Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Martes, 31 de maio de 2016 Páx. 20880

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 27 de maio de 2016 pola que se modifica a Orde do 23 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a creación e funcionamento de grupos operativos de innovación da Asociación Europea de Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2016.

O día 30 de decembro de 2015 a Consellería do Medio Rural publicou a Orde do 23 de decembro de 2015 (DOG núm. 248, do 30 de decembro) pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a creación e funcionamento de grupos operativos de innovación da Asociación Europea de Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2016.

O artigo 24 desta Orde do 23 de decembro de 2015 regula o prazo para xustificar a subvención conforme coa data límite do 1 de xuño 2016, salvo casos excepcionais debidamente autorizados polo órgano xestor de acordo co artigo 45.3 do Regulamento 9/2011, logo da petición do beneficiario.

Polo número de solicitudes presentadas ao abeiro da Orde do 23 de decembro de 2015 e a complexidade da análise das referidas solicitudes, o proceso administrativo de resolución das axudas concedidas ao abeiro da dita orde alongouse no tempo de tal xeito que a data de resolución podería ser posterior á data de xustificación inicialmente prevista para o 1 de xuño de 2016. Por esta circunstancia é necesario modificar a referida data de xustificación prevista na Orde do 23 de decembro de 2015.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 23 de decembro de 2015 (DOG núm. 248, do 23 de decembro) pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a creación e funcionamento de grupos operativos de innovación da Asociación Europea de Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2016.

O número 1 do artigo 24 queda redactado do seguinte xeito:

«1. O coordinador do grupo operativo xustificará a subvención, coa data límite do 1 de xullo de 2016, salvo casos excepcionais debidamente autorizados polo órgano xestor acorde co artigo 45.3 do Decreto 11/2009, logo da petición do beneficiario».

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural