Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 6 de xuño de 2016 Páx. 22380

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 27 de maio de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 307781.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Os viticultores inscritos no Rexistro Vitícola de Galicia (RVG) que destinen a produción de uva a vinificación.

2. Non se subvencionarán as novas plantacións de viña nin tampouco a renovación normal das viñas que chegasen ao final do seu ciclo natural, entendida como a replantación dunha mesma parcela de terra coa mesma variedade de uva de vinificación e segundo o mesmo método de cultivo.

Segundo. Obxecto

1. Regular estas axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia a través de plans (colectivos e individuais) e realizar a súa convocatoria para 2016, en réxime de concorrencia competitiva.

2. O apoio para esta medida aplicarase ás viñas de Galicia destinadas á produción de uva para vinificación cuxas persoas viticultoras non contradigan a normativa vixente en materia de plantacións para calquera das superficies de viña das súas explotacións.

Terceiro. Bases reguladoras

Esta medida de reestruturación e reconversión das viñas levarase a cabo a través de plans colectivos (mínimo de 5 persoas viticultoras) e/ou individuais, sendo prioritarios os colectivos, ademais doutros criterios de prioridade.

Poderán subvencionarse unha ou varias das seguintes actuacións:

a) Reimplantación de viñas.

b) Reconversión varietal.

c) Mellora das técnicas de xestión de viñas.

Cuarto. Importe

Estas axudas son financiadas completamente pola UE, a través do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga 100 %): 1.500.000 € (ampliables).

2016: 750.000 €.

2017: 375.000 €.

2018: 375.000 €.

As axudas poderán ser de:

a) Compensación pola perda de ingresos derivada da aplicación do plan (1.290,00 euros/ha e campaña, se for o caso).

b) Custos de reestruturación e reconversión da viña (50 % dos custos elixibles para os plans colectivos e do 35 % para os individuais).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes desde o día seguinte ao de publicación no DOG.

Sexto. Outros datos

– Prevense anticipos polo 50 % da subvención, que poderán concederse no caso de investimentos que requiran pagamentos inmediatos

– Coa solicitude achegaranse os orzamentos correspondentes a tres provedores distintos, detallando claramente os conceptos polos cales se solicita a axuda.

– Se a solicitude inclúe construír socalcos, achegarase un proxecto ou memoria elaborado por un/unha técnico/a agrario/a.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2016

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias