Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 20 de xuño de 2016 Páx. 25281

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 16 de xuño de 2016 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga convocada na empresa Ambuibérica, S.L. os días 21 e 23 de xuño de 2016.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público das funcións en materia de asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A organización sindical Confederación Intersindical Galega (CIG) convocou unha folga que afectará o persoal da empresa Ambuibérica, S.L., a cal presta servizos de trasporte sanitario urxente para a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061. A folga desenvolverase os días 21 e 23 de xuño de 2016, entre as 00.00. e as 24.00 horas, nas áreas de transporte sanitario urxente de Baixo Miño, Bergantiños-Costa da Morte, Barbanza-Muros e Santiago de Compostela.

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga referida enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde.

O ámbito da folga abrangue transporte sanitario urxente, organizado e xestionado pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias Galicia 061 a través da RTSU (rede de transporte sanitario urxente). O servizo préstase mediante ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado (AA-SVA) e ambulancias asistenciais de soporte vital básico (AA-SVB).

A Rede de Transporte Sanitario Urxente de Galicia (RTSUG) está organizada en razón a unha superficie, unha poboación e un complexo mapa de isócronas, onde cada recurso garante o servizo a unha poboación nunha área determinada, cun persoal especificamente formado para este tipo de asistencia, e sobre a base de que poden ocorrer accidentes e darse situacións de urxencia de difícil resolución se non están dispoñibles todos os recursos de transporte urxente, dado que non se pode prever a demanda. O número de ambulancias contratadas está axustado a esa finalidade.

En consecuencia, para garantir a protección á saúde da poboación e dar resposta ao 100 % dos servizos solicitados pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061, imponse unha cobertura do 100 % das unidades.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a necesaria cobertura asistencial respecto do transporte sanitario a través da empresa afectada pola folga, coa finalidade de evitar que se produzan prexuízos graves para a saúde. Trátase así de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa adecuada atención a enfermos e accidentados, que baixo ningún concepto poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado.

Artigo 2

Con base no exposto anteriormente, no anexo desta orde establécese o número de ambulancias precisas para cubrir os servizos mínimos durante a folga. As ambulancias asistenciais de soporte vital básico (AA-SVB) estarán dotadas con condutor e axudante e as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado (AA-SVA) con condutor.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación suficiente. A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será realizada pola empresa e notificada ao persoal designado.

O persoal designado que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a súa substitución por outro/a empregado/a da empresa que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías á poboación e usuarios do servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

A presente orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2016

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Bases e número de ambulancias asistenciais de soporte vital básico e bases e número de ambulancias de soporte vital avanzado precisos para cubrir os servizos mínimos durante as xornadas de folga (as 24 horas do día, agás nos casos expresamente mencionados).

As ambulancias asistenciais de soporte vital básico (AA-SVB) estarán dotadas con condutor e axudante. As ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado (AA-SVA) estarán dotadas con condutor.

1) Ambulancias asistenciais de soporte vital básico (AA-SVB):

Provincia da Coruña

Provincia de Pontevedra

Arzúa

A Cañiza

Boiro

A Guarda

Carballo (2 unidades)

Arbo (1 AA-SVB 12 horas)

Cee

Baiona (1 AA-SVB 12 horas)

Cerceda

Lalín

Mazaricos

Nigrán

Melide

Ponteareas (1 AA-SVB 12 horas + 1 AA-SVB 24 horas)

Muros

Porriño O

Negreira

Redondela

Noia

Silleda

Ordes

Tui

Padrón

Ponteceso

Ribeira

Santa Comba

Santiago (2 unidades)

Curtis

Vimianzo

Total: 18 bases/20 ambulancias

Total: 11 bases/12 ambulancias

2) Ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado (AA-SVA): Mos e Santiago de Compostela.