Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 26 de maio de 2016 Páx. 20362

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2016, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se somete a información pública o anteproxecto para a implantación dun servizo de transporte público regular de uso xeral á praia das Catedrais.

De acordo coa Lei 9/2013, do 4 de xullo, pola que se modifica a Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres (LOTT) e, en concreto, coa disposición transitoria primeira, a Dirección Xeral de Mobilidade procedeu a elaborar o anteproxecto para a implantación dun servizo de transporte público regular de uso xeral á praia das Catedrais, para prestar nos meses de xullo, agosto e setembro de 2016. Este servizo é continuidade do establecido e prestado durante o período 2010-2015, en réxime de autorización administrativa con base no Decreto da Xunta de Galicia 98/1994, do 28 de abril, polo que se regula o transporte regular de viaxeiros ás praias e na anterior redacción da LOTT.

A adxudicación deste servizo realizarase de conformidade co previsto no artigo 73 da LOTT.

Xa que logo, consonte co establecido no Decreto 98/1994 anteriormente citado, no Decreto da Xunta de Galicia 80/2005, do 31 de marzo, polo que se regulan os servizos de transporte público a lugares de lecer, na LOTT e no Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da LOTT, sométese a información pública, durante o prazo de dez días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, o anteproxecto para a implantación dun servizo de transporte público regular de uso xeral á praia das Catedrais.

O documento íntegro poderase examinar nas dependencias da Dirección Xeral de Mobilidade sitas na praza de Europa, 5A, 2ª andar, Área Central, 15707 Santiago de Compostela, ou solicitar a súa remisión por correo electrónico no prazo de información pública ao enderezo electrónico mobilidade.civ@xunta.gal .

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2016

Helena de Lucas de Santos
Directora xeral de Mobilidade