Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Martes, 7 de xuño de 2016 Páx. 22772

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza e se aproba o proxecto de execución da planta satélite de gas natural licuado (GNL) en Melide (A Coruña), promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/23-0).

Logo de examinar o expediente instruído por instancias da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes:

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 29.8.2015 esta dirección xeral ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Melide, na provincia da Coruña (expediente IN627A 2014/16-0), que foi publicada no Diario Oficial de Galicia (8.10.2015) e no Boletín Oficial da provincia da Coruña (15.9.2015).

Segundo consta no proxecto que serviu de base para o outorgamento desta autorización administrativa:

– A subministración de gas natural farase cun módulo de regasificación de GNL (gas natural licuado) con depósito de almacenamento de 60 m3.

– A rede de distribución terá o seu inicio neste módulo, desde o cal partirá un eixe principal que posteriormente se dividirá en diferentes ramais de menor diámetro para cubrir axeitadamente a demanda de gas das diferentes áreas do núcleo urbano, e empregarase tubaxe de polietileno.

– O nivel de presión que se vai adoptar elixirase tendo en conta parámetros como o tipo de consumo que se subministrase ou o número total de clientes potenciais.

Segundo. O 14.10.2015 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) en Melide (A Coruña).

Segundo consta neste proxecto de execución, a planta satélite de GNL situarase na parcela de referencia catastral 15047A051003670000GR, polígono 51, parcela 367. Trátase dun lugar diferente ao previsto no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Melide.

Proxéctase un módulo de almacenamento de GNL cun depósito horizontal de 30 m3 de capacidade. Os elementos da planta satélite proxéctanse para poder realizar unha futura ampliación da capacidade de almacenamento mediante a instalación dun segundo depósito horizontal de 30 m3 de capacidade.

O módulo de 30 m3 proporcionará gas natural para alimentar a rede de distribución nas seguintes condicións:

– Capacidade de almacenamento de GNL: 30 m3.

– Presión normal de servizo de almacenaxe de GNL: > 4 bar.

– Capacidade de regasificación: 600 m3(n)/h.

– Presión de subministración de GN: 4 bar.

Temperatura de subministración de GN: 0-20 ºC.

Terceiro. O 10.11.2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola cal se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución denominado planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) en Melide (A Coruña), promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/23-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 11.1.2016, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 4.12.2015 e nos xornais La Voz de Galicia e El Correo Gallego do 5.1.2016, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Melide durante vinte días.

Cuarto. O 11.11.2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou a separata técnica do proxecto de execución da planta de GNL ao Concello de Melide pola súa condición de Administración con bens e dereitos afectados e para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

O condicionado emitido por este organismo foi remitido á empresa Gas Galicia SDG, S.A., quen presentou a súa conformidade ao respecto.

Quinto. O 24.2.2016 a Xefatura Territorial de A Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria emitiu informe favorable sobre o proxecto de execución denominado planta satélite de gas natural licuado (GNL) en Melide.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas, e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio, e no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral,

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a instalación da planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) en Melide, que promove a empresa Gas Galicia SDG, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da citada instalación.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura gasista que se autoriza realizarase de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora Gas Galicia SDG, S.A., titulado planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) en Melide (A Coruña), asinado polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez (colexiado nº 2.233 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industrias da Coruña) e no cal figura un orzamento de 224.339,61 €.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá expedida tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Cuarta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora realizará os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes ou, de ser o caso, pendentes de emitir.

Quinta. A empresa promotora deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sexta. A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarias para realizar as instalacións autorizadas.

Sétima. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, de ser o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas