Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 21 de xuño de 2016 Páx. 25559

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería do Medio Rural

ORDE do 15 de xuño de 2016 pola que se dispón o nomeamento de vogais do Consello Reitor do Fondo Galego de Garantía Agraria.

O Fondo Galego de Garantía Agraria é un organismo autónomo adscrito á Consellería do Medio Rural. En desenvolvemento do mandato contido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, aprobouse o Decreto 7/2014, do 16 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria (DOG núm. 18, do 28 de xaneiro).

O artigo 19 dos estatutos do Fondo Galego de Garantía Agraria dispón que o Consello Reitor estará composto polos titulares da Presidencia, Vicepresidencia, Dirección e cinco vogais, e asistido pola Secretaría. Así mesmo, establece que serán vogais do Consello Reitor tres representantes da consellería competente en materia de medio rural, designados/as de entre persoas de recoñecido prestixio no sector lácteo-gandeiro e altos cargos ou funcionarios/as da Administración autonómica; un/unha representante da consellería competente en materia de facenda, designado/a por proposta desta, e, finalmente, un/unha representante da consellería competente en materia de conservación da natureza, designada por proposta desta.

O nomeamento destes vogais correspóndelle á persoa titular da Consellería do Medio Rural.

Con base nas circunstancias anteriores, unha vez feitas as correspondentes propostas por cada consellería, cómpre facer o nomeamento dos vogais do Consello Reitor do Fondo Galego de Garantía Agraria que, para xeral coñecemento, se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Por todo isto, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

Nomear vogais do Consello Reitor do Fondo Galego de Garantía Agraria as seguintes persoas:

a) En representación da consellería con competencias en materia do medio rural:

– Vogal: a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

– Vogal: a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal.

– Vogal: a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión da PAC do Fondo Galego de Garantía Agraria.

b) En representación da consellería con competencias en materia de facenda:

– Vogal: a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión do Fondo Social Europeo e Outros Programas Comunitarios.

c) En representación da consellería con competencias en materia de medio ambiente e ordenación do territorio:

– Vogal: a persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural