Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 27 de xuño de 2016 Páx. 26960

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2016, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Maside no núcleo rural complexo da Lamasaída.

O Concello de Maside, conforme o establecido na disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), remite o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva.

Examinada a documentación achegada polo Concello de Maside e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Maside dispón actualmente de Normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente o 29.10.1985, que tiveron seis modificacións puntuais.

I.2. A tramitación da modificación puntual foi a seguinte:

• O 23.4.2013 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental declarou a non necesidade de someter a avaliación ambiental estratéxica a modificación puntual para a delimitación do núcleo rural da Lamasaída (DOG 21.5.2013).

• Constan informes municipais: técnico, do 6.5.2013; e xurídico, do 16.5.2013.

• O 19.7.2013 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial da modificación puntual, con consideracións.

• Constan novos informes municipais, técnicos, do 23.7.2013 e 18.11.2013; e xurídico, do 20.11.2013.

• O Concello Pleno do 27.11.2013 aprobou inicialmente a modificación puntual e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios nos xornais La Región do 13.12.2013, e La Voz de Galicia do 18.12.2013; e no DOG do 30.12.2013. Non se presentou alegación ningunha.

• Deuse audiencia aos municipios limítrofes do Carballiño, San Amaro, San Cristovo de Cea, Punxín e Amoeiro, sen que contestase ningún deles.

• Constan informes da Deputación Provincial de Ourense do 14.1.2014 (desfavorable) e do 19.2.2014, favorable.

• Consta informe favorable, do 17.1.2014, da Consellería do Medio Rural e do Mar.

• Consta informe favorable, do 17.2.2014, da Subdirección General de Redes y Operadores de Telecomunicaciones do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

• Consta informe do 21.5.2014, da Confederación Hidrográfica del Miño-Sil en que solicita ao Concello que se complete determinada documentación.

• Consta informe favorable, do 23.9.2014, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, cunhas condicións que se deben cumprir.

• Solicitouse, ademais, informe a Augas de Galicia da Consellería da CMATI, sen que conste contestación. Existe informe na fase de tramitación ambiental sinalando que deben terse en conta os plans de abastecemento e saneamento de Galicia.

• O Concello Pleno do 4.2.2015, aprobou provisionalmente a modificación puntual coas modificacións requiridas nos informes sectoriais emitidos.

• Consta informe favorable do 5.2.2015 da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

• O Pleno do 27.4.2015 e 7.10.2015 aprobou provisionalmente a modificación.

• Consta novo informe favorable, do 3.12.2015, da Deputación Provincial.

• O Concello Pleno do 30.12.2015, aprobou de novo provisionalmente a modificación puntual das NSPM de Maside no núcleo complexo da Lamasaída.

II. Análise e consideracións.

II.1. O ámbito de actuación é o núcleo rural da Lamasaída e o seu contorno inmediato, e afecta, segundo as NSP vixentes, solo de núcleos rurais e solo non urbanizable (actualmente rústico). A superficie total do ámbito é de 28.555,33 m2 dos cales despois da modificación corresponden 11.785 m2 a núcleo rural histórico-tradicional; 10.252 m2 a núcleo rural común; e 6.518,33 m2 a solo non urbanizable (actualmente rústico).

II.2. O obxecto da modificación puntual é a redelimitación e ordenación normativa do núcleo rural da Lamasaída, en concordancia co establecido na disposición transitoria primeira e) da Lei 2/2010.

II.3. Na proposta excluíronse da delimitación do núcleo rural parcelas situadas na parte sureste do ámbito e a parte suroeste cualifícase como solo de núcleo rural histórico tradicional, xustificando os graos de consolidación previstos no artigo 13 da LOUG.

II.5. A modificación puntual incorpora unha nova ordenanza para o solo de núcleo rural histórico tradicional. No plano D6 –Aliñacións e tipos de vías– complétanse o trazado viario e as aliñacións do núcleo rural. Na proposta recóllense os elementos catalogados e o seu perímetro de protección, incluídos os hórreos afectados polo Decreto 449/1973, do 22 de febreiro, polo que se colocan baixo a protección do Estado os hórreos ou cabazos antigos existentes en Asturias e Galicia.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 3.a en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais corresponde á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto cánto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual das Normas subsidiarias de planeamento municipal de Maside, no núcleo rural complexo da Lamasaída.

2. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2016

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file