Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 27 de xuño de 2016 Páx. 27028

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2016, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se dá publicidade á solicitude de modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia/Patata de Galicia.

Con data do 30 de marzo de 2016 o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia solicitou a modificación do prego de condicións relativo a esta denominación de orixe, de conformidade co establecido no artigo 53 do Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios.

A solicitude de modificación afecta varios aspectos do prego de condicións e do documento único que serviron de base para o rexistro e debe someterse, de acordo co indicado no artigo 49.3 do citado regulamento, a un procedemento de oposición dentro do Estado membro antes da súa remisión aos servizos da Comisión Europea, garantindo unha publicación adecuada da devandita solicitude e establecendo un prazo razoable durante o cal calquera persoa física ou xurídica que posúa un interese lexítimo e estea establecida ou resida no seu territorio poida declarar a súa oposición á modificación.

A normativa estatal reguladora desta materia é o Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas, modificado polo Real decreto 149/2014, do 7 de marzo. De acordo co artigo 8.6 desta disposición, unha vez comprobado que a solicitude cumpre os requisitos establecidos na normativa de aplicación, debe darse publicidade desta mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado para o inicio do prazo de presentación de eventuais oposicións. A publicación deberá incluír a dirección da páxina web oficial onde se atoparán o novo prego de condicións e o documento único. Para as denominacións de orixe e indicacións xeográficas cuxo ámbito abrangue máis dunha comunidade autónoma e que, por tanto, son da competencia da Administración xeral do Estado, o devandito real decreto fixou un período de oposición de dous meses, pero non fixou prazo para as de ámbito autonómico, por seren competencia das comunidades autónomas.

Por outra banda, con base nas competencias da Comunidade Autónoma galega en materia de denominacións de orixe, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. O seu artigo 4, parágrafo 4, dispón tamén a publicación da solicitude de modificación do prego de condicións no DOG e no BOE, para a apertura dun prazo de dous meses para a presentación de oposicións.

Así mesmo, o formato do impreso relativo á modificación considerada «non menor» dun prego de condicións –como é o caso da que nos ocupa– vén determinado no anexo V do Regulamento de execución (UE) nº 668/2014 da Comisión, do 13 de xuño de 2014, que establece as normas de desenvolvemento do Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios.

Polo exposto, e no exercicio das competencias que teño atribuídas de acordo co artigo 4 do citado Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro,

RESOLVO:

Dar publicidade á solicitude de modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia/Patata de Galicia mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co formato establecido no anexo V do Regulamento de execución (UE) nº 668/2014 da Comisión, do 13 de xuño de 2014. A dita solicitude figura como anexo desta resolución e inclúe o novo documento único e un vínculo ao sitio da páxina web da Consellería do Medio Rural onde está aloxado o texto do novo prego de condicións. Tamén se dará publicidade da solicitude mediante un anuncio no Boletín Oficial del Estado, que incluirá un vínculo á páxina web da Consellería do Medio Rural onde se atopará o contido do prego de condicións e do documento único. Desde o día seguinte ao da publicación máis tardía de ambas as dúas, iniciarase o cómputo de dous meses para que calquera persoa, física ou xurídica, que estea establecida ou resida legalmente en España, cuxos lexítimos intereses considere afectados, poida opoñerse ao devandito rexistro mediante a correspondente declaración de oposición, dirixida á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, da Consellería do Medio Rural (Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), de acordo co establecido no artigo 4 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2016

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

ANEXO
Solicitude de aprobación dunha modificación que non se considera menor
do prego de condicións das denominacións de orixe protexidas
ou das indicacións xeográficas protexidas

Solicitude de aprobación dunha modificación de conformidade co artigo 53, número 2, parágrafo primeiro, do Regulamento (UE) non 1151/2012

Pataca de Galicia/Patata de Galicia

Nº UE:

IXP (X)

DOP ( )

1. Agrupación solicitante e interese lexítimo.

Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia.

A agrupación solicitante goza de interese lexítimo para solicitar a presente modificación do prego de condicións na súa condición de órgano de xestión da IXP en virtude do artigo 3 do Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e do seu Consello Regulador e o artigo 12 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega. Na devandita agrupación están integrados a totalidade dos produtores e envasadores da indicación xeográfica.

2. Estado membro ou terceiro país.

España.

3. Parte do prego de condicións afectada pola modificación.

missing image file

4. Tipo de modificación.

missing image file

5. Modificacións.

As modificacións que se pretenden incluír no prego de condicións refírense á introdución de dúas novas variedades de pataca e á ampliación da área xeográfica. O primeiro destes cambios implica a modificación da parte relativa á descrición do produto e algún parámetro técnico recolleito na parte relativa ao método de obtención, en concreto, o referente aos rendementos produtivos máximos por hectárea.

Ademais, tamén se modifica a parte referente á etiquetaxe, para incluír o logotipo identificador da indicación xeográfica protexida, que se vén usando desde o seu rexistro, e mesmo antes, cando este produto gozaba de protección só a escala española.

5.1. Introdución de novas variedades: agria e fina de carballo.

a) Variedade agria.

A variedade vénse cultivando en Galicia desde hai varias décadas, sobre todo na principal comarca produtora, a comarca da Limia. Non se incluíu no primeiro prego de condicións desta indicación xeográfica protexida porque naquel entón tratábase dunha variedade protexida, condición que hoxe xa non ten.

Tanto as características edafolóxicas como as climatolóxicas de Galicia confiren á variedade agria unhas calidades organolépticas diferenciadoras respecto das patacas da mesma variedade cultivadas noutras zonas produtoras, segundo se puido determinar en diferentes catas cegas realizadas en que participaron expertos en análise sensorial. Nestes ensaios probáronse diferentes variedades de patacas procedentes de diversas zonas e preparadas de tres formas distintas: cocidas, en fritura francesa (en barriñas) e fritas en chips. En todos estes ensaios a variedade agria cultivada en Galicia mostrou unha valoración comparativa moi favorable, con elevadas puntuacións, sobre todo cando se fritía e especialmente frita en chips, o que a fai moi demandada pola industria do frito.

Trátase dunha variedade que dá un contido medio en materia seca arredor do 21 % e cuxo contido en azucres redutores está sempre por baixo do límite que se marcou para esta indicación xeográfica protexida.

Canto ás súas características, do mesmo xeito que a variedade kennebec, a agria caracterízase pola súa pel lisa e fina, con ollos moi superficiais, o que a fai comercialmente moi demandada.

No referente ás características agronómicas, ademais duns rendementos por hectárea algo superiores aos da variedade kennebec, hai que destacar a súa resistencia ao nematodo dourado da pataca (Globodera rostochiensis), aspecto importante, xa que na principal zona produtora de pataca de Galicia, a xa citada comarca da Limia, está a incrementarse o número de parcelas en que se atopa este parasito ao cal a variedade kennebec é bastante sensible. A introdución da variedade agria está a supoñer, ademais dunha redución nos custos dos tratamentos, unha contribución á mellora ambiental, xa que se poden diminuír moito, e mesmo suprimir, os tratamentos para combater esta praga.

b) Variedade fina de Carballo.

A fina de Carballo é unha variedade autóctona de Galicia que se cultiva fundamentalmente na comarca de Bergantiños, unha das zonas de maior tradición na produción de pataca en Galicia. Como no caso das variedades kennebec ou agria, a súa pel é lisa e fina. Con todo, fronte a estas, presenta ollos profundos, característica que lle restou valor comercial e por iso o seu cultivo segue sendo bastante limitado.

Con todo, trátase dunha variedade que, como a kennebec, presenta carne de cor branca e que ten unhas magníficas calidades organolépticas, sobre todo cando se coce, tal e como se puido comprobar nas catas comparativas que se realizaron para a súa avaliación. O feito de que sexa unha variedade autóctona e a necesidade de fortalecer o patrimonio fitoxenético, aconsellan incluír esta variedade entre as admitidas dentro da IXP Pataca de Galicia.

5.2. Ampliación da zona xeográfica.

O prego de condicións vixente da IXP Pataca de Galicia considera catro subzonas de produción que abranguen distintos municipios distribuídos por tres das catro provincias galegas.

No seu momento, cando se elaborou o primeiro prego de condicións, incluíronse só aqueles municipios en que o cultivo con destino ao mercado era máis importante, deixando fóra da área xeográfica o resto do territorio galego.

Porén, o cultivo da pataca distribúese en Galicia de forma bastante homoxénea polas catro provincias que conforman a comunidade. Así, segundo os últimos datos oficiais, correspondentes ao ano 2014, as hectáreas cultivadas por provincia son: 6.016 (A Coruña), 4.201 (Lugo), 6.883 (Ourense) e 3.158 (Pontevedra).

O feito de que en Galicia unha gran parte da pataca que se cultiva se dedica ao autoconsumo ou á venda directa do produtor ao consumidor é tamén un motivo que explica que só determinadas zonas fosen incluídas no territorio da indicación xeográfica protexida.

No entanto, as características edafoclimáticas que se recollen no vixente prego de condicións danse en maior ou menor medida en calquera das comarcas de Galicia. Téñase en conta que as subzonas que se recollen no prego vixente están distribuídas por todo o territorio galego. Estas condicións, que se resumen nun clima húmido, con precipitacións ao redor dos 1.000 a 1.500 milímetros e mesmo máis, cun período seco ao final do verán e temperaturas suaves durante o período vexetativo da planta e solos franco ou franco-areentos con pH ácido (entre 5 e 6,5), son condicións que se dan en xeral en Galicia. Como indicamos, o cultivo da pataca galega realízase en todo o territorio da comunidade autónoma, excepto nas zonas de alta montaña, con terreos en pendente que fan que a mecanización do cultivo sexa difícil.

O envellecemento da poboación, o abandono do campo e o despoboamento son especialmente intensos en Galicia. A necesidade de buscar fórmulas de dinamización do mundo rural e novas oportunidades de desenvolvemento socioeconómico aconsellan esta modificación do prego de condicións.

A comercialización deste produto de calidade, que tan boa reputación ten en toda España, pode ser un complemento importante nas rendas de moitos agricultores, sobre todo nun momento en que o mercado doutras producións emblemáticas de Galicia, como o leite, está a sufrir unha importante crise.

5.3. Inclusión do logotipo da indicación xeográfica protexida.

De acordo co prego de condicións vixente, na etiquetaxe das patacas amparadas pola IXP Pataca de Galicia debe aparecer o logotipo propio da devandita indicación xeográfica protexida. Ademais, nos envases tamén debe figurar unha contraetiqueta numerada que inclúe este logotipo. Con todo, no prego de condicións non se incluíu o devandito logotipo, aínda que se vén usando mesmo antes da inscrición desta indicación xeográfica no rexistro europeo, cando o produto contaba cunha protección de acordo coa normativa española anterior á regulación comunitaria.

Parece conveniente, para facilitar a información ao consumidor e sobre todo para efectos da protección e o control do produto fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, que o prego de condicións recolla o devandito logotipo, para así facilicitar o labor de control ás autoridades competentes.

Documento único

Pataca de Galicia/Patata de Galicia

Nº UE:

IXP (X)

DOP ( )

1. Nome.

Pataca de Galicia/Patata de Galicia.

2. Estado membro ou terceiro país.

España.

3. Descrición do produto agrícola ou alimenticio.

3.1. Tipo de produto.

Clase 1.6 – Froitas, hortalizas e cereais ao natural ou transformados.

3.2. Descrición do produto que se designa coa denominación indicada no punto 1.

O produto defínese como os tubérculos da especie Solanum tuberosum L., das variedades cultivadas kennebec, agria e fina de Carballo, destinados ao consumo humano.

Independentemente da variedade de que se trate, as patacas acollidas a esta indicación xeográfica teñen unha pel de aparencia lisa e fina e caracterízanse por unha textura firme ao tacto e cremosa ao seren cocidas, consistente en boca. A súa calidade para o consumo é excelente e destacan polo seu contido en materia seca e por manteren as súas calidades de cor, aroma e sabor logo de ser cociñadas.

As características morfolóxicas e a súa cor varían en función da variedade de que se trate, como se resume na seguinte táboa:

Kennebec

Agria

Fina de Carballo

Forma

Redonda a oval

Oval alongada

Arredondada

Ollos

Moi superficiais

Moi superficiais

Profundos

Cor da pel

Amarelo claro

Amarelo

Amarelo claro

Cor da carne

Branco

Amarelo

Branco

As características analíticas son: contido en materia seca superior ao 18  % e contido en azucres redutores inferior ao 0,4 %.

3.3. Pensos (unicamente no caso dos produtos de orixe animal) e materias primas (unicamente no caso de produtos transformados).

3.4. Fases específicas da produción que deben levar a cabo na zona xeográfica definida.

Ademais do propio cultivo é necesario realizar a almacenaxe e envasamento na área territorial definida.

O feito de que o almacenamento e o envasamento se efectúen dentro da área territorial definida responde á necesidade de preservar as características peculiares da produción e a que tradicionalmente as instalacións se sitúan nas comarcas de produción de maior calidade. Hai que ter en conta tamén que durante o proceso de envasamento se leva a cabo unha selección manual por persoal cunha grande experiencia e tradición canto á manipulación deste produto. Por outra banda, con iso preténdese tamén minimizar as posibles perdas na calidade final do produto por efecto do transporte (aumento do número de golpes, temperaturas non adecuadas, etc.) e dunhas condicións de almacenamento non aconsellables.

3.5. Normas especiais sobre o corte en liscos, a reladura, o envasamento, etc. do produto a que se refire o nome rexistrado.

A pataca de consumo amparada pola indicación xeográfica protexida (IXP) Pataca de Galicia ou Patata de Galicia deberá ser comercializada en envases novos, limpos e de materiais adecuados para favorecer unha correcta ventilación, conservación e transporte do produto.

O envasamento realizarase en lotes homoxéneos de calibre e procedencia, sendo o calibre mínimo 35 mm. Con todo, admitirase a comercialización de patacas cun calibre comprendido entre 18 mm e o mínimo citado, baixo a denominación «pataca miúda fóra de calibre» ou outra designación de venda equivalente.

A homoxeneidade do calibre non é obrigatoria naqueles envases de venda dun peso neto superior a 5 quilogramos. Nos envases de venda de peso neto inferior ou igual a 5 quilogramos a diferenza entre as unidades maior e menor non será superior a 35 mm.

Os envases deben ser cun contido neto de 15, 10, 5, 4, 3, 2 e 1 kg e permítese, de maneira excepcional o envase de 20 e 25 kg con destino a restauración, hostalaría, así como a outros colectivos que o demanden.

3.6. Normas especiais sobre a etiquetaxe do produto a que se refire o nome rexistrado.

En todos os envases que conteñan o produto amparado deberá aparecer impreso, en tamaño dun terzo da cara principal do envase, o logotipo da IXP que figura a seguir e a inscrición «Indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia ou Patata de Galicia».

missing image file

Cada envase levará unha contraetiqueta expedida polo consello regulador, numerada correlativamente e co logotipo da indicación xeográfica.

4. Descrición sucinta da zona xeográfica.

A área xeográfica delimitada está constituída polo territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Vínculo coa zona xeográfica.

– Carácter específico da zona xeográfica:

O ámbito xeográfico definido mostra unhas condicións climatolóxicas e edafolóxicas favorables e responsables do bo desenvolvemento do cultivo e da elevada calidade da pataca de Galicia.

As características específicas do ámbito xeográfico da IXP en relación directa cos parámetros considerados como óptimos para a pataca son:

- Climatoloxía:

• Pluviometría: é de destacar a abundante pluviosidade da área delimitada, entre 1.000 e 1.500 mm/ano e mesmo máis en determinadas zonas, cun período seco en agosto e setembro.

• Temperaturas: suaves durante o desenvolvemento vexetativo da pataca.

- Edafoloxía:

Solos francos e franco-areentos, con valores de pH comprendidos entre 5 e 6,5.

- Orografía:

As diferentes zonas produtoras que se distribúen ao longo da Comunidade Autónoma de Galicia abranguen maioritariamente terreos situados en zonas chas e de altitude media ou baixa, cunhas inmellorables condicións para o cultivo de pataca.

– Carácter específico do produto:

Entre as características que confiren especificidade cualitativa á pataca de Galicia con respecto a outras procedentes doutras áreas de produción pódese destacar:

• A boa adaptación das variedades kennebec e agria aos nosos solos dá lugar á produción de tubérculos con ollos moi superficiais, unha pel fina e lisa así como cor da carne moi branca para a primeira delas e amarela para a segunda. Por outra banda, a variedade fina de Carballo é autóctona de Galicia, polo que, obviamente, presenta unha perfecta adaptación ao medio e produce tubérculos que tamén destacan pola súa fina pel, aínda que neste caso presenta os ollos profundos e a carne branca.

• Parámetros de calidade: a pataca da IXP é lixeiramente fariñenta, de consistencia bastante firme, con desintegración de lixeira a moderada e firme ao tacto. Todo iso fai que sexa ideal para calquera tipo de preparación culinaria e destaca polo seu contido en materia seca e polas súas calidades de cor, aroma e sabor despois de ser cociñada.

• Características analíticas: contido en materia seca superior ao 18 % e contido en azucres redutores inferior ao 0,4 %.

– Relación causal entre a zona xeográfica, a calidade, a reputación ou outras características específicas do produto:

As condicións naturais da zona xeográfica, en especial, a abundante pluviosidade e as temperaturas suaves, fan que os cultivos de pataca teñan un óptimo desenvolvemento vexetativo sen necesitaren a aplicación de regas –salvo na época estival en determinadas zonas e de forma puntual–, co que se consegue así un crecemento continuo dos tubérculos.

A existencia dun período seco nos meses de agosto e setembro, con déficit hídrico no solo, fai que os tubérculos producidos perdan auga antes de seren recolleitos e maduren perfectamente, formándose unha pel uniforme e resistente, o que, unido á redución do contido de auga no tubérculo, axuda á conservación deste e aumenta a súa calidade culinaria.

Nas zonas produtoras predominan os solos francos e franco-areentos con valores de pH comprendidos entre 5 e 6,5, sendo estes óptimos para este cultivo, xa que favorece a aireación do solo e, por tanto, diminúe a incidencia de enfermidades, como Pectobacterium spp. ou Rhizoctonia solani. Esta textura permite que a pel do tubérculo sexa fina e uniforme e que os tubérculos saian limpos de terra, sen que sexa necesario o seu lavado. Ademais, estes valores de pH debilmente ácido impiden a presenza dalgunhas enfermidades como Streptomyces spp.

Respecto ao factor humano, destacan, entre as prácticas culturais tradicionais, as importantes estercaduras que recibe este cultivo, ao redor de 25 ou 30 t/ha, sendo estas moi favorables para a gran calidade culinaria final da pataca producida baixo estas condicións específicas.

Referencia á publicación do prego de condicións:

http://mediorural.xunta.gal/uploads/media/P_Condiciones_Patata_de_Galicia__junio_2016.pdf