Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 30 de xuño de 2016 Páx. 27824

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2016 pola que se acorda realizar unha oferta pública de adquisición dos terreos mediante compra para o desenvolvemento das etapas 3ª (fase B), 4ª, 5ª e 6ª do solo residencial de San Paio de Navia.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) é o promotor do polígono de San Paio de Navia, que é unha actuación urbanística para a preparación de solo residencial con destino a vivenda protexida en terreos da parroquia de Navia, na cidade de Vigo.

Segundo. Mediante Resolución do director xeral do IGVS do 15 de outubro de 2007 (DOG núm. 205, do 23 de outubro), modificada parcialmente polas resolucións do 7 de xaneiro de 2008 e do 23 de abril de 2008 (DOG núm. 14, do 21 de xaneiro, e núm. 84, do 2 de maio, respectivamente), fixáronse os criterios de adquisición dos terreos correspondentes ás etapas 3ª (fase B), 4ª, 5ª e 6ª do solo residencial de San Paio de Navia. Así mesmo, na antedita resolución establecéronse na epígrafe II) os criterios que cómpre seguir para o suposto de que se iniciase un expediente expropiatorio, cun prezo dos terreos incluídos no ámbito de actuación de 126 €/m2. En virtude do anterior, o IGVS asinou escrituras de permuta e compravenda con algúns propietarios de terreos nas etapas 3ª (fase B), 4ª, 5ª e 6ª.

Terceiro. Nestes momentos, o IGVS pretende axilizar o desenvolvemento do solo residencial en Vigo incluído no Plan parcial de San Paio de Navia, etapas 3ª (fase B), 4ª, 5ª e 6ª para poder materializar a totalidade da edificabilidade asignada con destino a vivenda protexida e establecer, coa delimitación de varios polígonos e a modificación do plan de etapas, a execución progresiva do ámbito, axustándoa a uns prazos realistas.

Para estes efectos, o IGVS acorda facer unha oferta pública de adquisición de solo mediante compra, de conformidade cos criterios establecidos nesta resolución.

Unha vez establecidas definitivamente as condicións de desenvolvemento do ámbito, o IGVS ten previsto realizar unha oferta pública de adquisición de solo na totalidade do ámbito mediante permuta. Os criterios e as condicións da permuta estableceranse na correspondente oferta pública de permuta que se realice.

Así mesmo, para garantir a efectividade dos citados obxectivos, o IGVS, no caso de que sexa necesario, tramitará un expediente de expropiación forzosa para cada un dos polígonos recollidos no planeamento de desenvolvemento e respecto a aqueles terreos que non fosen adquiridos mediante compra ou permuta. Nese caso, a valoración do solo realizarase en función das condicións específicas de cada polígono e virá referida ao momento en que se tramite o respectivo expediente expropiatorio, sen ter en conta a oferta obxecto desta resolución.

Cuarto. Na actualidade non foi iniciado ningún expediente de expropiación para a adquisición de terreos para as etapas 3ª (fase B) 4ª, 5ª e 6ª do solo residencial de San Paio de Navia.

En virtude do anterior, procede deixar sen efecto a epígrafe II) Criterios que cómpre seguir no caso de inicio de expediente expropiatorio da Resolución do 15 de outubro de 2007, do director xeral do IGVS, modificada parcialmente polas resolucións do 7 de xaneiro de 2008 e do 23 de abril de 2008, pola que se fixan os criterios de adquisición dos terreos correspondentes ás etapas 3ª (fase B), 4ª, 5ª e 6ª do solo residencial de San Paio de Navia. Así mesmo, de conformidade cos principios de boa fe, confianza lexítima e seguridade xurídica que avalan a estabilidade das relacións xurídicas creadas pola Administración mediante os seus actos, considérase conveniente realizar unha oferta de adquisición dos terreos incluídos no ámbito de actuación, mantendo temporalmente e para esta oferta pública de adquisición, o prezo indicado para a expropiación na Resolución do 23 de abril de 2008, relativa aos criterios que cómpre seguir no caso de inicio do expediente expropiatorio.

Consideracións legais

Primeira. O artigo 4, alínea f) da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS, establece como función propia a adquisición de solo por calquera título, incluso por expropiación forzosa, dos terreos destinados á formación de reservas de solo, preparación de soares, dotacións, equipamento, fomento da vivenda ou calquera outra finalidade análoga de carácter urbanístico, así como para construír reservas de terreos para o desenvolvemento e xestión da política de vivenda.

Segunda. O Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo IGVS, sinala no artigo 74.3, respecto da adquisición a título oneroso, que se entenderá incluída no procedemento de adquisición directa a oferta pública de adquisición que lles efectúa o Instituto aos propietarios incluídos no ámbito territorial determinado pola planificación promovida polo citado organismo.

Terceira. A pertinencia de realizar unha oferta de adquisición dos terreos incluídos no ámbito de actuación, mantendo o prezo indicado para a expropiación na Resolución do 23 de abril de 2008, relativa aos criterios que cómpre seguir no caso de inicio do expediente expropiatorio, xustifícase nos principios de boa fe e confianza lexítima que emanan do principio de seguridade xurídica recoñecido no artigo 9.3 da Constitución española.

Cuarta. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS é o órgano competente para asinar a presente resolución, en virtude das competencias conferidas polo artigo 12.2.k) do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS.

De conformidade con todo o indicado, acórdase:

Primeiro. Deixar sen efecto a epígrafe II) Criterios que cómpre seguir no caso de inicio de expediente expropiatorio da Resolución do 15 de outubro de 2007, do director xeral do IGVS, modificada parcialmente polas resolucións do 7 de xaneiro e do 23 de abril de 2008, pola que se fixan os criterios de adquisición dos terreos correspondentes ás etapas 3ª (fase B), 4ª, 5ª e 6ª do solo residencial de San Paio de Navia.

Segundo. Realizar unha oferta pública de adquisición de terreos mediante compra para o desenvolvemento das etapas 3ª (fase B), 4ª, 5ª e 6ª do solo residencial de San Paio de Navia, de conformidade cos seguintes criterios e termos:

I) Condicións económicas da oferta:

Valoración do terreo: 126 €/m2. En atención aos bens que poidan existir sobre os terreos, cabe diferenciar os seguintes procedementos que se van seguir:

a) Terreos sen elementos susceptibles de ser valorados:

– Os titulares dos terreos que acepten a oferta deberán presentar un escrito no cal figuren os seus datos persoais, así como aqueles outros que permitan identificar a propiedade e coñecer a súa superficie. Para tal efecto, deberanse indicar a referencia catastral e, de ser o caso, os datos rexistrais.

– Prazo de presentación: ata o 30 de setembro de 2016.

b) Terreos con elementos que vai valorar unilateralmente a Administración, conforme o anexo I desta resolución, e sen edificacións ou elementos singulares:

– Os titulares dos terreos deberán presentar un escrito no cal, ademais dos datos indicados na alínea a), inclúan tamén unha relación dos elementos existentes, con indicación do prezo fixado pola Administración, de conformidade co anexo I. Con posterioridade, a Administración comprobará cos titulares a existencia dos bens indicados e a súa correcta valoración. De existir conformidade, entenderase aceptada a oferta realizada pola Administración.

De existir desconformidade na valoración dos elementos existentes, a Administración, no prazo máximo dun mes, contado desde o 30 de setembro, notificaralle ao titular a súa valoración. Se o titular acepta a valoración da Administración, deberá comunicarllo mediante un novo escrito dirixido ao IGVS dentro dos dez (10) días seguintes ao da notificación. No caso contrario, entenderase que desiste da oferta realizada polo IGVS sobre o solo.

– Prazo de presentación: ata o 30 de setembro de 2016.

c) Terreos con edificacións e/ou elementos singulares que se valorarán mediante un expediente contraditorio entre os seus titulares e a Administración:

– Os titulares dos terreos deberán presentar un escrito no cal, ademais dos datos indicados na alínea a), inclúan unha relación das edificacións e/ou elementos singulares, con indicación do seu prezo valorativo. Así mesmo, xuntarán fotos actuais e, de ser o caso, planos, co obxecto de que poida ser estudada e valorada pola Administración. No caso de existir elementos recollidos no anexo I, deberán xuntar unha relación deles, con indicación da súa valoración, de conformidade cos prezos fixados pola Administración.

Comprobada a existencia dos bens e, de ser o caso, a correcta valoración, a Administración notificará, ben a súa conformidade, ben realizará unha oferta contraditoria antes do 30 de setembro. Se o titular acepta a valoración da Administración, deberá comunicarllo mediante un novo escrito dirixido ao IGVS dentro dos dez (10) días seguintes ao da notificación. En caso contrario, entenderase que desiste da oferta realizada polo IGVS sobre o solo.

– Prazo de presentación: ata o 1 de setembro de 2016.

Esta oferta pública de adquisición mediante compra é para os terreos, edificacións ou elementos singulares que estean libres de cargas e gravames, así como para aqueles outros en que, aínda que exista unha carga ou gravame, esta non represente un obstáculo económico, xurídico ou técnico para o desenvolvemento do Plan parcial de San Paio de Navia.

Determínase como importe máximo da oferta pública de adquisición a cantidade de 8.000.000 de euros, que será con cargo á aplicación 08.80.451B.607.0, proxecto 2000 06019, do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016. Non obstante, a citada contía podería ser ampliada en virtude das dispoñibilidades orzamentarias do IGVS.

II) Condicións formais da oferta:

a) Presentación e documentación.

Deberase presentar un escrito por cada predio. A presentación realizarase no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo, sita en Praza da Estrela, Concepción Arenal, 8, ou na Área Provincial do IGVS en Pontevedra, sita na rúa Alcalde Hevia, nº 7, de Pontevedra. Non obstante, tamén se poderán presentar nos lugares establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, debe xuntar a seguinte documentación:

– Copia do documento nacional de identidade (DNI) ou número de identificación de estranxeiro (NIE), cando o propietario sexa unha persoa física. Se se trata de persoa xurídica deberá presentar copia do código de identificación fiscal (CIF), unha copia da escritura de constitución e, de ser o caso, de modificación, inscritas no rexistro público correspondente, así como unha copia dos documentos identificativos da persoa habilitada para actuar no seu nome.

Cando a propiedade do inmoble recaia en máis dunha persoa física/xurídica, deberanse achegar os documentos acreditativos da identidade de todos os propietarios, a participación de cada un deles, así como o compromiso de venda da totalidade do ben. Así mesmo, deberán presentar un poder en que se designe unha persoa para que os represente, para os efectos da venda, ante a Administración.

– Copia do documento xustificativo da titularidade.

– Certificación rexistral do terreo. No caso de que non estea inscrito, achegarase certificación negativa do Rexistro da Propiedade.

– Declaración responsable do titular do ben de que non existen cargas ou gravames sobre o predio ou predios. No caso de existir cargas ou gravames, deberá describir estas, para os efectos de que a Administración determine se representan ou non un obstáculo económico, xurídico ou técnico para o desenvolvemento do Plan parcial de San Paio de Navia.

– Certificación descritiva e gráfica da Dirección Xeral do Catastro. No caso de que o predio non estea inscrito no Rexistro da Propiedade, a dita certificación deberá ser coincidente, en canto á titularidade, superficie e estremas, coa documentación xustificativa da titularidade da parcela. Para estes efectos, non se terán en conta as solicitudes de cambio de datos catastrais, así como recursos interpostos ante a Dirección Xeral do Catastro que non estean resoltos definitivamente polo Catastro.

– Certificación de que está ao día do pagamento do imposto de bens inmobles.

Para os efectos anteriores, as copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que estean debidamente compulsadas. Ademais, as certificacións deberán ser expedidas cunha antelación non superior a 60 días en relación coa data de presentación e deberán vir acompañadas dunha declaración responsable do titular do ben de que as ditas circunstancias rexistrais e catastrais non variaron.

No caso de que o escrito e/ou a documentación presentada non se axuste ás exixencias desta resolución, concederase un prazo de dez (10) días hábiles para que se emenden as deficiencias ou se acheguen os documentos preceptivos. Transcorrido o dito prazo sen que se emenden ou acheguen os documentos requiridos, entenderase que se desiste da oferta do IGVS.

A Administración comprobará, en todo caso, a documentación presentada e reservará para si a posibilidade de rexeitar a compra do solo no caso de que non se acredite fidedignamente a titularidade dos bens ou a súa realidade física ou xurídica.

No caso de que a contía prevista para a adquisición non sexa suficiente para dar cobertura a todas as aceptacións presentadas, terán preferencia aqueles predios que estean inscritos no Rexistro da Propiedade e, dentro destes, observarase a orde cronolóxica de presentación daqueles que acheguen toda a documentación exixida. Nos demais casos, o criterio de aceptación fixarase atendendo á orde cronolóxica da correcta presentación dos escritos que vaian acompañados de toda a documentación exixida.

b) Resolución de aceptación.

A través dunha resolución administrativa da persoa titular do IGVS, procederase á aceptación das ofertas dos titulares dos terreos que cumpran todos os requisitos establecidos na presente resolución e dentro da limitación orzamentaria establecida. Con posterioridade, a compravenda formalizarase en escritura pública.

c) Honorarios e pagamento de impostos.

Os honorarios notariais e rexistrais das escrituras de compravenda serán por conta do IGVS. A determinación do notario farase de conformidade co artigo 127 do Decreto do 2 xuño de 1944 polo que se aproba con carácter definitivo o Regulamento da organización e réxime do notariado.

Os demais gastos e impostos que se orixinen ou se devindiquen como consecuencia da compravenda aboaranse conforme o disposto na lexislación vixente.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2016

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANEXO I

Valoración dos elementos

Arame de peche

M.L.

0,19 €

Árbore de ribeira < 10 cm

UD

2,00 €

Árbore de ribeira 20-40 cm

UD

10,00 €

Árbore de ribeira 10-20 cm

UD

4,00 €

Árbore de ribeira 40-60 cm

UD

18,00 €

Árbore froiteira

UD

35,00 €

Árbore froiteira óso pequeno

UD

25,00 €

Carballo/castiñeiro < 10 cm, repoboación natural

UD

4,00 €

Carballo/castiñeiro > 60 cm

UD

85,00 €

Carballo/castiñeiro 10-20 cm, repoboación natural

UD

15,00 €

Carballo/castiñeiro 20-40 cm

UD

31,00 €

Carballo/castiñeiro 40-60

UD

52,00 €

Chopo 10-20 cm

UD

6,00 €

Chopo 20-40 cm

UD

15,00 €

Chopo 40-60 cm

UD

22,00 €

Piñeiro <10 cm, repoboación natural

UD

3,00 €

Piñeiro 10-20 cm, repoboación natural

UD

10,00 €

Piñeiro 20-40 cm

UD

18,00 €

Piñeiro 40-60 cm

UD

30,00 €

Malla metálica (h=0,50)

M.L.

1,07 €

Malla metálica (h=1)

M.L.

3,20 €

Malla metálica (h=1,5)

M.L.

3,20 €

Muro de bloques de formigón, conservación regular

M2

16,64 €

Muro de pedra sobre pedra (2,10 x 1 x 0,25 e 0,80 x 0,50 x 0,25). Estado de conservación bo.

M3

138,00 €

Muro de pedra sobre pedra (H=0,80 e A= 0,25). Estado de conservación regular

M3

137,70 €

Muro de pedra sobre pedra (H=1,00 e A= 0,25). Estado de conservación regular

M3

137,70 €

Muro de perpiaño de granito, incluíndo cimentación de formigón, en bo estado de conservación. Antigüidade < 15 anos

M2

76,59 €

Peche bloques formigón. Conservación regular

M2

16,64 €

Peche sebe vexetal 1,20 m de alto

M.L.

10,00 €

Peche valado madeira

M.L.

30,00 €

Muro de ladrillo conservación boa

M2

14,70 €

Muro de ladrillo conservación regular

M2

9,00 €

Celosía formigón

M2

81,00 €

Enreixado metálico conservación boa

M2

74,90 €

Enreixado metálico conservación regular

M2

45,00 €

Piar de pedra irregular (35x35x2,50)

UD

45,00 €

Piar de pedra labrado (30x30x2,50)

UD

110,00 €

Portón metálico, chapa

M2

67,28 €

Poste de aceiro galvanizado 1,5 m

UD

2,25 €

Poste de aceiro galvanizado (1,5x0,03x0,03)

UD

2,25 €

Poste de formigón 1,20 m

UD

2,66 €

Poste de formigón 2,00 m

UD

4,44 €

Poste de madeira (h=2,00 diámetro 20 cm)

UD

5,00 €

Poste de pedra 1,00 m

UD

5,00 €

Poste de pedra 1,50 m

UD

7,50 €

Pozo barrena 8 m profundidade

UD

480,00 €

Valor de viñedo en produción

M2

1,11 €

Emparrado todo incluído poste granito outro elemento

M2

25,00 €

Piscina

M2

218,50 €

Pozo dun metro de diámetro entre 2-3 m de profundidade

UD

568,76 €

Os demais elementos que non sexa catalogados como singulares non serán valorados (colleitas, plantas ornamentais, etc.).