Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Xoves, 2 de xuño de 2016 Páx. 21218

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 25 de maio de 2016 pola que se crea unha oficina e se modifican cinco oficinas de rexistro auxiliar pertencentes ao Sistema único de rexistro.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón no seu artigo 8.2 que a creación, modificación ou supresión das oficinas de rexistro auxiliares se fará mediante orde da consellería competente en materia de administracións públicas, por proposta da consellería ou entidade correspondente, logo de informe da Oficina de Rexistro Xeral.

No anexo I do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 196, do 13 de outubro), figura a listaxe inicial de oficinas de rexistro. A relación actualizada delas está á disposición da cidadanía no portal institucional www.xunta.es, segundo o previsto na disposición adicional segunda dese decreto.

Debido á modificación da estrutura orgánica da Xunta de Galicia, mediante o Decreto 116/2015, do 4 de outubro, e o Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, xurdiu a necesidade de crear novas oficinas de rexistro, así como de modificar outras existentes para reflectir unha nova localización ou denominación.

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación dunha oficina de rexistro auxiliar

Créase a seguinte oficina de rexistro auxiliar:

– Rexistro Auxiliar da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, que estará situada na avenida Fernando de Casas Novoa, núm. 37, portal A, 1º andar, en Santiago de Compostela.

Artigo 2. Modificación de oficinas de rexistro auxiliar

Modifícanse as seguintes oficinas de rexistro auxiliar:

– Modifícase o enderezo do Rexistro Auxiliar da Dirección Xeral de Xustiza, que pasa a estar situado na rúa Madrid, 4, en Santiago de Compostela.

– Modifícase o enderezo do Rexistro Auxiliar da Dirección Xeral de Administración Local, que pasa a estar situado na rúa Madrid, 4, en Santiago de Compostela.

– Modifícase o enderezo do Rexistro Auxiliar da Secretaría Xeral para o Deporte, que pasa a estar situado na rúa Madrid, 4, e modifícase a súa denominación, que queda dese modo.

– Modifícase a denominación e o enderezo do Rexistro Auxiliar do Centro Ramón Piñeiro en Humanidades, que pasa a denominarse Rexistro Auxiliar da Secretaría Xeral de Política Lingüística, con novo enderezo na rúa de San Roque, 6.

– Modifícase o Rexistro Auxiliar da extinta Xefatura Territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en Ourense, situado na rúa de Sáez Díez, 1, en Ourense, que pasa a prestar funcións de Rexistro Auxiliar da Xefatura Territorial de Infraestruturas e Vivenda en Ourense, con esta denominación e nese mesmo enderezo.

Disposición derradeira primeira

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Nesa mesma data, actualizarase para a cidadanía a relación de oficinas de rexistro auxiliar, existente na páxina web institucional.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza