Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Mércores, 8 de xuño de 2016 Páx. 23042

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 62/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o cambio de titularidade de varios treitos de estradas autonómicas e locais entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ordes.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados polo decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda e o Concello de Ordes asinaron un acordo o día 27 de abril de 2016 para o cambio de titularidade de varios treitos de estradas autonómicas e locais entre ambas as dúas administracións. Este acordo recolle os cambios de titularidade a prol da Xunta de Galicia da estrada N-550 á AC-524; estrada AC-524 á N-550 e un treito da N-550 ao límite do termo municipal, e a prol do Concello de Ordes a estrada AC-417 (AC-524 - Ordes - AC-524) desde os pp.qq.: 1+100 e 0+280; estrada AC-524 (Ordes-Lanzá) desde os pp.qq.: 0+000 e 0+280, e restos da AC-413 e AC-524.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de maio de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol de:

• Concello de Ordes:

– Estrada AC-417 (AC-524 - Ordes - AC-524) desde os pp.qq.: 1+100 e 0+280

– Estrada AC-524 (Ordes-Lanzá) desde os pp.qq.: 0+000 e 0+280

– Restos da AC-413 e AC-524.

• Xunta de Galicia

– Estrada N-550 á AC-524

– Estrada AC-524 á N-550

– Treito da N-550 ao límite do termo municipal

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Ordes e a Xunta de Galicia deberán modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade ao que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Ordes e á Xunta de Galicia, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como novas administracións titulares das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de maio de dous mil dezaseis

O Presidente
P.S. (Decreto 54/2016)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda