Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 28 de xuño de 2016 Páx. 27302

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente, se aproba o proxecto de execución e se recoñece, en concreto, a utilidade pública da infraestrutura gasista cuxo proxecto leva por título Extensión de rede en MOP 10 bar desde a posición 05 do GTB Mariña lucense para subministración a Burela-trazado no concello de Cervo (Lugo), promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/11-0).

Logo de examinar o expediente instruído por instancias da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, edificio Área Central, local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 31.5.2012 esta dirección xeral ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Burela (Lugo), que se publicou no Diario Oficial de Galicia (24.8.2012) e no Boletín Oficial da provincia (27.8.2012).

Conforme o disposto no proxecto de autorización administrativa, a subministración de gas natural proxéctase a través dunha planta de gas natural licuado (GNL) situada nunha parcela catalogada como zona de ampliación do polígono industrial, e desde a cal parte a rede de distribución cara ao núcleo urbano de Burela, ata acadar unha lonxitude de 18.854 m.

Segundo. O 4.6.2015 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública da infraestrutura gasista, cuxo proxecto leva por título «Extensión de rede en MOP 10 bar desde a posición 05 do GTB Mariña lucense para subministración a Burela-trazado no termo municipal de Cervo (Lugo)».

Conforme o disposto neste proxecto de execución, modifícase o sistema de subministración á rede de distribución de gas natural previsto no proxecto de autorización administrativa para a distribución de gas natural en Burela, substituíndose a planta de GNL por unha antena de conexión co gasoduto de transporte básico da Mariña lucense.

As instalacións proxectadas consistirán na instalación do tramo inicial da antena de aproximación en MOP 10 bar para subministración de gas natural canalizado en Burela, con inicio na posición 05 do gasoduto de transporte básico da Mariña lucense (instalada no lugar de Lamacede, no concello de Cervo) e final no límite do municipio de Cervo. Sitúanse dentro do termo municipal de Cervo e o seu alcance resúmese nos seguintes puntos:

• Conexión en tubaxe existente en posición 05 mediante redución de 4” x 6”.

• Instalación dunha transición aceiro 6” / polietileno 160 mm.

• Instalación dunha válvula de seccionamento de 6”.

• 132 m de extensión de rede en polietileno 160 mm con unha MOP de 10 bar.

Terceiro. O 26.6.2015 esta dirección xeral ditou resolución pola que se iniciou o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa (DOG do 16 de xullo) en relación co ramal de distribución (antena), para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP).

Durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron solicitudes en concorrencia coa dita solicitude de Gas Galicia SDG, S.A., por tanto, o trámite de competencia quedou resolto a favor desta empresa.

Cuarto. O 10.9.2015 esta dirección xeral ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública da infraestrutura gasista cuxo proxecto leva por título «Extensión de rede en MOP 10 bar desde a posición 05 do GTB Mariña lucense para subministración a Burela-trazado no termo municipal de Cervo (Lugo)», promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/11-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 16.10.2015, no Boletín Oficial da provincia do 7.10.2015 e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 15.10.2015, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Cervo.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos propietarios dos tres predios afectados pola devandita infraestrutura gasista (nº de predios: LU-CE-306, LU-CE-307 e LU-CE-308), que aparecen na RBDA incorporada como anexo á citada Resolución do 10 de setembro de 2015 pola que se realizou o trámite de información pública. A este respecto, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. achegou a esta dirección xeral a documentación acreditativa de ter acadado acordos mutuos cos propietarios dos predios LU-CE-306 e LU-CE-307, con datas do 18.11.2015 e 22.2.2016, respectivamente.

Durante este trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Quinto. O 11.9.2015 esta dirección xeral trasladou as separatas técnicas do proxecto de execución da devandita infraestrutura gasista, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades titulares de bens e dereitos afectados por ela: Deputación Provincial de Lugo e Concello de Cervo.

Estas entidades presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade e/ou fixando o seu condicionado técnico, dos cales se deu traslado a Gas Galicia SDG, S.A., quen presentou a súa conformidade.

Sexto. O 12.5.2016 os servizos técnicos desta dirección xeral emitiron informe favorable sobre o expediente de referencia (IN627A 2015/11-0), para o outorgamento da autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública da infraestrutura gasista cuxo proxecto leva por título «Extensión de rede en MOP 10 bar desde a posición 05 do GTB Mariña lucense para subministración a Burela-trazado no termo municipal de Cervo (Lugo)», promovido por Gas Galicia SDG, S.A.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura gasista cuxo proxecto leva por título «Extensión de rede en MOP 10 bar desde a posición 05 do GTB Mariña lucense para subministración a Burela-trazado no termo municipal de Cervo (Lugo)», promovida por Gas Galicia SDG, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da citada infraestrutura gasista.

3. Recoñecer, en concreto, a utilidade pública da citada infraestrutura gasista, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A empresa promotora, Gas Galicia SDG, S.A., constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 206,72 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

A devandita fianza constituirase na caixa xeral de depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Gas Galicia SDG, S.A., titulado «Extensión de rede en MOP 10 bar desde a posición 05 do GTB Mariña lucense para subministración a Burela-trazado no termo municipal de Cervo (Lugo)», asinado polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez (colexiado nº 2.233 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña); e no cal figura un orzamento de 10.335,94 €.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta dirección xeral; non obstante, a Xefatura Territorial de Lugo desta consellería (en diante, xefatura territorial) poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá estendela despois das comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura gasista e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sétima. A empresa promotora deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Oitava. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarias para realizar a citada infraestrutura gasista.

Novena. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas