Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Mércores, 1 de xuño de 2016 Páx. 21099

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 27 de maio de 2016 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión das axudas da Orde do 23 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e Sofor, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2016.

O día 30 de decembro de 2015, a Consellería do Medio Rural publicou a Orde do 23 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e Sofor, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2016, cunha dotación orzamentaria de 3.500.000 euros.

No seu artigo 26 precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas e sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar.

A súa dotación orzamentaria ascende á cantidade de 3.500.000 euros para o ano 2016. Coa finalidade de amparar o maior número de solicitudes de axuda para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios en montes veciñais en man común e Sofor, no marco das axudas ao desenvolvemento rural en Galicia e, posto que esta dotación resulta insuficiente, cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación orzamentaria

Amplíase a Orde do 23 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e Sofor, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2016, con cargo ás dispoñibilidades orzamentarias existentes na aplicación 13.02.551B.770.0 por importe de 1.800.000,00 euros na anualidade 2016. O total do importe económico previsto para o financiamento das axudas sinaladas ascende a 5.300.000 euros.

Esta dotación poderá ser incrementada con fondos comunitarios, do Estado ou da Comunidade Autónoma.

Artigo 2. Recursos

A presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderá ser impugnada potestativamente en reposición no prazo dun mes desde a súa publicación, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ser impugnada directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, segundo o disposto no artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contados a partir do día seguinte á publicación desta orde.

Disposición derradeira única

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural