Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 6 de xuño de 2016 Páx. 22309

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 11 de maio de 2016 pola que se regula o réxime de subvencións ás organizacións sindicais para o ano 2016.

O artigo 4 do Decreto 106/1994, do 21 de abril, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de ámbito laboral e mellora das condicións de traballo, determina o marco xeral en que se encadran as subvencións que a consellería competente, na actualidade a Consellería de Economía, Emprego e Industria, concederá ás organizacións sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia.

En cumprimento do disposto na Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e co fin de facilitar ás organizacións sindicais o exercicio das funcións e facultades a que se refire a referida lei, en concreto a realización das funcións propias das organizacións sindicais e a promoción do funcionamento dos seus gabinetes técnicos, así como o apoio aos plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais, anúncianse os seguintes tipos de axudas para o ano 2016.

Programa I. Axudas para o desenvolvemento das actividades ordinarias das organizacións sindicais durante o ano 2016.

Programa II. Axudas para a creación e/ou o funcionamento de gabinetes técnicos das organizacións sindicais e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

O importe global das referidas axudas destinadas aos dous programas mencionados ascende a un total de 1.063.800 euros, que figura no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

Unha vez concluído o proceso de eleccións sindicais previsto no título II do actual texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e, en virtude do sistema de medición da representatividade das organizacións sindicais para os efectos das axudas previstas nesta orde, terase en conta a representatividade sindical o 31 de decembro de 2015, referida exclusivamente ao ámbito territorial de Galicia.

O Decreto 175/2015, do 3 de decembro, establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria e atribúelle á Secretaría Xeral de Emprego a execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia laboral.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e, de conformidade coas atribucións que teño conferidas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios aos fins para os cales foron establecidos,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Ámbito de aplicación

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria de axudas que concederá a Consellería de Economía, Emprego e Industria ás organizacións sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia, para o desenvolvemento das súas actividades ordinarias durante o ano 2016, para o funcionamento dos seus gabinetes técnicos e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais, co fin último da mellora das condicións de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para os efectos desta orde terase en conta a representatividade sindical o 31.12.2015, referida exclusivamente ao ámbito territorial de Galicia.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e nesta orde. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de conformidade co previsto no artigo 19.2 da Lei de subvencións de Galicia, axustándose a repartición aos criterios que se establecen nesta orde.

3. Tipos de axudas.

Programa I (TR807A). Axudas para o desenvolvemento das actividades ordinarias das organizacións sindicais durante o ano 2016.

Programa II (TR807B). Axudas para a creación e/ou o funcionamento de gabinetes técnicos das organizacións sindicais e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Artigo 2. Condicións xenéricas para os dous programas

1. Non poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde aquelas entidades que non cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non serán subvencionables os gastos financeiros, os derivados de actividades de asesoría financeira e os gastos notariais e rexistrais.

3. Non serán subvencionables os gastos derivados da compra de equipamentos informáticos nin de calquera outro tipo de investimento que supoña un incremento patrimonial.

4. Os gastos derivados de actividades de asesoría xurídica só serán subvencionables nos casos en que o asesoramento estea referido a actividades sindicais. Para estes efectos serán actividades subvencionables todas aquelas accións en que o dito asesoramento se realiza en nome e/ou representación da entidade solicitante para a defensa das persoas traballadoras ás cales representa en todo tipo de procedementos xudiciais e extraxudiciais.

CAPÍTULO II

Programa I. Axudas para o desenvolvemento das actividades ordinarias das organizacións sindicais durante o ano 2016

Artigo 3. Finalidade

Será a de facilitarlles axudas económicas ás organizacións sindicais con representación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para as actividades ordinarias que lles son propias e que se desenvolvan no ano 2016.

Artigo 4. Financiamento

Estas axudas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.324A.481.6 da Secretaría Xeral de Emprego, cun crédito por importe de 780.200 euros, co código de proxecto 2015/513.

Artigo 5. Entidades beneficiarias e actividades subvencionables

1. O crédito que figura na citada aplicación orzamentaria será proporcionalmente distribuído entre as organizacións sindicais solicitantes a que se refire o artigo 1, segundo o número de representantes que tivesen o 31 de decembro de 2015, en virtude das eleccións celebradas nas empresas e nas administracións públicas no ámbito de Galicia. Terase en conta o número de representantes que teñan as organizacións sindicais baixo a denominación con que figuren rexistradas na data antedita.

2. Terán a condición de actividades subvencionables as actuacións ordinarias e habituais realizadas polas organizacións sindicais que impliquen o normal desenvolvemento das funcións que lles son propias.

CAPÍTULO III

Programa II. Axudas para a creación e/ou o funcionamento de gabinetes técnicos das organizacións sindicais e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais

Artigo 6. Finalidade

Será a de apoiar o funcionamento dos gabinetes técnicos das organizacións sindicais nas actividades específicas das materias que lles son propias, así como a de facilitar e favorecer a formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Artigo 7. Requisitos dos gabinetes técnicos

Para poderen ser obxecto de subvención, os gabinetes técnicos das organizacións sindicais deberán estar integrados, como mínimo, por dúas persoas, unha das cales deberá ter unha titulación de grao ou equivalente. Estas persoas estarán contratadas a xornada completa para a realización das actividades propias dos gabinetes.

Artigo 8. Financiamento

Estas subvencións financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.324A.481.7 da Secretaría Xeral de Emprego, cun crédito por importe de 283.600 euros, co código de proxecto 2015/514.

Artigo 9. Entidades beneficiarias e actividades subvencionables

1. O crédito será proporcionalmente distribuído entre as organizacións sindicais intersectoriais que o soliciten, segundo o número de representantes que tivesen o 31 de decembro de 2015, en virtude das eleccións realizadas nas empresas e nas administracións públicas no ámbito de Galicia. Terase en conta o número de representantes que teñan as organizacións sindicais baixo a denominación con que figuren rexistradas na data antedita.

2. Terán a condición de actividades subvencionables as actuacións de carácter concreto e específico realizadas polos gabinetes técnicos das organizacións sindicais que impliquen o normal desenvolvemento das súas funcións, así como a impartición de actividades formativas dirixidas a cadros e delegadas e delegados sindicais. No caso de actividades formativas, os custos subvencionables por participante e por hora de impartición determinaranse de acordo cos módulos económicos máximos establecidos no anexo I da Orden TAS/718/2008, do 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento (BOE nº 67, do 18 de marzo de 2008).

3. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde que teñan por finalidade o financiamento de plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais, poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización do plan de formación tendo en conta que a subcontratación non pode supoñer un aumento do custo de execución do plan subvencionado e que deberá ser realizada consonte o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais, os/as subcontratistas deberán facilitarlles aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas. Esta subcontratación poderá chegar ata o 100 % do importe do plan.

Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscriba por escrito.

b) Que a súa subscrición a autorice previamente a Secretaría Xeral de Emprego a través de comunicación escrita.

CAPÍTULO IV

Procedemento

Artigo 10. Solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

2. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 11. Prazo de presentación

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa ou entidade solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

4. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 13. Documentación xeral

Cada solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Copia do DNI ou NIE da persoa representante da central sindical no caso de que non se autorice expresamente a comprobación dos datos por medio de acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade, segundo o establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro.

b) Acordo do órgano reitor competente, debidamente acreditado, polo que se decida solicitar a subvención e poder suficiente que acredite a representación da persoa que actúe en nome da organización sindical solicitante. No caso de que unha federación ou confederación efectúe a solicitude da subvención en nome doutros sindicatos con representatividade deberá xuntar documentación acreditativa na cal conste a autorización dos sindicatos para que a confederación a solicite no seu nome.

c) Memoria explicativa da actividade ou actividades desenvolvidas ou que vaia desenvolver a organización sindical ou o seu gabinete técnico e sobre o plan de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais, segundo o tipo de axuda que se solicite. En todo caso, as actuacións corresponderán ao ano 2016 e deberán constar de xeito detallado e específico.

d) Certificados de débedas expedidos pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, no caso de denegar expresamente a súa consulta á Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 14. Documentación específica

Programa II (TR807B)

1. As organizacións sindicais solicitantes das axudas relativas a este programa, ademais de achegar a documentación sinalada no artigo anterior, deberán acreditar que teñen a condición de intersectoriais.

2. Cando se trate de axudas para o funcionamento de gabinetes técnicos, tamén se deberá xuntar copia compulsada dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete e os documentos expedidos pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social que acrediten a súa alta, así como a realización dunha xornada a tempo completo como persoal traballador da central sindical solicitante.

Artigo 15. Tramitación

1. Logo da recepción de solicitudes, o Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral da Secretaría Xeral de Emprego comprobará se cada solicitude presentada coa súa correspondente documentación reúne os requisitos exixidos nos artigos anteriores e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase a entidade interesada para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se dará por desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

2. Unha vez realizado o trámite anterior, os expedientes remitiranse á Comisión de Valoración para que emita informe previo á elevación ante o órgano competente para formular a proposta de resolución.

3. Para os efectos do disposto no número anterior, a Comisión de Valoración estará formada polos seguintes membros: a persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, quen presidirá; a persoa titular do Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral, unha persoa titular dunha sección do Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral e unha persoa funcionaria designada pola Presidencia da comisión, que actuará como secretaria.

4. Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puider asistir, será substituída polo funcionario ou funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e o nomeamento deberá recaer nunha persoa cuxo posto de traballo estea adscrito á dita secretaría xeral.

Artigo 16. Resolución

1. A resolución das axudas, logo do informe da Comisión de Valoración, da proposta da persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais e da fiscalización da Intervención Delegada da consellería, corresponderalle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e notificaráselles ás entidades interesadas no prazo de dez días a partir da data en que se dite a resolución.

Unha vez notificada a resolución definitiva, as entidades interesadas disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. O prazo para resolver e notificar será de tres meses contados desde o peche do prazo de presentación de solicitudes. A dita resolución poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

3. Transcorrido o prazo para resolver o procedemento sen que se dite resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da axuda ou subvención.

4. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Economía, Emprego e Industria publicará na súa páxina web e no DOG a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a súa publicación na citada páxina web.

5. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 17. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a referida secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.es

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. Unha vez notificada a resolución de concesión de subvención e previamente ao seu cobramento, a entidade beneficiaria dispoñerá dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal, sen que se producise manifestación expresa, se entenderá tacitamente aceptada segundo o disposto no artigo 21.5, parágrafo 2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, o prazo de presentación da xustificación das axudas concedidas rematará o 31 de outubro do 2016, agás que na resolución de concesión se estableza unha data posterior.

2. No momento en que se teña constancia da aceptación da subvención concedida, poderanse realizar pagamentos anticipados para os dous programas, logo de solicitude en concepto de anticipo, e de acordo coas seguintes condicións establecidas no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, ata o 80 % da subvención concedida.

b) Cando a subvención supere os 18.000 euros, poderanse conceder pagamentos dun 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros.

3. As axudas, con carácter xeral, poderán facerse efectivas nunha ou varias fases. A Administración poderá efectuar un pagamento único ou varios pagamentos parciais á entidade beneficiaria segundo se xustifique a realización das actividades subvencionadas e os gastos delas derivados.

4. De conformidade co disposto no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, poderanse acordar pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva, á medida que a entidade beneficiaria xustifique os gastos, ata unha porcentaxe máxima do 80 % da subvención concedida.

5. Documentación xustificativa:

a) Certificacións, en que figuren a desagregación detallada dos gastos contraídos polas actividades obxecto de subvención, expedida pola persoa representante da central sindical solicitante.

b) Facturas orixinais ou copias compulsadas, debidamente conformadas pola persoa representante do sindicato e seladas pola entidade emisora, nas cales figure o destino concreto do gasto, que deberá axustarse á finalidade da subvención. Ademais, deberanse presentar os xustificantes de pagamento das ditas facturas, de acordo co disposto nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Non se admitirán as xustificacións de gastos realizadas mediante pagamentos en efectivo.

c) Declaración de que as facturas e demais documentación que se presenten para o efecto de xustificar o gasto subvencionado non foron nin serán presentadas como xustificación para a concesión doutras axudas por calquera outra Administración pública competente ou por outros entes públicos ou privados.

d) No caso de presentar nóminas como xustificación de gastos de persoal, tamén se achegarán os seguintes documentos:

1º Relación nominal das persoas traballadoras cos seguintes datos: nome, tipo de contrato e xornada de traballo.

2º Os xustificantes correspondentes ás cotizacións da Seguridade Social (RLC e RNT, sistema de liquidación directa Proxecto Creta).

3º Transferencias bancarias do seu pagamento.

e) No caso de xustificar gastos derivados de asesoría xurídica, tamén deberán presentar unha certificación da persoa representante da central sindical na cal se especifique o concepto, os termos, o importe e os datos identificativos da persoa ou persoas ou da entidade que presta o dito asesoramento.

f) No caso de que se realice a subcontratación das actividades subvencionadas prevista no artigo 9 desta orde, as entidades beneficiarias da axuda para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais tamén achegarán, cando for necesario, copia compulsada do contrato subscrito con terceiros para a execución total ou parcial das ditas actividades, segundo o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) No momento da xustificación das actividades subvencionadas deberá presentarse declaración expresa de non incorrer nas circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Esta declaración deberá ser individualizada para cada programa.

h) No momento da xustificación total da actividade subvencionada deberá presentarse declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou privados; se é o caso, indicarase na declaración que non solicitou ou percibiu outras axudas ou subvencións (segundo os modelos do anexo II e IV).

Esta comunicación deberá ser individualizada por programa e deberá efectuarse tan pronto se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

i) No momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso antes do último pagamento, deberase presentar unha memoria detallada de todas as actividades realizadas no ano 2016 dentro de cada un dos programas obxecto de subvención. Deberán constar datas e lugares de realización, así como o contido das ditas actividades.

j) Ademais do disposto nas alíneas anteriores, na memoria das actividades realizadas e subvencionadas no marco do Programa II e segundo o suposto de que se trate, faranse constar:

1º Aquelas actuacións propias e específicas da materia a que se dedique o gabinete técnico da central sindical solicitante.

2º Se é o caso, certificación do representante legal da central sindical solicitante que acredite as persoas adscritas ao gabinete técnico correspondente.

3º No caso de plans de formación, deberán presentar unha relación detallada dos cursos e demais actividades formativas desenvolvidas durante o ano 2016, especificando as datas e os lugares de realización efectiva, o número de horas e a porcentaxe mínima de asistencia exixida, xunto cunha estatística co número de asistentes ás actividades formativas desagregada por sexo. No caso de cursos de formación, deberán achegarse os controis de asistencia de cada alumna ou alumno.

6. En todo caso, as ditas xustificacións poderanse complementar cos medios de xustificación previstos nos artigos 46 e 47 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e terán que presentarse antes do 31 de outubro de 2016.

7. Cando o importe do gasto subvencionable supere os 18.000 euros, de acordo co establecido no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, á prestación do servizo ou á entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

8. Transcorrido o prazo establecido sen ter presentado a xustificación dos gastos ante o órgano administrativo competente, este requirirá a central sindical beneficiaria para que no prazo improrrogable de 10 días a presente. Así mesmo, cando o órgano competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de 10 días para a súa corrección. A falta de presentación da xustificación ou a non corrección no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención (artigos 45 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

9. Non poderá realizarse, en ningún caso, o pagamento da subvención mentres a central sindical beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, mentres sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

CAPÍTULO V

Compatibilidade, obrigas, seguimento e control

Artigo 19. Compatibilidade e prohibicións

1. A central sindical solicitante non poderá atoparse incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria de subvencións sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, circunstancia que se xustificará mediante a declaración contida no anexo I desta orde.

2. Estas axudas serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo de que o importe das subvencións percibidas, illadamente ou en concorrencia con outras axudas ou subvencións, non supere o custo da actividade que se vai desenvolver.

Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Acreditar, con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que se atopan ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención. A Secretaría Xeral de Emprego poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados.

No caso de presentar nóminas como xustificación de gastos de persoal, achegarase antes do 10 de febreiro de 2017 o modelo 190 relativo ás retencións en concepto de IRPF polos períodos e persoas correspondentes.

Cando se trate de axudas destinadas ao funcionamento de gabinetes técnicos das organizacións sindicais, achegaranse antes do 10 de febreiro de 2017 os xustificantes correspondentes ás cotizacións da Seguridade Social (RLC e RNT, sistema de liquidación directa Proxecto Creta), onde figuren os traballadores e as traballadoras con adscrición ao gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2016 ou desde a data da súa creación, se esta for posterior, ata o 31 de decembro de 2016.

3. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

5. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, funcións para as cales poderá designar, mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, técnicos ou funcionarios desa consellería; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou doutros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación segundo o establecido no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Revogación e reintegro

1. No caso de que a entidade beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Economía, Emprego e Industria procederá ao reintegro total ou parcial da subvención concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora xerados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Os criterios de graduación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións serán os seguintes:

a) No caso de obter a axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que a impedirían, así como a renuncia posterior á resolución definitiva, procederá o reintegro total.

b) No caso da obtención concorrente doutras achegas, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo total da actividade realizada.

3. Cando non se realice integramente a actividade prevista, valorarase o nivel de realización e o importe da subvención será proporcional ao dito nivel.

Artigo 23. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento dos programas de actuación.

2. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 24. Outra documentación

A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquelas que de acordo co artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atopen en poder da Administración actuante.

Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde; para autorizar, dispoñer, recoñecer as obrigas e propoñer os pagamentos correspondentes a estas subvencións, así como para resolver os procedementos de revogación das subvencións concedidas e os reintegros de subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión, das que traen causa, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposicións derradeira primeira. Lexislación supletoria

En todo o non regulado nesta orde aplicarase de forma supletoria a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2016

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file