Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Venres, 10 de xuño de 2016 Páx. 23691

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (231/2013).

María Teresa Vázquez Abades, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela.

Fago saber: que por resolución ditada no día da data no proceso seguido por instancia de Alberto Luis Cereijo Gago contra Sportauto Santiago, S.L., en reclamación por cantidade, rexistrado co número de procedemento ordinario 231/2013, se acordou, en cumprimento do que dispón o artigo 59 da LXS, citar a Sportauto Santiago, S.L., en ignorado paradoiro, co fin de que compareza o día 27 de xuño de 2016 ás 12.00 horas na planta baixa, sala 1, edificio rúa Berlín, para a realización dos actos de conciliación e, de ser o caso, xuízo. Poderá comparecer persoalmente ou mediante persoa legalmente apoderada e deberá acudir con todos os medios de proba de que intente valerse, coa advertencia de que é única convocatoria e que os ditos actos non se suspenderán por falta inxustificada de asistencia.

Tense por anunciado pola parte demandante o propósito de comparecer asistido/a representado/a de avogado/a, para os efectos do artigo 21.2 da LXS, e por designado domicilio para os efectos de comunicacións, artigo 53 da LXS.

En canto á proba solicitada pola parte demandante:

– Interrogatorio de parte do representante legal de Sportauto Santiago, S.L.: procede o solicitado conforme o artigo 90.3 da LXS, sen prexuízo de que o momento procesual oportuno para formular e admitir a proba sexa o acto de xuízo (artigo 87 da LXS). Para tal efecto, fágase saber á parte demandada que deberá comparecer persoalmente ou través de persoa con poder suficiente e, en caso de persoas xurídicas, a través de quen legalmente as represente e teña facultades para responder a tal interrogatorio. Advírteselle que, en caso de non comparecer, poderá impoñérselle a multa prevista no artigo 292.4 da Lei de axuizamento civil e que se non comparece sen xusta causa á primeira citación, rexeitase declarar ou persistise en non responder afirmativa ou negativamente, a pesar do apercibimento que se lle fixese, poderán considerarse recoñecidos como certos na sentenza os feitos a que se refiran as preguntas, sempre que o interrogado tivese intervido neles persoalmente e a súa fixación como certos lle resultar prexudicial en todo ou en parte. En caso de que o interrogatorio non se refira a feitos persoais, admitirase a súa resposta por un terceiro que coñeza os feitos, se a parte así o solicita e acepta a responsabilidade da declaración.

Se o representante en xuízo non tivese intervido nos feitos deberá achegar a xuízo a persoa coñecedora directa deles. Con tal fin a parte interesada poderá propor a persoa que deba someterse ao interrogatorio e xustificará debidamente a necesidade do dito interrogatorio persoal.

A declaración das persoas que actuasen nos feitos litixiosos en nome do empresario, cando sexa persoa xurídica privada, baixo a responsabilidade deste, como administradores, xerentes ou directivos, soamente poderá acordarse dentro do interrogatorio da parte por cuxa conta tivesen actuado e en calidade de coñecedores persoais dos feitos, en substitución ou como complemento do interrogatorio do representante legal, salvo que, en función da natureza da súa intervención nos feitos e posición dentro da estrutura empresarial, por non prestar xa servizos na empresa ou para evitar indefensión, o xuíz ou tribunal acorde a súa declaración como testemuñas.

– Documental: procede o solicitado conforme o artigo 90.2 da LXS, sen prexuízo de que o momento procesual oportuno para formular e admitir a proba sexa o acto de xuízo (artigo 87 da LXS). Requírase a demandada Sportauto Santiago, S.L. para que acheguen os documentos solicitados: nóminas do demandante do último ano e boletíns de cotización á Seguridade Social de 2012, coa advertencia de que, de non o facer, poderán terse por probadas as alegacións feitas pola contraria en relación coa proba acordada (artigo 94 da LXS).

Se é o caso, sen que isto signifique a admisión da proba proposta polo demdandante, xa que este deberá propoñela e, se é o caso, o/a xuíz admitila no acto de xuízo (artigo 87 da LXS).

Advírteselle ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

En caso de que pretenda comparecer ao acto do xuízo asistido de avogado ou representado tecnicamente por graduado social colexiado, ou representado por procurador, porá esta circunstancia en coñecemento do xulgado ou tribunal por escrito, dentro dos dous días seguintes ao da súa citación para o xuízo, co obxecto de que, trasladada tal intención ao demandante, poida este estar representado tecnicamente por graduado social colexiado, ou representado por procurador, designar avogado noutro prazo igual ou solicitar a súa designación a través da quenda de oficio. A falta de cumprimento destes requisitos supón a renuncia da parte ao dereito de valerse no acto de xuízo de avogado, procurador ou graduado social colexiado.

E para que lle sirva de citación a Sportauto Santiago, S.L., expídese a presente cédula para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e colocación no taboleiro de anuncios deste xulgado.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2016

A letrada da Administración de xustiza