chamamentos.

Primeiro. Cobertura de comisións de servizo, liberacións sindicais e servizos determinados

Os nomeamentos de substitución por causa de comisión de servizo, liberación por desempeño de cargo sindical, así como os nomeamentos eventuais de servizo determinado, agás que o centro peticionario especifique que a súa previsible duración, incluídas as posibles prórrogas, teña unha duración inferior a un ano, presumiranse de longa duración. Así as cousas, os nomeamentos para cubrir tales continxencias deberán formalizarse coas persoas aspirantes que acrediten unha maior puntuación na correspondente categoría e ámbito territorial.

Segundo. Sucesión de nomeamentos de longa duración

No suposto de que resulte necesario formalizar unha vinculación de longa duración que traia a súa causa noutra anterior tamén de longa duración, cuberta cun aspirante seleccionado pola orde de preferencia nas listas para a cobertura de vínculos de duración igual ou superior ao ano, este novo vínculo formalizarase con este mesmo profesional.

A sensu contrario, se a vinculación anterior fose formalizada cun aspirante chamado pola lista de curta duración, por non ter nese intre o nomeamento a consideración de longa duración, producirase o cesamento dese aspirante e chamarase o que acredite a maior puntuación nas listas para a cobertura de nomeamentos de duración igual ou superior ao ano.

Terceiro. Cesamento das substitucións

O cesamento do/da substituto/a producirase cando se reincorpore a persoa a quen substitúa ou cando o titular perda o seu dereito á reincorporación á mesma praza ou función. No suposto en que se produza o cambio da causa que dá lugar á reserva da praza do titular, non procederá o cesamento do substituto por este motivo.

Cuarto. Determinación da orde de rotación de chamamentos entre a quenda de promoción profesional e a quenda de acceso libre

O primeiro chamamento que se deba efectuar nunha determinada categoría e área para a cobertura dunha interinidade en praza vacante e demais que se consideren inicialmente de duración igual ou superior a dous meses, efectuarase pola quenda de promoción profesional temporal –lista de curta ou longa duración, segundo o tipo de nomeamento–.

En cada publicación de listas definitivas, sexa durante a vixencia dun mesmo pacto ou doutro posterior que o substitúa, non se reiniciará o cómputo do 50 % a prol das listas de promoción profesional temporal, senón que o dito 50 % de alternancia para as vinculacións que se van cubrir na respectiva categoría e área/zona se debe aplicar con continuidade, é dicir, respectando a orde seguida para o chamamento inmediatamente anterior realizado no respectivo ámbito.

No caso de non existir ou esgotarse algunha das quendas, non se acumularán as ofertas para o futuro.

Quinto. Tempo parcial

Os nomeamentos a tempo parcial derivados da cobertura de reducións de xornada por motivos familiares ofertaranse ás persoas aspirantes da lista especial de curta duración que tivesen seleccionado a opción de tempo parcial, sempre que non conste expresamente que sexan de duración inferior a 3 meses.

Sexto. Orde de chamamentos nos supostos de indispoñibilidade transitoria de aspirantes

En primeiro lugar, e de conformidade coas cláusulas II.5.1 e II.5.2 do vixente pacto, deberá acudirse ás listas da mesma categoría das áreas de xestión máis próximas, conforme as áreas limítrofes que se establecen nos respectivos procesos de inscrición e as categorías subsidiarias que se indican no anexo II do pacto.

Non existindo aspirantes da mesma categoría nas listas das áreas limítrofes e, de ser o caso, tampouco nas listas subsidiarias, deberá procederse da seguinte forma:

Naquelas categorías para cuxo ingreso se requira unha titulación académica específica, efectuarase o chamamento a favor daqueles/as aspirantes que estean en posesión do dito título e que tivesen formalizado en Fides/expedient-e a solicitude de inscrición nas listas de selección temporal/promoción profesional da categoría con posterioridade á data límite de inscrición para as listas en vigor nese momento. A ordenación dos/das aspirantes en cada área efectuarase pola data de obtención do título/especialidade, de modo tal que o/a aspirante coa data de obtención do título anterior se situará no primeiro lugar da orde de prelación. En caso de empate, efectuarase a ordenación, en primeiro lugar, pola data de rexistro da inscrición e, de persistir o empate, pola data interna de alta da inscrición en Fides/expedient-e, e situarase en ambos os supostos a máis recente en último lugar.

Naquelas categorías para cuxo ingreso non se requira unha titulación específica de acceso, efectuarase o chamamento a favor daqueles/as aspirantes que tivesen formalizado en Fides/expedient-e a solicitude de inscrición en listas de selección temporal/promoción profesional da categoría con posterioridade á data límite de inscrición para as listas en vigor nese momento. A ordenación dos/das aspirantes en cada área efectuarase en primeiro lugar tendo en conta a puntuación acadada polo/a aspirante na última OPE convocada e resolta polo Servizo Galego de Saúde na categoría a que opta e, no seu defecto, pola data interna de alta da inscrición en Fides/expedient-e nos mesmos termos que no punto anterior.

No suposto das listas de áreas especiais, unha vez esgotado o número de aspirantes admitidos nestas listas dunha determinada área ou zona, ofertaranse as coberturas na dita área especial a través da lista xeral da respectiva área ou zona.

B. Renuncias sen penalización.

Sétimo. Renuncia sen penalización a vínculos de longa duración nos supostos de cambio de área

As persoas aspirantes que estean vinculadas por un nomeamento a xornada completa en praza vacante ou de duración igual ou superior a un ano nunha institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde ou nunha entidade pública sanitaria adscrita á Consellería de Sanidade, consonte as listas convocadas ao abeiro do Pacto de selección temporal, e que coa entrada en vigor dunha nova lista figuren como aspirantes nunha área distinta, non serán chamadas pola nova lista mentres se manteña tal vinculación, en aplicación do Pacto de selección temporal.

Agora ben, sempre que o/a aspirante o manifeste por escrito ante o órgano responsable da realización dos chamamentos daquela nova área/zona en que figure inscrito, dentro do prazo dun mes desde a entrada en vigor das novas listas, chamarase para calquera vinculación que lle corresponda polo seu número de orde na nova área/zona.

A aceptación da oferta de nomeamento na nova área/zona comportará a renuncia á vinculación na que figuraba anteriormente, sen que sexa obxecto de penalización por esta causa.

A non aceptación da oferta de nomeamento na nova área/zona comporta a aplicación do réxime penalizador previsto no pacto de selección temporal.

Para os efectos de aplicación deste criterio, as listas das zonas sanitarias terán a natureza de ámbito distinto respecto das listas da área sanitaria en que se integran.

Oitavo. Renuncia sen penalización a vínculos a tempo parcial nos supostos de optar só pola realización de nomeamentos a xornada completa

As persoas aspirantes que estean vinculadas por un nomeamento a tempo parcial nunha institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde ou nunha entidade pública sanitaria adscrita á Consellería de Sanidade consonte as listas convocadas ao abeiro do Pacto de selección temporal, e que coa entrada en vigor dunha nova lista manifestasen na súa solicitude a vontade de non aceptar a realización de nomeamentos a tempo parcial, non poderán renunciar voluntariamente ao referido vínculo, agás que se formalice un chamamento referido a un vínculo a xornada completa en praza vacante ou de duración igual ou superior a un ano.

Non obstante, sempre que o/a aspirante o manifeste por escrito ante o órgano responsable de realizar os chamamentos dentro do prazo dun mes desde a entrada en vigor das novas listas (logo de acreditación da existencia de aspirantes dispoñibles para nomeamentos a tempo parcial na lista da mesma categoría e ámbito territorial), será chamado/a para calquera vinculación a xornada completa que lle corresponda polo seu número de orde na nova lista.

A aceptación da oferta de nomeamento a xornada completa na nova lista suporá a renuncia á vinculación en que figuraba anteriormente, sen que sexa obxecto de penalización por esta causa.

A non aceptación da oferta de nomeamento a xornada completa na nova lista comporta a aplicación do réxime penalizador disposto no Pacto de selección temporal.

Noveno. Renuncia sen penalización a vínculos a tempo parcial nos supostos de cambio de área

As persoas aspirantes que se encontren vinculadas por un nomeamento a tempo parcial en praza vacante ou de duración igual ou superior a un ano nunha institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde ou nunha entidade pública sanitaria adscrita á Consellería de Sanidade, consonte as listas convocadas ao abeiro do Pacto de selección temporal, e que coa entrada en vigor dunha nova lista figuren como aspirantes nunha área distinta, non serán chamadas pola nova lista mentres se manteña tal vinculación, agás que se formalice un chamamento referido a un vínculo a xornada completa en praza vacante ou de duración igual ou superior a un ano.

Non obstante, sempre que o/a aspirante o manifeste por escrito ante o órgano responsable de realizar os chamamentos daquela nova área/zona en que figure inscrito, dentro do prazo dun mes desde a entrada en vigor das novas listas, será chamado para calquera vinculación que lle corresponda polo seu número de orde na nova área/zona.

A aceptación da oferta de nomeamento na nova área/zona suporá a renuncia á vinculación en que figuraba anteriormente, sen que sexa obxecto de penalización por esta causa.

A non aceptación da oferta de nomeamento na nova área/zona comporta a aplicación do réxime penalizador previsto no Pacto de selección temporal.

Para os efectos de aplicación deste criterio, as listas das zonas sanitarias terán a natureza de ámbito distinto respecto das listas da área sanitaria en que se integran.

C. Compatibilidade.

Décimo. Inscrición en listas incompatibles

No suposto de que un/unha aspirante solicite a súa inscrición en varias categorías incompatibles, optarase pola categoría en que o/a aspirante tivese formalizado a súa inscrición en Fides/expedient-e en último lugar, e quedará sen efecto a primeira rexistrada en Fides polo/a aspirante.

Décimo primeiro. Compatibilidade entre a sub-lista de puericultor/a e a listaxe de médico de familia

As persoas aspirantes inscritas na lista de médico/a de familia que, posuíndo o diploma de posgrao en Puericultura, exercesen a opción de acceso á sub-lista de puericultor/a, poderán optar –no suposto de non existiren médicos pediatras dispoñibles na lista– aos nomeamentos que se lles oferten para a cobertura de substitucións e/ou eventualidades de pediatra de atención primaria, segundo a orde rigorosa que resulte da prelación da sub-lista de puericultor/a.