Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Venres, 27 de maio de 2016 Páx. 20459

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 4 de maio de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do programa de infravivenda no ámbito da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 305959.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións ( http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index ):

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes que estean situados no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago.

Segundo. Obxecto

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes, situados no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago, para que poidan axudar, con carácter urxente, as unidades de convivencia que habiten, en condición de propietarias, nunha vivenda que se encontre en mal estado de conservación e non dispoñan de recursos económicos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade. Así mesmo, estas subvencións tamén terán por obxecto permitir aos concellos rehabilitar edificacións ou vivendas do seu patrimonio municipal para destinalas a solucionar os problemas de residencia das unidades de convivencia que cumpran os requisitos fixados nesta orde.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras establécense nesta orde.

Cuarto. Importe

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451A.760.00, por importe de 500.000 euros, con cargo á anualidade 2016, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As axudas aos concellos para as actuacións sinaladas poderán acadar ata o 80 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 12.000 euros por edificación.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e terminará cando se esgote a partida orzamentaria contida nesta convocatoria e, en todo caso, o 30 de novembro de 2016.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2016

O secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Vivenda
P.S. (Orde do 4.12.2015; DOG núm. 236, do 11 de decembro)
José Antonio Domínguez Varela
Vicesecretario xeral da Consellería de Infraestruturas e Vivenda