Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 20 de xuño de 2016 Páx. 25474

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 24 de maio de 2016, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada e o estudo de impacto ambiental para a ampliación dunha explotación avícola de galiñas reprodutoras no concello de Trasmiras (Ourense), cuxo titular é Semafa Soutelo, S.L. (clave 2015-IPPC-I-92).

Para os efectos previstos na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE nº 157, do 2 de xullo), e na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (BOE nº 296, do 11 de decembro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a seguinte documentación:

– Proxecto básico e estudo de impacto ambiental para solicitar a autorización ambiental integrada dunha explotación avícola de galiñas reprodutoras.

Situación: Soutelo-Trasmiras-Ourense.

Promotora: Semafa Soutelo, S.L.

Co fin de que calquera interesado poida consultala e, se for o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes. A citada documentación estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (r/ San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán consultala na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, na seguinte ligazón: http://www.cmati.xunta.es/seccion-tema/c/Prevencion_e_control_de_actividades?content=SX_Calidade_Avaliacion_Ambiental/Autorizacion_ambiental_integrada/seccion.html&ui=SX_Calidade_Avaliacion_Ambiental/Autorizacion_ambiental_integrada/dinamico/listado_ippc_central.html

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2016

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I
Memoria resumo

Clave do expediente: 2015-IPPC-I-92.

Peticionaria: Semafa Soutelo, S.L.

Domicilio social: avenida Madrid, nº 44, 1º F, 32630 Xinzo de Limia (Ourense).

Localización da instalación: Soutelo, s/n, 32695 Trasmiras (Ourense). Un punto de localización das instalacións é o definido polas coordenadas UTM (ETRS89): X: 613.191, Y: 4.652.667.

Actividade: explotación avícola de galiñas reprodutoras.

Descrición do proceso: ampliarase unha explotación de galiñas reprodutoras existente con capacidade para albergar 39.153 aves mediante a construción dunha nova nave cunha superficie útil de 1.208,25 m2, co que a explotación acada, despois da ampliación, unha capacidade máxima total para 46.764 aves. Ademais, construirase unha esterqueira de 50×15 m e un depósito estanco para augas de limpeza de 5×4 m.

O ciclo de produción das galiñas será «todo dentro-todo fóra» e terá unha duración da orde dun ano, no cal as galiñas entran na explotación ao inicio da posta con cinco meses de idade, procedentes doutras granxas de cría e saen uns once meses despois ao matadoiro deixando un mes para efectuar as operacións de limpeza.

Tras cada ciclo procederase á retirada e xestión do esterco xerado na explotación, mediante a súa valorización en parcelas agrícolas, e á desinfección das naves.

Verteduras: as augas residuais sanitarias procedentes do aseo da instalación serán tratadas nunha fosa séptica. Para recoller as augas de limpeza (auga e restos de galiñaza) realizarase unha fosa estanca de 80 m3 a cal se baleirará cada seis meses con cisterna e empregaranse como fertilizante, igual que o esterco das galiñas. As augas pluviais non se canalizarán e verteranse directamente ao terreo.