O 27 de abril de 2016 a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural ditou resolución de modificación do acordo de concentración parcelaria da zona da Graña-Campo (Covelo-Pontevedra), que se transcribe a continuación:
O acordo de concentración parcelaria da zona da Graña-Campo (Covelo-Pontevedra) foi aprobado pola Direción Xeral de Competencia por razón da materia con data do 8 de setembro de 2004, publicado na forma legalmente establecida, e atópase na actualidade pendente de firmeza.
Con posterioridade a estes actos, o Concello de Covelo solicitou a cesión da titularidade dos predios, e para os fins, que se indican a continuación:
– Predio 457, para depuradora de augas residuais.
– Predio 340, para centro social e área recreativa.
Vista a proposta da xunta local da zona, a disposición transitoria primeira da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, a Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973, a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro, a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na sua redacción segundo a Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións vixentes de aplicación para o caso.
Á vista dos destinos para os que se solicitan os referidos predios, e respecto dos que son perfectamente subsumibles no suposto recollido no artigo 32 da antedita lei galega, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Modificar o acordo de concentración parcelaria da zona da Graña-Campo (Covelo-Pontevedra), e adxudicar ao Concello de Covelo a titularidade dos predios 457 e 340 –que causan baixa no fondo de terras da zona– para seren destinados aos fins que se recollen na parte expositiva da presente resolución.
Segundo. Transcorridos cinco anos desde a cesión das propiedades sen que os predios fosen destinados aos fins para os cales son adxudicados, a titularidade dos referidos predios reverterá sobre o fondo de terras da zona, o Patrimonio da Comunidade Autónoma, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ou outra entidade que corresponda, segundo o caso.
Terceiro. Ordenar que á presente resolución se lle dea a oportuna publicidade, sen prexuízo da súa notificación ao Concello de Covelo.
Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderán interpor recurso de alzada ante a persoa titular da consellería do Medio Rural no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.
Pontevedra, 6 de maio de 2016
Antonio Crespo Iglesias
Xefe territorial de Pontevedra